26/1/08

O que faltaba

Esta é a foto que non tiñamos aínda nesta bitácora ou blog. O equipo B de Benxamíns dirixido por Pablo. O que ven de derrotar a domicilio ao Cruces cun contundente 0-8.

24/1/08

Cheroki, lesionado

Malas novas para a Escola de Fútbol Lalín. Segundo nos acaba de confirmar Richi, coordinador da categoría infantil, Adrián Nogueira, máis coñecido por CHEROKI, deberá deixar durante algún tempo a práctica deportiva debido a uns problemas que viña arrastrando nun xeonllo. Os médicos aos que acudiu coa súa familia así o aconsellan, polo que o espectacular cancerbeiro do equipo infantil A, que xa debutara cos cadetes, incluso na Liga Galega, será baixa nas próximas xornadas, o que complica aínda máis a problemática da escaseza de porteiros nas categorías de fútbol 11.
Desde a EFL, os teus amigos, desexámosche unha pronta recuperación. Botarémoste de menos. Seguro.

Adrián, coa Selección de Santiago

Calquera que asista aos partidos da EFL se decatará de que hai xogadores con maior potencial que o da súa categoría, polo que en moitos casos xogan partidos cos equipos que non lles corresponde pola idade e que, ademais, resultan decisivos nas victorias. Adrián Iglesias Moure é un deles, pois desde que chegou á Escola de Fútbol Lalín demostrou, ademais do seu potencial físico, que en pouco tempo se pode lograr unha enorme mellora técnica e táctica, iso sen deixar de ser un excelente compañeiro.
Pero se hoxe aparece aquí non é polos seus goles, senón porque figura na convocatoria da Selección Alevín de Santiago que xogará a Fase Galega. Debuta este xoves 24 de xaneiro ante a escuadra de Lugo.

23/1/08

Xosé Luís, "RUCHO", debuta en 3ª co CD Lalín

Xosé Luís Lamas, máis coñecido polo nome futbolístico de Rucho entre os compañeiros da EFL, aínda sendo xuvenil, debutou o domingo en 3ª División co CD Lalín. Foi na segunda parte, ante o Arousa, partido que rematou 2-1 para os locais.
Durante as catro tempadas que estivo na Escola de Fútbol Lalín, onde se formou desde a pretempada 2003-2004, ano da súa fundación, Xosé Luís, ademais das súas enormes cualidades deportivas, sempre se distinguiu polo seu traballo e magnífico comportamento. Ao longo das categorías infantil, cadete e xuvenil, baixo as ordes de Montouto na primeira e de César nas tres últimas, a pesar dalgunhas lesións que tivo que soportar, formouse como un magnífico central e mellor compañeiro e alumno. Os membros da EFL queremos felicitalo e, ao tempo, poñelo de exemplo de seriedade e constancia. O seu debut en 3ª é un premio para el e para todos nós.
Nestas fotos vemos a súa evolución. Aí o temos desde os inicios na pretempada de infantís nas beiras do campo, pois o de herba artificial estábase facendo, pasando polas formacións infantil, con algún lance de xogo, a cadete, coa celebración do ascenso, ata o equipo xuvenil.Noraboa, Rucho.

15/1/08

Ante todo: esquí acuático

Esta fin de semana aliáronse todos os elementos para fomentar a práctica do deporte na herba artificial do estadio Manuel Anxo Cortizo, o que pasa é que houbo certas confusións, pois os que foron ao campo non levaron nin bañador nin moito menos esquís. Así que houbo que improvisar unha modalidade máis próxima ao water-polo que ao fútbol, porque outra cousa non habería, pero auga... a baldes!

13/1/08

Primeiras formacións Benxamíns

BENXAMÍN A: De pé: Sueiro(adestrador), Lorenzo, Brais, Alex, Rivas, Manu. Anicados: Rubén, Martín, Fran, X. Manuel e Oscar
BENXAMÍN C: De pé: Toño (adestrador), Blankiño, Marcos, Dani Ramos, Manuel. Anicados: Fran, Marcos Díaz, Álvaro, Jacobo, Guille e Carlitos.

8/1/08

Paso aos Benxamíns

Tiveron que pasar catro interminábeis meses nos que o coordinador fixo malabares para "entreter e motivar" sen competición, pero chega o momento agardado: PRINCIPIA a LIGA BENXAMÍN.

Con tres equipos, con moitas caras novas (máis ca nada pre-benxamíns) e con todos os desexos de pasalo ben, érguese o pano para os máis cativos.
Nesta tempada, que chega ata finais de Xuño, Toño, Pablo e Sueiro dirixen as escadras da categoría máis complexa da Escola de Fútbol Lalín, por cantidade e por problemática, debido ás idades dos xogadores.
Na EFL agardamos deportividade e o máis exquisito comportamento, dentro e fóra do campo. Os rapaces meréceno, e nós gocemos do espectáculo e colaboremos.

Arrinca a 1ª xornada con estes enfrontamentos:
EF Lalín A- At.Melide

Dubra - EF Lalín B
EF Lalín C - Silleda
Aínda que nestas fotos non están todos, que ninguén o dubide: chegará o seu intre.

4/1/08

Ánimo "Bandeira"!

Xa non está con nós, pero non importa. Adrián, alias "Bandeira", nas tempadas que pasou na Escola de Fútbol Lalín deixou sobradas mostras da súa calidade persoal e deportiva como para que agora non nos acordemos del. E moito máis neste difícil intre, cando leva tantos meses sen poder xogar por mor dunha grave lesión.
Desde a familia da EFL, cunha foto súa de hai anos, queremos darlle ánimos para que volva canto antes aos terreos de xogo co seu actual equipo, o CD Lalín xuvenil.
Agardamos o teu regreso!

2/1/08

Os de Conxo

Chéganos en exclusiva a foto dos vencedores do Triangular alevín de fútbol 7 de Conxo. Non hai mellor maneira de despedir o ano 2007 que amosar o potencial en Compostela.
De pé: Rafa Dacosta (adestrador), Marcos, Ionatan, Dani Areán, Serguinho, Manu, Adrián e Xosé Ramón. Anicados: Dani Gómez, Xabi Rei, David Domínguez, David García, Xabi "a Pulga", Rodrigo e Jorge.