FASE DE ASCENSO INFANTIL.
C.D. CALASANZ - E.F. LALÍN: 1-3

Sempre dixemos que o equipo infantil da EFL tiña calidade, gol, etc. Pero tamén sabiamos que xogara unha liga pouco competitiva e, quizais por iso, xurdían dúbidas: ¿E se na fase de ascenso nos toca un equipo con poderío físico e que saiba a que xoga, seremos quen de dobregalos? Nada mellor para saír de dúbidas ca que nos tocase un equipo así : o C.D. Calasanz da Coruña, poderoso fisicamente, con calidade e cunha afección que case encheu esta fin de semana as bancadas da Grela II e animou aos seus continuamente.
Os escasos siareiros da EFL que nos desprazamos (non eramos máis de 30) vivimos algo angustiados o comezo de partido porque nos primeiros minutos o dominio do Calasanz era total. Pero as dúbidas empezaron a despegarse cando, na primeira contra (minuto 6), Adrián controla un balón perto da área, desfaise en velocidade dos dous centrais e remata á escadra para poñer o 0-1. A partir dese momento, os nosos asentáronse no campo e, aínda que o Calasanz tiña maior posesión do balón, controlaron ben o partido e ningún equipo creaba ocasións de gol claras. Pero case a piques de irnos ao descanso, un pequeno empuxón dun dos nosos defensas na área foi sancionado polo colexiado con penalti. Kevin nada puido facer e co 1-1 chegabamos ao descanso.
No descanso, os móbiles fumegaban. Chamada de Montoto, de Quiroga, de siareiros... que querían coñecer o resultado. E entrada de Sueiro nas instalacións da Grela II. Con el chegou a tranquilidade: non pasa nada, cousas do fútbol.... dicía cando algúns dos pais lle comentaban que o contrario estaba empregándose con demasiada intensidade e o colexiado non cortaba o xogo brusco.
Mentres, Willi, no vestiario, daba as últimas consignas para a 2ª parte.Nós non sabemos cales foron esas consignas, habería que preguntarlles aos xogadores, pero foran as que foran, funcionaron.
Na segunda parte o noso equipo foi superior, baste con dicir que o Calasanz só tirou un par de veces á nosa portería e sen excesivo perigo. Pola contra, os nosos infantís, cando tiñan a pelota tentaban tocala e cando a tiña o contrario presionaban continuamente, sempre con dous ou ata tres xogadores nosos rodeando ao contrario. O esforzo que fixeron todos, o que correron, o que se sacrificaron merece todos os eloxios. E así chegou o 2-1 nun tiro cruzado de Dani. Pouco despois, nunha vaselina de Adrián a pase de Marco, é un defensor do Calasanz quen saca o balón de debaixo dos paus cando xa se coaba e, cinco minutos máis tarde nunha xogada similar, outra vez un defensor volve sacar o balón co porteiro batido. Como, pese ao noso dominio, o balón non quería entrar, xa dabamos por bo o resultado cando Brais entra na área regatea ao contrario e... cambadela. Edu transformaría o penalti no definitivo 1-3.
E aí acabou a primeira parte dunha eliminatoria que terá continuación o próximo DOMINGO no Manuel Anxo Cortizo. O resultado é bo, sen dúbida, e se antes a eliminatoria estaba ao 50%, agora está un pouco mellor para nós. Pero coidado co Calasanz, é un gran equipo e se nos fiamos pasarémolo moi mal. Así que xa sabedes, o domingo (probablemente ás 12,00 ,pero xa vos informaremos) ten que acudir todo o mundo ao Manuel Anxo Cortizo a animar aos infantís porque ESTE TEN QUE SER O ANO DO ASCENSO!
GRAZAS A TODO O EQUIPO POLO QUE NOS FIXESTES DISFRUTAR , PERO LEMBRADE QUE ISTO AÍNDA NON REMATOU. QUEDAN 80' ¡¡