20/9/09

Excelentes Xuvenís e Cadetes

Viñeron as festas e todo parecían problemas, especialmente cos porteiros. Pero as tres victorias dos tres equipos equipos da EF Lalín, dúas en Liga Galega, os 13 goles a favor e cinco en contra e, sobre todo, o magnífico xogo combinativo que amosaron xuvenís, cadetes e infantís, fai que como escola de formación vexamos o futuro máis esperanzados ca nunca.
O sábado pola tarde os xuvenís de Toño, con Diego por fin na portería, resolvían a papeleta do Dubra cun claro 3-1 e colocábanse en posición para aspirar a moito nesta Liga. O equipo segue a trasmitir as boas sensacións de toda a pretempada: hai potencial e xoga ao fútbol, como quere o adestrador, e iso agradéceno os seareiros, polo que, cando menos no noso campo, viviremos magníficos partidos. A pesar diso, non convén confiarse, porque isto acaba de empezar.

De pé: Diego, Mouriño, Manuel, Brei, Diogo, Pacheco, Marcos, Alvarellos, Currás, Javi e Toño (adestrador). Anicados: Reboredo (delegado), Novoa, Roi, Pablo, Dani e Xosé Manuel.

E o domingo pola mañá chegaba o turno dos cadetes de Willi, quen, nunha atinada decisión, convocou a todos os seus efectivos (hai que estar co equipo aínda que sexan festas, e tampouco se trataba de beneficiar a uns e prexudicar a outros). Pero quen dixo sen porteiro? Nin Cheroki, nin Alex, nin Kevin, tiña que ser Currás o que puxese as cousas no seu sitio e o equipo, fortalecido con Adrián arriba, dese un recital de fútbol combinativo nunha 1ª parte impecábel na que un recén descendido como é o Xuventú de Aguiño nin a cheirou, pois non foi capaz de crear nin unha soa ocasión de gol. O 3-0 ao descanso resume o alto nivel que hoxe amosaron os de Willi nese tempo. Xa no segundo (festas?, relaxación?, asegurar o resultado?...) o xogo baixou e, xunto cos malos modos dos visitantes, perdeuse algo do espectáculo. Así a todo, o 4-1 final fixo xustiza aos méritos feitos.

Este resultado tamén debe servir de terapia. Primeiro para demostrar que neste equipo ninguén se pode durmir: polo visto ata agora pode xogar titular calquera e o adestrador dá oportunidade a todos. Cando veña, que virá, convén collela e non soltala. Segundo para esquecer a derrota co Orillamar. Foi un toque de atención a estrepitosa derrota. Abriunos os ollos. E terceiro para que os xogadores saiban que se actúan como equipo e olvidan egos que non proceden (de nada serve remoer por detrás, hai que gañarse o posto demostrándolle o ao adestrador que estás implicado e queres) poden facer cousas moi boas nesta liga, pois a ninguén se lle escapa o potencial desta xeración. Se cadra faltaba ser conscientes de que é Liga Galega, unha competición forte, e que son vintedous (polo de agora) pelexando entre si por 11 postos iniciais, pois non temos 2º equipo. E é o que hai. E convén decatarse canto antes.

No hay comentarios: