Mostrando entradas con la etiqueta Novas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Novas. Mostrar todas las entradas

25/11/09

o venres: ASEMBLEA de SOCIOS/AS

Este venres, 27 de Novembro, está convocada a
ASEMBLEA XERAL de SOCIOS/AS, é dicir, de pais, nais ou titores dos xogadores da EF Lalín.
Será, coma sempre, no Salón de Actos do IES Laxeiro da vila
ás 21.00 horas.
A orde do día é a seguinte:
1.-Lectura e aprobación, se procede, da acta anterior.
2.-Presentación da Páxina Web da EFL.
3.-Información Deportiva: xogadores, adestradores, equipos...
4.-Información Económica (Orzamento Tempada 2009-2010)
5.-Preguntas e suxestións.
Agárdase que esteades todos e todas para dar opinións e mellorar a Escola.

15/11/09

O inferno nas gradas do campo

Despois de 6 tempadas son continuas as queixas dos pais/nais da EFL (e dos afeccionados en xeral) cando se achegan ao Manuel Anxo Cortizo para ver un partido de fútbol no campo de herba artificial. Resulta un castigo querer presenciar un encontro cando chove (e mira ti que hai unha media de 7 entre o sábado e o domingo). Porque cando chove esa piscina é molladura segura. E non digamos se á choiva se lle engade o vento. Iso xa é un auténtico suplicio. Todos nos preguntamos se aos enxeñeiros que deseñaron os gradaríos non lles quedaría descansada a cabeza de tanto pensar como retirar á xente dos partidos ou se, pola contra, non cobraron o estipulado polo seu traballo. Porque mira ti que nin adrede se logra protexer menos gastando tanto en cemento. E o de que serven para os dous campos é outra coña, pois para ver ao CD Lalín hai gradas vellas que, polo menos, resgardan.En fin, que os seareiros de todos os clubs que utilizan o campo de herba artificial do estadio Manuel Anxo Cortizo, especialmente os da Escola de Fútbol Lalín, maioritarios, están verdadeiramente fartos de mollarse e sufrir ese inferno de auga e vento para poder gozar do seu deporte favorito e dos seus fillos, tanto en partidos como en adestramentos.
Por iso, e porque non se poden calar as constantes queixas, hai que preguntar: Para que se fan as instalacións deportivas? Non será para fardar no canto de fomentar o deporte? Quen pode aguantar un partido nesas condicións?
Na EFL cremos que, desde o Concello, xa é hora de buscar unha solución a este grave problema (xa sexa un pequeno gradarío cuberto do outro lado ou unha critaleira protectora no existente). Cando chove e fai vento, a grada non pode converterse nesa infernal piscina de cada fin de semana. Os que van ao campo (que son moitos e teñen voz) sábeno ben. As fotos son para os que nunca aparecen por alí.

28/10/09

Xa somos máis de 200!!!!

Por se aínda quedaban algúns incrédulos que dubidaban da consolidación da Escola de Fútbol Lalín, as cifras son elocuentes: acabamos de superar os 200 anotados. Concretamente a día de hoxe están adestrando nada menos que 204 xogadores, un auténtico record.
Pero ao tempo que celebramos e agradecemos esta confianza que a sociedade lalinense e dezá deposita en nós, o que supón aínda máis traballo e dedicación, non podemos deixar de ollar o futuro e facernos preguntas que calquera que mire con seriedade para este tipo de entidades debe facerse.

Por exemplo:
-É lóxico ter a 200 rapaces e rapazas adestrando pola semana nun único campo?
-É lóxico que cada fin de semana se teñan que facer malabares e amontoar os partidos no campo de herba artificial?
-É lóxico que non se poidan incrementar os equipos da EFL (polo tanto que queden moitos rapaces sen xogar) debido á falta de instalacións?
-Pode sobrevivir economicamente a EFL coas escasas axudas que se lle concede desde os organismos oficiais?
Finalmente, mentres desde "as altas instancias" se mima a outras entidades
-Por que non se mira doutro xeito para a Escola de Fútbol Lalín?

17/10/09

infantil B: o debut na casa

Bo partido o que ofreceu o equipo Infantil B que dirixe César Reboredo, fillo, na mañá do sábado ante os seus seareiros. Era o debut na casa e os xogadores saíron dispostos a resolver canto antes o partido contra o San Mamede. E así, nun espectacular primeiro tempo no que meteron tres goles, pero mereceron moitos máis, deixaron todo sentenciado. Na segunda, entre cambios e certo cansazo, non houbo goles, pero si gañas de agradar polas dúas partes. En pé: César (adestrador), Gonzalo, Alex, Edu, Leo, Caxide, Xabi, Alberto, Martín e Ionatan. Anicados: Iago, Juanjo, Rubén, Marcos, Brais, Serxio e Marco.
Noraboa e a seguir así.
Segundo gol: duro disparo de Leo e Alberto atento ao rexeite.
Saudando desde o círculo central.
Ninguén se encolle no xogo aéreo. Os seareiros, atentos a todo.
Rubén, cun magnífico partido, desbordando pola súa banda.

14/10/09

Edu e Adrián convocados coa Sub-16 galega

Estaba cantado porque o seleccionador xa nolo adiantara na pretempada, pero agora ven de confirmalo telefonicamente: o cadete Edu e o infantil Adrián van ser convocados a un adestramento coa selección galega sub-16 que terá lugar o mércores 21 na Coruña.
O magnífico final da tempada pasada do de Piñor, coroado co ascenso a Liga Galega Infantil, e máis a titularidade no equipo Cadete nesta, fixeron que Eduardo Fernández Díaz, EDU, fose seguido polo corpo técnico da Federación. A enorme competencia que vai ter, pois non olvidemos que a lista recolle o mellor dos equipos de Liga Galega e División de Honra, é un aliciente máis para valorar esta merecida convocatoria.
Pola súa banda, a chamada do infantil Adrián Iglesias Moure, o "Matador" da EFL, prexudicado pola desaparición da sub-14 galega, onde tería posto seguro, non deixa de ser sorprendente e indicativa do potencial do noso dianteiro, pois vai competir cos mellores xogadores cadetes de 2º ano. Lembremos que se trata doutros dos artífices do ascenso a Liga Galega infantil, categoría na que xa leva 15 goles en só cinco partidos e que, como é sabido, está no punto de mira de olladores de grandes equipos.
Parabéns, pois, para Edu e Adrián, e ledicia na EFL por esta noticia que refrenda o traballo da entidade dezá.

20/9/09

Excelentes Xuvenís e Cadetes

Viñeron as festas e todo parecían problemas, especialmente cos porteiros. Pero as tres victorias dos tres equipos equipos da EF Lalín, dúas en Liga Galega, os 13 goles a favor e cinco en contra e, sobre todo, o magnífico xogo combinativo que amosaron xuvenís, cadetes e infantís, fai que como escola de formación vexamos o futuro máis esperanzados ca nunca.
O sábado pola tarde os xuvenís de Toño, con Diego por fin na portería, resolvían a papeleta do Dubra cun claro 3-1 e colocábanse en posición para aspirar a moito nesta Liga. O equipo segue a trasmitir as boas sensacións de toda a pretempada: hai potencial e xoga ao fútbol, como quere o adestrador, e iso agradéceno os seareiros, polo que, cando menos no noso campo, viviremos magníficos partidos. A pesar diso, non convén confiarse, porque isto acaba de empezar.

De pé: Diego, Mouriño, Manuel, Brei, Diogo, Pacheco, Marcos, Alvarellos, Currás, Javi e Toño (adestrador). Anicados: Reboredo (delegado), Novoa, Roi, Pablo, Dani e Xosé Manuel.

E o domingo pola mañá chegaba o turno dos cadetes de Willi, quen, nunha atinada decisión, convocou a todos os seus efectivos (hai que estar co equipo aínda que sexan festas, e tampouco se trataba de beneficiar a uns e prexudicar a outros). Pero quen dixo sen porteiro? Nin Cheroki, nin Alex, nin Kevin, tiña que ser Currás o que puxese as cousas no seu sitio e o equipo, fortalecido con Adrián arriba, dese un recital de fútbol combinativo nunha 1ª parte impecábel na que un recén descendido como é o Xuventú de Aguiño nin a cheirou, pois non foi capaz de crear nin unha soa ocasión de gol. O 3-0 ao descanso resume o alto nivel que hoxe amosaron os de Willi nese tempo. Xa no segundo (festas?, relaxación?, asegurar o resultado?...) o xogo baixou e, xunto cos malos modos dos visitantes, perdeuse algo do espectáculo. Así a todo, o 4-1 final fixo xustiza aos méritos feitos.

Este resultado tamén debe servir de terapia. Primeiro para demostrar que neste equipo ninguén se pode durmir: polo visto ata agora pode xogar titular calquera e o adestrador dá oportunidade a todos. Cando veña, que virá, convén collela e non soltala. Segundo para esquecer a derrota co Orillamar. Foi un toque de atención a estrepitosa derrota. Abriunos os ollos. E terceiro para que os xogadores saiban que se actúan como equipo e olvidan egos que non proceden (de nada serve remoer por detrás, hai que gañarse o posto demostrándolle o ao adestrador que estás implicado e queres) poden facer cousas moi boas nesta liga, pois a ninguén se lle escapa o potencial desta xeración. Se cadra faltaba ser conscientes de que é Liga Galega, unha competición forte, e que son vintedous (polo de agora) pelexando entre si por 11 postos iniciais, pois non temos 2º equipo. E é o que hai. E convén decatarse canto antes.

17/9/09

A MALDICIÓN DOS PORTEIROS

Parece que os porteiros da Escola de Fútbol nas categorías CADETE e XUVENIL están a padecer unha insólita maldición. Ou será que a sorte lles dá as costas a estes especialistas no inicio das ligas. Explicámonos.
DIEGO, o único porteiro xuvenil, leva máis dun mes lesionado e na pretempada o seu lugar foi ocupado polo cadete CHEROKI, que alternaba portería co seu equipo de Liga Galega. Espléndidas actuacións tivo cos dous equipos. ALEX REBOREDO, pola súa banda, deuse á boa vida e estivo de vacacións todo o mes de Agosto, polo que nin trouxo a documentación para tramitarlle a ficha. Mentres tanto KEVIN, cadete de 1º ano, xogaba cos seus correspondentes compañeiros os amigábeis, estando a moi bo nivel.
E chegou a Liga. CHERO foi cos xuvenís de Toño o sábado a Oroso e lesionouse de gravidade. Será baixa para certo tempo. Polo tanto non puido ir cos cadetes e en Orillamar xogou KEVIN , como é lóxico. Nesta semana DIEGO empeza a adestrar (por fin) e apúrase a ALEX para que traia a documentación canto antes. Pero sorpresa: un accidente laboral na casa fai que este cadete case non poida apoiar o pé, polo que non pode adestrar nin xogar. En fin, que non ben saimos dunha para caer na outra. E non queda aí a cousa, onte enterámonos, como o porteiro non veu adestrar, de que morreu o avó de KEVIN (desde a EFL acompañamos no sentimento á familia). Será que a maldición non deixa respirar aos porteiros da EFL.
A día de hoxe os adestradores fan números: Con CHERO e ALEX lesionados, veremos que é de DIEGO e KEVIN.
A ver se coas festas a maldición marcha para outro lado.

10/9/09

A EFL, a tope!!!

Cando acabamos de empezar a 7ª tempada deste ambicioso proxecto deportivo e social chamado Escola de Fútbol Lalín, cando parecía que xa non tiñamos máis para onde ir en número de xogadores, de equipos, de adestradores... Cando se renova unha Directiva case na súa totalidade, cando se modifican os cadros de adestradores, cando se impón unha crise que afecta a todos, desde as empresas ás familias dos xogadores... Cando apenas hai espazo para adestrar nun campo de herba artificial que se quedou pequeno para Lalín desde hai anos, cando as autoridades e os medios de comunicación parecen ternos un tanto esquecidos e desde a Delegación axudan o xusto... Cando acontece isto e moito máis...
Resulta que... na EFL estamos a tope.
Estamos a tope porque seguen chegando xogadores para formar parte desta grande familia, tantos que nas categorías Infantil e Benxamín, de seguir así, imos ter que vernos obrigados a limitar as prazas e non admitir a máis. Estamos a tope porque nesta tempada teremos aínda máis equipos que na anterior (e se houbese campos fariamos moitos máis). Estamos a tope porque a nova Directiva estase a mover con intensidade e fervor entre as empresas da comarca e todo é apoio e colaboración (o que agradecemos desde aquí neste tempo de crise, pois ter unha entidade saneada economicamente importa agora e no futuro). Estamos a tope porque cada día hai máis traballo e máis ilusión nesta Escola que, desde o principio, sempre quixo ser exemplo de seriedade e dedicación para tantos deportistas como nos visitan.
Sabemos que somos a entidade deportiva que move máis cantidade de xogadores da base na comarca do Deza (xa andamos polos 190 xogadores, nada menos!!!) e a que presenta un cadro formativo de adestradores e coordinadores de elevado nivel e moita implicación. Porque o sabemos e porque son os pais e nais da EFL os que seguen a apostar por nós confiándonos o seu ben máis prezado: os propios fillos, agora mesmo podemos manifestar que estamos A PLENO RENDEMENTO (todas as categorías están xa adestrando)e desde a nova Directiva só queremos dicir unha única e simple palabra:
GRACIÑAS.

27/8/09

Fotos de equipo

Estas son as primeiras fotos de equipo da PRETEMPADA 2009-10. Tiradas o mércores 26 de agosto no dobre enfrontamento coa SD Chantada:
XUVENIL 1ª autonómica: Diego, Currás, Adrián, Manuel (perdón por non poñerte onte, graciñas por avisar), Diogo, Mouriño, Alvarellos, Pacheco, Xosé Manuel, Marcos, Javi e Toño (adestrador); Brei, Pablo, Dani, Roi, Adrián, Novoa e Óscar.

CADETE Liga Galega: Willi (adestrador), Reci, Pájaro, Iván, Luís, Novegil, Miguel, Boyan e Mario; Guille (o fillo do adestrador), Rubén, Dani, Adrián, César, Marco, Juanillo, Edu, Adrián e Brais.

20/8/09

AMIGABLES fútbol 11

Estes son as datas e horarios dalgúns partidos de pretempada:
XOVES 20:
17.30: Infantil EFL A-PONTE OURENSE: 2-2 (Adrián 2)
SÁBADO 22:
12.00: Cadete EFL-CONXO A: 0-2
17.30: Infantil EFL A-CONXO A: 2-2 (Rubén e Adrián)
19.00: Infantil EFL B-CRUCES: 1-2 (Marcos Glez.)
MARTES 25:
18.30: Cadete EFL-PONTE OURENSE: 0-2
MÉRCORES 26:
17.00: Cadete EFL-CHANTADA: 3-0
18.30: Xuvenil EFL-CHANTADA B: 7-0
XOVES 27:
18.30: Xuvenil EFL-CONXO: 1-0 (Brei)
SÁBADO 29:
10.30: CHANTADA-Infantil EFL A: 0-9 ??
10.30: Infantil EFL B-BARBADÁS B: 1-3 (Javi Cacheda)
12.00: Xuvenil EFL-BARBADÁS: 1-0 (Manuel)
17.00: Cadete EFL-CD LUGO: 0-0
LUNS 31:
19.30: MONTERROSO - Xuvenil EFL (suspendido)
MERCORES 2 SETEMBRO:
17.00: CHANTADA-Cadete EFL
18.30: CHANTADA-Xuvenil EFL
SÁBADO 5:
10.30:PAVILLÓN A-Cadete EFL : 1-1 (Recimil)
11.00: SILLEDA-Infantil B: 5-2 (Marcos Glez., Javi Cacheda)
12.00: PAVILLÓN A-Infantil EFL A: 2-1 (Adrián)
MARTES 8:
18.30: Cadete EFL-MONTERROSO

19/8/09

NON ao 2º equipo Cadete

A Delegación de Fútbol de Santiago, na súa reunión do martes 18 cos clubs para fixar datas de inicio das ligas e horarios do fútbol 11, rexeitou a petición da Escola de Fútbol Lalín para inscribir un 2º equipo de cadetes.
Aínda que se retiraron 4 equipos e un dos grupos quedou constituído por soamente 8 equipos(o outro por 12), por moito que outros anos se tivesen admitido equipos fóra de prazo e, incluso, o Sporting Estrada pediu estar no grupo 7º coa EFL, o Delegado, escaldado polas últimas denuncias e fallos na contra do Comité de Disciplina Deportiva (que mesmo provoca que haxa que xogar unha fase para ver quen ascende ao grupo 7ª de 1ª xuvenil, no que está a EFL), optou por obrar estritamente dentro da legalidade evitando cambios de grupo e non admitindo novas incorporacións. Isto no fútbol 11.

Así pois: NON HABERÁ 2º EQUIPO CADETE da EFL na tempada 2009-10.

Mala noticia para os xogadores cos que se falou e que manifestaron a súa disposición a inscribirse na EFL se había 2º equipo, Michi, Faílde, Roni, Camilo, Novegil ou Jorge Meixide. Tamén para o excedente de infantís que poderían ir convocados na categoría superior.

EQUIPO XUVENIL (1ª autonómica, grupo 7º):
Data de inicio da Liga: sábado 12 de setembro.
1º partido de Liga: XUVENTUDE DE OROSO - EF LALÍN

O sorprendente é que, debido ás denuncias e resolucións dos Comités Deportivos, aínda está por constituír o grupo, pois Atl. Ribeira e Puebla xogarán antes desa data de inicio unha fase de ascenso. Ademais, retirouse o Atl. Melide da competición (Calo B no seu lugar).

14/8/09

Pretempada fútbol 11

Segue adiante a pretempada 2009-10 de fútbol 11.

IMPORTANTE:
Certificados Médicos: como sabedes, a Delegación habilitou un médico de Santiago para extender eses certificados. Pero soamente para aqueles aos que os seus médicos se negaron a facérllelos. Se estás nese caso: avisa á coordinación deportiva (tfno.: 629 80 56 08 ou 986 78 43 40) antes das 12 da mañá do luns 17.
Documentación: Pola problemática dos certificados o prazo para traer a documentación alongase ata o xoves 20 de Agosto. Pero OLLO: Quen non traia todo antes desa data inicialmente non terá ficha nin seguro, polo tanto non poderá xogar nin os amigábeis.
As novidades por categoría son:
EQUIPO XUVENIL:
-Toño segue traballando duro co grupo.
-Bo ambiente e nutrida asistencia.
-Faltan por incorporar Xosé Manuel, Mouriño, Xoan e Brei (de vacacións, aínda).
-O martes 18 saberase con certeza o día de inicio da Liga e o noso primeiro rival.
EQUIPO CADETE:
-Ata o martes 18 non haberá solución a o 2º equipo solicitado. De concedelo, a EFL agarda seriedade e compromiso dos xogadores implicados.
-Chama á atención o baixo nivel de asistencia aos adestramentos (onte, 14 de 23 anotados). Que pasa, cadetes? Trátase da Liga Galega, hai que facer un esforzo por parte de todos.
-Lucas é baixa: regresa coa súa familia a Brasil.
-Os que van ao campamento: deixar entregada a documentación.
EQUIPOS INFANTÍS:
-Primeiros amigábeis hoxe venres, con todos convocados:
Infantil A (Rafa): ás 18.00 en Barbadás contra o titular de Liga Galega.
Infantil B (César): ás 16.30 en Lalín contra o Chantada Infantil.
-Notable asistencia aos adestramentos.
-Bo ambiente. Calor inhumano ás 17.00.
Brais, un dos reforzos da EFL para o equipo Infantil, incorporouse esta semana aos adestramentos. Procede da SD Cruces e debutará hoxe no amigábel de Liga Galega ante o Barbadás

13/8/09

Calendario Liga Galega

Xa saíron os Calendarios das Ligas Galegas. Tantos os cadetes como os infantís xa teñen rivais para inciar as súas ligas.
Os 4 primeiros partidos son os seguintes:
LIGA GALEGA INFANTIL:
xornada 1 (12-09-2009): La Salle CF - EF Lalín
xornada 2 (19-09-2009): EF Lalín - Ural
xornada 3 (26-09-2009): EF Lalín -Galicia Caranza
xornada 4 (03-10-2009): CD Lugo - EF Lalín
Iinformación completa no seguinte enlace:
LIGA GALEGA CADETE:
xornada 1 (12-09-2009): Orillamar SD - EF Lalín
xornada 2 (19-09-2009): EF Lalín - Xuventu Aguiño
xornada 3 (26-09-2009): Sp.Estrada - EF Lalín
xornada 4 (03-10-2009): EF Lalín - Portuarios
Información completa en:
(NOTA: a foto corresponde ao adestramento do equipo xuvenil)

8/8/09

IMPORTANTE DECISIÓN

A Directiva da Escola de Fútbol Lalín, a proposta dos membros da Coordinación Deportiva, acaba de tomar una importante decisión: solicitar da Delegación de Santiago que permita inscribir un segundo equipo cadete para a tempada 2009-10.
Aínda que a petición está fóra de prazo e supoñería un considerábel incremento nos gastos da EFL para a vindeira tempada (máis busca de recursos por parte dos xestores) e máis complicación na organización deportiva da Escola, postos en contacto co Delegado de Fútbol, seica hai alguna posibilidade de que os Clubes acepten incluír outro equipo cos grupos xa feitos.
E cales son as causas que provocaron esta decisión?
Unha soa: o exceso de xogadores e a problemática que xeraría deixar sen convocar moitos cadetes (temos 1 equipo e, polo de agora, 24 anotados) e moitos infantís, que poden botar una mao na categoría superior (temos 2 equipos, 45 anotados).

Non ir convocado significa non xogar. E que é o que quere un rapaz cando se anota nun deporte? Adestrar si, pero tamén competir nas fins de semana. Se non xoga nunca é cando se farta e acaba abandonando. De aí esta solicitude, previa consulta con varios xogadores cadetes que non se inscribiron e que, de ter un 2º equipo, tamén volverían á Escola. Ademais, mirando para as tempadas vindeiras, a necesidade dun segundo equipo en cada categoría (agás na xuvenil, na que algúns xa van para o CD Lalín) é moi importante para manter o nivel e a afección a este deporte.
En fin, polo de agora non hai nada concretado e cando teñamos resposta da Delegación, positiva ou negativa, farémola saber, pero desde logo hai que aplaudir a valente medida tomada pola Directiva, que tivo en conta o estritamente deportivo (beneficio para os nosos xogadores) e non se deixou asustar polas moitas dificultades económicas e organizativas que trae consigo o contar con outro equipo cadete.
NOTA PARA O FÚTBOL 7 (alevíns e benxamíns desexosos de dar balonazos e sanamente envexosos dos maiores): en breves días saberedes as datas de inicio dos adestramentos. Tede un chisco de paciencia, pois hai que concretar moitos asuntos. Como plan xeral: na semana de finais de agosto-principio de setembro.

5/8/09

E agora, OS XUVENÍS

Puntuais, como estaba previsto, chegaron os xuvenís ao seu primeiro adestramento.
Con Toño estaban:
Diego, Dani, Alvarellos, Adrián, Pacheco, Pablo, Novoa, Javi, Currás, David, Diogo, Manuel, Roi, Marcos e Alló.
Se a Liga empeza o 13 de Setembro, teñen un mes para poñerse a tono.
Será esta tempada a da Fase de Ascenso xuvenil? Admítense apostas.

3/8/09

Os cadetes de Liga Galega

Primeiro adestramento do equipo cadete de Liga Galega con Willi.
Foron 16 elementos os que, con algunhas ausencias sen xustificar, evolucionaron polo campo de herba artificial. En palabras de Sueiro, veñen en moi boas condicións.
Currás, Iago, Brais, Dani e Mario: Recimil, Cheroki, Boyan, Miguel e Rubén; Pájaro, Iván, Edu; Marco, Juanillo e Michi.
Tanto os do collage como os que non apareceron terán que poñerse en serio vindo adestrar con constancia e demostrándonos a todos que o elevado nivel que amosaron na pasada tempada, tanto en cadetes como en infantís, non foi casualidade.

Novo adestrador de porteiros

A preocupación da Escola polo traballo espécífico de portería ven de moi atrás. Hai tempadas nas que non foi posíbel, pero sempre houbo intención e intentos por contar cun especialista que, ademais, fose porteiro. Se na tempada pasada tivemos a Iván Parada, nesta non nos imos quedar atrás. A noticia é que a Escola ven de contratar a Xabier López Cortina como adestrador de porteiros para a tempada 2009-10. Outro Xabier. Outro que engadir á longa lista de membros da Escola de Fútbol Lalín con ese nome. Nacido en Oural, procedente de Sarria, onde adestra na categorías inferiores de fútbol, Xabier Cortina é, ao tempo, o porteiro do 1º equipo do CD Lalín. Hoxe empezou o seu traballo cos porteiros da EFL.
Dámoslle a benvida e desexámoslle o mellor nesta tempada.

2/8/09

empezamos!!!!!

Lembrade, esta é a semana agardada
adestramentos da ESCOLA DE FÚTBOL LALÍN
POR FIN!!!!!!
LUNS 3: cadetes
martes 4: XUVENÍS
XOVES 6: infantís

ás 17.30 por alí
ás 18.00 VESTIDOS
(con tenis, botas, se aínda che serven, e botella propia)
para cargar as baterías!!!!
a suar a camiseta!!!!!!!

31/7/09

César Reboredo, fillo, adestrador do Infantil B

A principal incógnita que quedaba por resolver no fútbol 11 da Escola xa ten solución. Hai adestrador para o equipo infantil B de fútbol 11. Trátase de César Reboredo Valdés, fillo de César, ex-presidente, fundador e adestrador na EFL desde a súa creación. César, que xa colaborou durante varias pretempadas coa Escola (ver foto inferior, pai e fillo cunha das plantillas de xuvenís de hai anos) regresa de completar os seus estudos de fisioterapia en Valencia e representa unha valiosísima incorporación para o deporte de toda a comarca. Aínda que a Escola levaba tempo intentado contar cos seus servizos, pois todos sabemos da súa valía e da seriedade que aplica no seu traballo, nunca fora posíbel concretar esta fichaxe. Por iso estivemos agardando ata a última hora, xusto cando dan comenzo os adestramentos (lembramos, xoves 6 ás 18.00 vestidos, con tenis e botella). César Reboredo acompañará a Rafa Dacosta na categoría infantil.
Desde a EFL dámoslle a benvida e desexámoslle o mellor.

30/7/09

As novidades dos xogadores

GUILLE (infantil): despois da súa espectacular tempada en alevíns, estabamos sorprendidos de que Guille non fixese a preinscrición na EFL para xogar en infantís. Foi un malentendido, pois si que a fixera, pero non atopamos o papel da reserva. Así, despois dunha conversa de Sueiro co pai, Guille está anotado para a tempada 2009-10 na que seguramente compatibilizará rugby e fútbol. Pedímoslle disculpas polo erro e dámoslle a benvida a un camarada que nunca nos abandonou.
DAVID "FLOR" (xuvenil): parece que David vai ter problemas para seguir xogando ao fútbol. Postos en contacto con el para convocalo á pretempada, indicounos que terá que deixalo por matricularse en "adultos", que ten un horario de clase que coincide cos adestramentos. Mala sorte para el e para a EFL. Moralexa para todos: estuda o que debes e non terás problemas para o que che gusta.
ULTIMA HORA: Toño, o adestrador, insistiu en contar con David. Púxose en contacto con el e ofreceulle, incluso, realizar adestramentos fóra do seu horario. David ten case decidido volver cos seus compañeiros. Magnífica noticia.
XOSÉ RAMÓN (xuvenil): despois do que falamos con el, o de Silleda decidiu aceptar a proposta do CD Lalín e, aínda sen recuperar de todo, empezou a adestrar con Román.

Por certo que o CD Lalín está a cumprir estritamente o acordado coa EFL: ningún dos xogadores preinscritos na EFL adestra co CD Lalín xuvenil. Xosé Ramón e Iker xa non se anotaran, aínda que figuraban na lista dos que lles interesaban, e dos outros solicitados, Xoel e Mouriño, só o primeiro aceptou a proposta. En canto aos que non se inscribiron na EFL nin figuraban nesa lista de necesarios para o CD Lalín, está claro que son libres de facer o que crean oportuno e non deberan recibir nin a primeira crítica por parte dos nosos seareiros. A EFL, por suposto, nunca poñerá ningunha pega ás súas decisións e terá para os nosos ex-xogadores a máxima consideración. A ninguén se lle oculta, ademais, que o equipo xuvenil do CD Lalín é a saída lóxica dos nosos deportistas.