
Os afeccionados que se deron cita este domingo no Cortizo puideron comprobar as excelencias da Escola de Fútbol Lalín. Era o derbi. O partido agardado.
Alevín A contra B. Os de
Willy contra os de
Sueiro. E non só non defraudou, senón que as dúas escuadras, os seus xogadores, fixeron gozar ao público dun magnífico e, ante todo, competido encontro.
Primeira parte moi seria e programada, dominada polo equipo A, e cun B que non acababa de atoparse no campo, por iso ofreceu algún que outro agasallo en defensa aos "maiores". O gol de
Alberto aproveitando un despiste e o zambombazo de
Martín desde fóra da área que se colou pola escuadra de
Guille puxeron o 2-0 que falaba dunha manifesta superioridade do A nesa 1ª parte.

E cando todo semellaba que a 2ª sería un paseo militar para os de
Willy, vai
Sueiro e arrisca colocando a un, ata daquela descoñecido,
Brais en punta, e a
Erik de zapador do medio campo, con
Fer facendo estragos pola banda. O partido deu entón unha imprevista viravolta. Dominio abafante do B que maniata ao A con presión en todo o campo contrario. Así, con intensidade, combatendo en cada metro e movendo moi ben o balón, sucédense as ocasións para o B. A defensa colectiva e Xosé Ramón, con magníficas intervencións, van librando como poden da avalancha a un sorprendido líder. Pero tanto vai o cántaro á fonte que ten que rachar. Primeiro sería
Brais nunha espectacular xogada persoal, e logo, ante o delirio da parroquia,
Fer remataría unha soberbia xogada colectiva. Era o
2-2. Sorpresa no Cortizo ante a superioridade do B nesa segunda parte, que ademais segue arriscando para gañar. Entón vai
Willy e remexe no plantel, que se recompón un chisco e volve atacar con certa constancia. Aparece entón, cun elegante recorte dentro da área,
Alberto, quen a falta de cinco minutos pon o definitivo
3-2 para o A no marcador. Segundo o escoitado, nunca os líderes sufriron tanto para quedarse cos tres puntos. Será que non hai mellor cuña que a da propia madeira.

En fin, enorme derroche físico, competitividade, abondosas cualidades técnicas e tácticas, e, máis ca nada, deportividade e compañeirismo.
Todos os xogadores puxeron o mellor de si. E os choros e as alegrías finais tamén forman parte do espectáculo. Todo é experiencia.
