30/12/07

Barreira "made in EFL" en vídeo

Trátase da 1ª experiencia cun vídeo neste blog. A ver se sae.
A toma, moi caseira (polo tanto, magnífica) realizouse nas finais do Torneo interno (ou internacional?) da categoría pre-benxamín. Sueiro estaba alí para dar fe deste momento para a historia. A barreira de catro xogadores que se forma ante unha falta directa é un modelo a copiar por cantas escolas de fútbol desexen mellorar nesta estratexia. Pasará aos anais da EFL e do You Tube. Palabra.

Cuíña e a EFL

Xosé Cuíña non era, nin moito menos, un asiduo do campo de fútbol, pero remexendo no arquivo fotográfico da Escola de Fútbol Lalín atopamos unha imaxe que nos relaciona, aínda que só sexa un chisquiño. Trátase da tomada naquel sábado 13 de Decembro do 2003, cando se procedía á inauguración do campo de fútbol de herba artificial. Nun discreto segundo plano, á dereita, atopamos ao político de Filgueira acompañado de xogadores da Escola e doutras personalidades (Fraga, Louzán e Crespo). No seu pasamento, convén recordalo na nosa Pequena Historia.

29/12/07

Camilo "contactando"


Aínda que as "cousas" de Camilo son exquisiteces técnicas que hai que degustar sen ollar nin para o resultado nin para o sistema (ou sexa, miralas con ollos que gustan da creatividade), o certo é que por veces nos agasalla con loitas corpo a corpo que lle dan ese toque de excepción que todo xogador precisa. Non é que Camilo fuxa habitualmente do contacto, é que non se considera capacitado para levalo a cabo. Nesa consideración mental radica o erro. E sirvan de exemplo estas dúas instantáneas (case calcadas, por diante e por atrás), nas que nos decatamos de que o fútbol é un deporte de contacto. Así pois, se hai que ir á batalla, vaise. Incluso Camilo.

27/12/07

II Torneo Alevín de Nadal en Compostela

Nestas fotos (en experimental "collage fusionado") están os xogadores que formaron a selección alevín da EFL que o este sábado 29 de Decembro, en Santiago de Compostela, participaron no II Torneo de Nadal do Deportivo Conxo, fútbol 7 categoría alevín.
O equipo da EFL, dirixido por Rafa Dacosta, CAMPIÓN en Compostela.
Resultados e goleadores dos partidos:
EF Lalín-Conxo: 3-2 (David, Xabi "a Pulga" e Adrián)
EF Lalín-Cambados:7-3 (Adrián 4, Manu 2 e Rodrigo)
Cambados-Conxo: 6-6 -Teremos que aumentar as vitrinas para os trofeos?
-E teremos.

26/12/07

Finais do Torneo Interno Pre-Benxamín

Estas son algunhas das fotos da festa do fútbol que se viviu o sábado 22 no campo de fútbol. Rematou o Torneo interno da EFL con toda a intensidade. Moito público, diversión e emoción entre os máis novos da Escola. Xa falta pouco para a liga, pero semella que non dá chegado.

25/12/07

FELIZ NAVIDADE da EFL


Segundo lemos en Vieiros.com:
Moito antes de que o Papá Noel ou Santa Claus viñese importado dende outras latitudes, en Galiza había unha figura mítica propia do Nadal: O Apalpador. Mais nestes tempos de présa e consumo, o persoeiro autóctono ficou no esquecemento.
O Apalpador seica é un vello xigante, de oficio carboeiro, que vive nas devesa das altas montañas. Na noite de Nadal baixaba ás aldeas para achegarse aos nenos e ás nenas que durmían. Caladiñamente, apalpáballes as barrigas para ver se os pícaros estaban ben alimentados. Logo de desexarlle que no ano vindeiro non pasasen máis fame, marchaba deixándolles unha boa presada de castañas quentes.
Algúns cren que se trata dun costume de orixe pre-cristián que no seu momento debeu estar espallado por todo o país e que foi desaparecendo progresivamente.

Bo Nadal e deportivo Aninovo

20/12/07

O Partido

Domingo 23, 12.00 horas:
ese é o momento que non hai que perder.
Os "Gladiadores da EFL" reciben ao todo poderoso DEPOR B na pugna polo campionato de Liga Galega Cadete. É o PARTIDO.
Non puido ser. 1-3, resultado final.

18/12/07

Collendo estilo

Chámase Daniel Álvarez Portela, alias Dani. Chegou á Escola a principios desta tempada co seu irmán, o infantil Iván. Dani, ademais dese chisco de traste que todo crío debe ter, xoga nos benxamín, está sempre enredando polo campo, axuda no que pode aos adestradores (e máis que lle mandaran) e, por riba, perfecciona o estilo, que de certo mellorou. Para mostra, a foto. Que máis se lle pode pedir a esta futura figura do balompé?

16/12/07

As "batallas" de Mario

Aínda que todos sabemos do valor de Mario García Louzao, o capitán do equipo Infantil A e participando no cadete B da EF Lalín, pode que moitas veces pase desapercibido "ese outro labor" de conxunto, sobre todo cando xoga no medio campo. Polas instantáneas que tiramos no partido contra o Cidade de Santiago vemos mellor tal comportamento.Mario sempre está disposto a competir, sempre aparece activo, sempre dando axudas aos compañeiros, sempre cortando o balón ou o xogo dos contrarios, sempre poñendo toda a carne no asador e entregándose ao máximo. Porque converte cada xogada de cada partido nunha auténtica batalla que dá os seus resultados e beneficia aos demais. Nunha Escola coma a nosa, na que intentamos que predomine o xogo combinativo, Mario é un exemplo a seguir, porque o fútbol tamén é contacto e pundonor. Por iso, Chapeau para el!

4/12/07

O FUTURO xa está con nós



Campionato Prebenxamín EFL: Emoción e intensidade .
Que ben o pasan os tíos estes!

COMENTARIOS no blog

Apertura a comentarios.Ata hoxe tiñamos pechada a posibilidade de escribir comentarios no blog da EFL. Os exemplos do que se ve en Internet eran e son o suficientemente irrespetuosos como para permitilos. Se agora abrimos esta posibilidade é a modo de proba: para que fagades suxestións, comentedes o que vos preocupa, digades o que queredes dicir e fagades que todo mellore, pero sen insultos, evitando a linguaxe soez e vulgar ou as opinións infundadas e irrespetuosas cara a entidades ou persoas. Esa será a única limitación.
Se logramos que os nosos comentarios ou opinións sexan formativos e educados, como pretendemos que sexa a Escola de Fútbol Lalín, seguiremos permitíndoos. Así que, xa que esta bitacora é cousa de todos, participar toca!

2/12/07

Cheroki: un infantil en Liga Galega cadete

Auténtico papelón o que superou Cheroki este domingo. Se xa non é fácil debutar nunha categoría superior, moito peor é facelo de porteiro, en Liga Galega cadete e ante un óso duro de roer como foi o Xuventú de Aguiño. Arroupado por Alex Sánchez, que pasou todo o partido animándoo, o gardarredes cumpriu como un campión debaixo duns paus que estaban moi moi lonxe. Ademais, tralo maior tropezo do Depor B, os cadetes fixéronse co liderato.

O sr. Floro, un clásico

Se hai un seguidor que vive intensamente cada partido, ese é Floro, o avó de Diego Peña, porteiro cadete. Este domingo, aínda sen ter ao neto no campo, seguiu ordenando desde a banda, aleccionando, cabreándose e ofrecendo a súa retranca, mesturada con eses necesarios apontamentos técnicos que non pasan desapercibidos para ninguén. Cando el está, seguramente o equipo non precisa máis ca estar atento ás consignas deste verdadeiro clásico da EFL. Sábeno os cadetes A.
Que siga así moitos anos!

Golpe de autoridade

A Liga Alevín, case sentenciada.
Nun esperado partido no que se enfrontaban os dous primeiros clasificados da Liga Alevín, SD Cruces e EF Lalín A, con moito ambiente e público nas gradas, o equipo que dirixe Willy deu un golpe de autoridade na competición e venceu cun contundente 10-1, o que deixa a Liga case (porque tampouco convén fiarse) sentenciada.
Cun xogo combinativo espectacular e un equipo moi ben estruturado, no que as individualidades estaban ao servicio do colectivo, os lalinenses, da mao dun matador Adrián, puxeron en pé a un público emocionado (o lalinense) e resignado (o cruceño).
Noraboa, rapaces!