10/9/09

A EFL, a tope!!!

Cando acabamos de empezar a 7ª tempada deste ambicioso proxecto deportivo e social chamado Escola de Fútbol Lalín, cando parecía que xa non tiñamos máis para onde ir en número de xogadores, de equipos, de adestradores... Cando se renova unha Directiva case na súa totalidade, cando se modifican os cadros de adestradores, cando se impón unha crise que afecta a todos, desde as empresas ás familias dos xogadores... Cando apenas hai espazo para adestrar nun campo de herba artificial que se quedou pequeno para Lalín desde hai anos, cando as autoridades e os medios de comunicación parecen ternos un tanto esquecidos e desde a Delegación axudan o xusto... Cando acontece isto e moito máis...
Resulta que... na EFL estamos a tope.
Estamos a tope porque seguen chegando xogadores para formar parte desta grande familia, tantos que nas categorías Infantil e Benxamín, de seguir así, imos ter que vernos obrigados a limitar as prazas e non admitir a máis. Estamos a tope porque nesta tempada teremos aínda máis equipos que na anterior (e se houbese campos fariamos moitos máis). Estamos a tope porque a nova Directiva estase a mover con intensidade e fervor entre as empresas da comarca e todo é apoio e colaboración (o que agradecemos desde aquí neste tempo de crise, pois ter unha entidade saneada economicamente importa agora e no futuro). Estamos a tope porque cada día hai máis traballo e máis ilusión nesta Escola que, desde o principio, sempre quixo ser exemplo de seriedade e dedicación para tantos deportistas como nos visitan.
Sabemos que somos a entidade deportiva que move máis cantidade de xogadores da base na comarca do Deza (xa andamos polos 190 xogadores, nada menos!!!) e a que presenta un cadro formativo de adestradores e coordinadores de elevado nivel e moita implicación. Porque o sabemos e porque son os pais e nais da EFL os que seguen a apostar por nós confiándonos o seu ben máis prezado: os propios fillos, agora mesmo podemos manifestar que estamos A PLENO RENDEMENTO (todas as categorías están xa adestrando)e desde a nova Directiva só queremos dicir unha única e simple palabra:
GRACIÑAS.

No hay comentarios: