20/9/09

Chapeau para Alberto "CURRÁS"

Esta entrada vai dedicada, en exclusiva, a Alberto González, alias CURRÁS, ou "CURRI" para os da Escola de Fútbol Lalín. Porque a merece.

Se hai un bo compañeiro, un personaxe que se leva ben con todos, que a pesar de non xogar tanto como el desexaría nunca pon mala cara, ao que todos queremos e respetamos, ese é Currás. Porque é deses rapaces que, ademais, fai equipo. Está cando se precisa, cando as pintan máis negras, cando todo parece torto.
Pasou este domingo. Non había porteiro na Liga Galega Cadete, nada menos!!! Tranquilos, que está Currás. E todo o equipo e o público estivo con el, para apoialo.
O seu labor podía ser mellor ou peor (digamos para a crónica deportiva que estivo perfecto, e só lle puideron meter un gol de penalti), pero iso quizais é o de menos. O de máis é o feito de enfundar as luvas, de recibir o brazalete de capitán, de estar presente cando e onde o equipo o necesitaba. O de máis é resucitar eses valores deportivos que ninguén pode esquecer. O do compañeirismo. O de ser un exemplo e pensar no equipo antes ca nun mesmo.
Para el foron as mellores ovacións da mañá no Manuel Anxo Cortizo e supoñemos que el mesmo sentiu esa elevada consideración que se lle ten cando os da grada o despedimos postos en pé. O aplauso era para todo o equipo, si, pero especialmente para Currás. Porque, realmente, foi a verdadeira estrela e demostrou algo máis que o feito de saber parar un balón.
Así pois, Chapeau para CURRI!!!!!

Excelentes Xuvenís e Cadetes

Viñeron as festas e todo parecían problemas, especialmente cos porteiros. Pero as tres victorias dos tres equipos equipos da EF Lalín, dúas en Liga Galega, os 13 goles a favor e cinco en contra e, sobre todo, o magnífico xogo combinativo que amosaron xuvenís, cadetes e infantís, fai que como escola de formación vexamos o futuro máis esperanzados ca nunca.
O sábado pola tarde os xuvenís de Toño, con Diego por fin na portería, resolvían a papeleta do Dubra cun claro 3-1 e colocábanse en posición para aspirar a moito nesta Liga. O equipo segue a trasmitir as boas sensacións de toda a pretempada: hai potencial e xoga ao fútbol, como quere o adestrador, e iso agradéceno os seareiros, polo que, cando menos no noso campo, viviremos magníficos partidos. A pesar diso, non convén confiarse, porque isto acaba de empezar.

De pé: Diego, Mouriño, Manuel, Brei, Diogo, Pacheco, Marcos, Alvarellos, Currás, Javi e Toño (adestrador). Anicados: Reboredo (delegado), Novoa, Roi, Pablo, Dani e Xosé Manuel.

E o domingo pola mañá chegaba o turno dos cadetes de Willi, quen, nunha atinada decisión, convocou a todos os seus efectivos (hai que estar co equipo aínda que sexan festas, e tampouco se trataba de beneficiar a uns e prexudicar a outros). Pero quen dixo sen porteiro? Nin Cheroki, nin Alex, nin Kevin, tiña que ser Currás o que puxese as cousas no seu sitio e o equipo, fortalecido con Adrián arriba, dese un recital de fútbol combinativo nunha 1ª parte impecábel na que un recén descendido como é o Xuventú de Aguiño nin a cheirou, pois non foi capaz de crear nin unha soa ocasión de gol. O 3-0 ao descanso resume o alto nivel que hoxe amosaron os de Willi nese tempo. Xa no segundo (festas?, relaxación?, asegurar o resultado?...) o xogo baixou e, xunto cos malos modos dos visitantes, perdeuse algo do espectáculo. Así a todo, o 4-1 final fixo xustiza aos méritos feitos.

Este resultado tamén debe servir de terapia. Primeiro para demostrar que neste equipo ninguén se pode durmir: polo visto ata agora pode xogar titular calquera e o adestrador dá oportunidade a todos. Cando veña, que virá, convén collela e non soltala. Segundo para esquecer a derrota co Orillamar. Foi un toque de atención a estrepitosa derrota. Abriunos os ollos. E terceiro para que os xogadores saiban que se actúan como equipo e olvidan egos que non proceden (de nada serve remoer por detrás, hai que gañarse o posto demostrándolle o ao adestrador que estás implicado e queres) poden facer cousas moi boas nesta liga, pois a ninguén se lle escapa o potencial desta xeración. Se cadra faltaba ser conscientes de que é Liga Galega, unha competición forte, e que son vintedous (polo de agora) pelexando entre si por 11 postos iniciais, pois non temos 2º equipo. E é o que hai. E convén decatarse canto antes.

19/9/09

Liga Galega Infantil: 6 de 6 !!!!

Por experiencia sabiamos das dificultades da Liga Galega Infantil. Por iso se confeccionou un plantel con xogadores destacados da comarca e un adestrador consciente e coñecedor do traballo da Escola. Así a todo nada estaba garantizado. Nada. Pero os seis puntos de seis, e seguir no cumio da clasificación, non está ao alcance do todos os equipos.
Por iso podemos cualificar este inicio de Liga do Infantil A de ESPECTACULAR.
Hoxe, xa aos 10 minutos da segunda parte, nunha auténtica demostración de poderío, tiñan sometido ao URAL cun 6-0 que espantaba calquera dúbida, pois todo o equipo brillou en labores ofensivas, especialmente o "Matador" con outros tres goles e dúas asistencias.
Logo, os cambios, permitiron unha achega dos da Coruña e un certo sufrimento que tamén hai que pasar para espantar esa "Adriándependencia" que aínda se nota. Sobresaliente para todos, incluído un adestrador que deu cabida a todos os seus elementos, eses que fixeron disfrutar aos siareiros con goles e espectáculo.
NORABOA E A NON DURMIRSE nos LAUREIS

En pé:Rafa (adestrador), Guille, Adrián, Brais, Jorge Vilas, Marcos Moto, Rubén, Xosé Ramón, Manu e Sergi. Abaixo: Leo, Xabi Pulga, Marcos Areán, Dani Jacobo, Rodrigo, Dani Gómez e Martín.

17/9/09

A MALDICIÓN DOS PORTEIROS

Parece que os porteiros da Escola de Fútbol nas categorías CADETE e XUVENIL están a padecer unha insólita maldición. Ou será que a sorte lles dá as costas a estes especialistas no inicio das ligas. Explicámonos.
DIEGO, o único porteiro xuvenil, leva máis dun mes lesionado e na pretempada o seu lugar foi ocupado polo cadete CHEROKI, que alternaba portería co seu equipo de Liga Galega. Espléndidas actuacións tivo cos dous equipos. ALEX REBOREDO, pola súa banda, deuse á boa vida e estivo de vacacións todo o mes de Agosto, polo que nin trouxo a documentación para tramitarlle a ficha. Mentres tanto KEVIN, cadete de 1º ano, xogaba cos seus correspondentes compañeiros os amigábeis, estando a moi bo nivel.
E chegou a Liga. CHERO foi cos xuvenís de Toño o sábado a Oroso e lesionouse de gravidade. Será baixa para certo tempo. Polo tanto non puido ir cos cadetes e en Orillamar xogou KEVIN , como é lóxico. Nesta semana DIEGO empeza a adestrar (por fin) e apúrase a ALEX para que traia a documentación canto antes. Pero sorpresa: un accidente laboral na casa fai que este cadete case non poida apoiar o pé, polo que non pode adestrar nin xogar. En fin, que non ben saimos dunha para caer na outra. E non queda aí a cousa, onte enterámonos, como o porteiro non veu adestrar, de que morreu o avó de KEVIN (desde a EFL acompañamos no sentimento á familia). Será que a maldición non deixa respirar aos porteiros da EFL.
A día de hoxe os adestradores fan números: Con CHERO e ALEX lesionados, veremos que é de DIEGO e KEVIN.
A ver se coas festas a maldición marcha para outro lado.

10/9/09

A EFL, a tope!!!

Cando acabamos de empezar a 7ª tempada deste ambicioso proxecto deportivo e social chamado Escola de Fútbol Lalín, cando parecía que xa non tiñamos máis para onde ir en número de xogadores, de equipos, de adestradores... Cando se renova unha Directiva case na súa totalidade, cando se modifican os cadros de adestradores, cando se impón unha crise que afecta a todos, desde as empresas ás familias dos xogadores... Cando apenas hai espazo para adestrar nun campo de herba artificial que se quedou pequeno para Lalín desde hai anos, cando as autoridades e os medios de comunicación parecen ternos un tanto esquecidos e desde a Delegación axudan o xusto... Cando acontece isto e moito máis...
Resulta que... na EFL estamos a tope.
Estamos a tope porque seguen chegando xogadores para formar parte desta grande familia, tantos que nas categorías Infantil e Benxamín, de seguir así, imos ter que vernos obrigados a limitar as prazas e non admitir a máis. Estamos a tope porque nesta tempada teremos aínda máis equipos que na anterior (e se houbese campos fariamos moitos máis). Estamos a tope porque a nova Directiva estase a mover con intensidade e fervor entre as empresas da comarca e todo é apoio e colaboración (o que agradecemos desde aquí neste tempo de crise, pois ter unha entidade saneada economicamente importa agora e no futuro). Estamos a tope porque cada día hai máis traballo e máis ilusión nesta Escola que, desde o principio, sempre quixo ser exemplo de seriedade e dedicación para tantos deportistas como nos visitan.
Sabemos que somos a entidade deportiva que move máis cantidade de xogadores da base na comarca do Deza (xa andamos polos 190 xogadores, nada menos!!!) e a que presenta un cadro formativo de adestradores e coordinadores de elevado nivel e moita implicación. Porque o sabemos e porque son os pais e nais da EFL os que seguen a apostar por nós confiándonos o seu ben máis prezado: os propios fillos, agora mesmo podemos manifestar que estamos A PLENO RENDEMENTO (todas as categorías están xa adestrando)e desde a nova Directiva só queremos dicir unha única e simple palabra:
GRACIÑAS.

COMEZA A LIGA!!!!!!!!

Por fin, despois dunha intensa e calorosa pretempada, esta fin de semana empezan 3 Ligas de fútbol 7.
Estes son os partidos de competición:
LIGA GALEGA INFANTIL, grupo 1:
La Salle - EFLalín A: (sábado 12, ás 11.15, en Santa Isabel, Santiago)
1ª AUTONÓMICA XUVENIL, grupo 7:
Xuventude Oroso - EF Lalín: (sábado, ás 17.00, en Sigueiro)
LIGA GALEGA CADETE, Grupo 1:
Orillamar SD- EF Lalín: (domingo 13, ás 12.00, A Grela 2, A Coruña)

3/9/09

e chegou a marabunta

Por fin comenzaron os máis pequenos da Escola. Como podemos ver son moitos, 64 en concreto, e máis que virán para disfrutar do nosos deporte favorito. Quedádevos coas caras que de aquí sairán as estrelas do futuro.

Na foto podedes ver as gañas e espíritu de loita coas que veñen estes rapaces e rapazas (Andrea e Pilar).

1/9/09

caras novas na EFL

Aquí podemos ver as tres útimas incorporacións da Escola.

Xabi López

Totti

Xosé Manuel Cangado.

Xabi López, xogador de C.D. Lalín, que se encargará dun dos equipos benxamíns, Xosé Manuel Cangado que dobrará esforzos e levará un equipo alevín e o equipo prebenxamín de nova constitución e Totti que adestrará a unha das escadras alevíns son as novas fichaxes da EFL para o adestramento dos máis cativos.

Do seu curriculum citar que Xabi López e Totti teñen o título de adestrador nivel 1 e Cangado é licenciado en Educación Física e diplomado en Maxisterio, especialidade en Educación Física.

Os tres empezan con gañas e ilusión a súa nova andadura na Escola. Agora é papel de todos e todas integralos e facer a súa estadía o máis cómoda posible.

Ánimo, que todos estamos esperando aprender de vós.