27/12/08

Xa foi: 3-3 entre pais

Nin o mal tempo nin a hora intempestiva, nin a ferruxe nas articulacións nin o café tomado a medias, nin o malfado de xogar unha vez ao ano nin as ganas de gañar e non dar. O partido entre pais da EFL (as nais estiveron por fóra) celebouse cunha moi elevada concorrencia de xogadores, case 30 valentes -algúns con retraso evidente-, e cos gradaríos abarrotados -como estaba previsto, dado o nivel técnico e táctico dos contendentes, pois o físico deixámolo para outra xeración-. O resultado final de 3-3 foi o de menos, o de máis foi a festa e o ánimo que amosaron. Ver as canelas ao aire dalgúns carrozas -con perdón- foi o mellor agasallo para os fillos/xogadores da EFL. Por iso os felicitamos, por estar alí e por facer Escola.Aínda que as mostras fotográficas non son do mellor, debido á hora tan escura á que remataron e á baixa potencia dos flash, non queda outra que ensinar os equipos ao remate da contenda.

26/12/08

Partido de pais/nais

Chega o tradicional partido de PAIS e NAIS.
o auténtico espectáculo da EFL!
Parece que os pais e nais de futbol 7 (alevíns e benxamíns) xa gañan por goleada e ánimo aos pais e nais de fútbol 11 (infantís, cadetes e e xuvenís). Falamos de anotarse, eh. Vintetantos de fútbol 7, tres ou catro de fútbol 11. Parece mentira. Así a todo, confirmado, haberá partido:
A data: sábado 27 de Decembro
A hora de inicio: 16.30
Para os que non veñan ao campo, aí lles vai unha felicitación da EFL.
Con todo agarimo da grande familia da Escola de Fútbol Lalín

24/12/08

O Apalpador, de novo na EFL por Navidade

O vello carboeiro baixa estes días das montañas para achegarse aos nenos e nenas da Escola de Fútbol Lalín e traerlles agasallos. Aí vén o apalpador! Non lle teñades medo.

Detalle do calendario 'O Apalpador cos movementos sociais'

E quen é o Apalpador? O Apalpador é un vello xigante galego, de oficio carboeiro, que vive nas devesas das altas montañas do noso país. Na noite de Nadal baixaba ás aldeas para achegarse aos nenos e ás nenas que durmían. Caladamente, apalpáballes as barrigas para ver se os pícaros estaban ben mantidos. Logo de desexarlles que no ano vindeiro non pasasen máis fame e vivisen con fartura, marchaba deixándolles unha boa presada de castañas quentes.

A información e imaxe está tirada do portal Vieiros, no seguinte enderezo:http://www.vieiros.com/nova/71036/ai-ven-o-apalpador Se temos tradición propia, para que precisamos de Santa Claus?

E chegou o Apalpador a casa de Chus e Elías e alí apalpou as súas barrigas. Xa estaba deixando a presada de castañas cando veu a Franchi durmindo. Apalpoulle a barriga e pensou: "a este home non lle chega cunhas castañas. Vai precisar algo máis para poder medrar".

Na foto podemos ver cal foi o regalo para a familia de Franchi que o Apalpador lles deixou este Nadal.

23/12/08

Adrián debuta na Liga Galega Cadete

Se xa estaba arrasando en goles na súa categoría (leva 36 na 1ª autonómica infantil), na primeira convocatoria co equipo de Montoto, nada menos que a Liga Galega Cadete, o infantil de 1º ano Adrián Iglesias Moure resolveu o partido aprazado contra a Comercial de Lugo en 45 minutos: el provocou o penalti do 1-0 e meteu coa xerga o 2º gol que pechaba o marcador. Espectacular.Pero realmente Adrián non fixo máis que manifestar a neta superioridade do equipo cadete da EFL en todo o partido, pois por dominio, claras ocasións de gol e creación de xogo colectivo os dezaos foron moi superiores a un equipo que ocupaba os postos altos da táboa. Importante vitoria, pois, que sitúa aos nosos cadetes nos postos de privilexio e con todas as aspiracións intactas para unha segunda volta que se intúe moi competida.

BO NADAL E VENTUROSO ANINOVO

Chegadas estas datas desde a Escola de Fútbol Lalín queremos desexar, a toda a nosa comunidade e seguidores, un BO NADAL e un FELIZ ANINOVO. Desexamos poder seguir traballando como ata agora, coa axuda de todos e todas e seguir disfrutando do fútbol en estado puro que nos ofrecen cada fin de semana os nosos rapaces e rapazas.
E para iso nada mellor que un brinde por parte dalgúns xogadores da categoría alevín e unha postaliña .
VAI POR TODOS/AS.

14/12/08

Duro inverno

Se xa o di o refrán: Cando Santos acaba, o inverno empeza.
Para a Escola de Fútbol Lalín acontece outro tanto, pero a competición prosegue. Nin xeada nin auga nos deteñen. Poderá ser patinaxe ou waterpolo, pero os partidos e adestramentos teñen lugar sen, case, retraso.E senón que llelo digan aos esforzados xogadores do Infantil B, pasados por auga nun campo no que, descoidado no mantemento, xa non escorre a auga nin evacúan as canles laterais, ateigadas de caucho.
A propósito disto. Cumpriría que quen ten responsabilidade no tema se puxese en serio e levase a cabo a anunciada tarefa de mellorar un campo que empregan centos de cidadáns de Lalín e que, pouco a pouco, se vai deteriorando ata, se a cousa prosegue, botarse a perder unhas instalacións que tanto dan aos deportistas.
Outra cousa é a neve. Esa si que paraliza, pois os equipos non se desprazan pola perigosidade das estradas e hai que suspender algúns partidos. Pero como tampouco hai mal que non veña ben, se queres facer deporte, este é o momento de perderse polas corredoiras nevadas da comarca, por exemplo en bicicleta de montaña co Club AlamBIKE de cicloturismo (publicidade). E non pasa nada. Ou si, pásalo ben.

8/12/08

OS BENXAMÍNS ¡COMPETINDO! UN ANO MÁIS





Xa temos aos tres equipos de benxamíns competindo nesta temporada 08/09. Un ano con cambios e novas ilusións: as incorporacións de dous novos adestradores, NANDO e MANU, e unha estrutura distinta nos grupos de adestramentos e equipos. Como sempre se fixo, seguimos na procura dunha formación integral dos nosos deportistas e o disfrute da práctica deportiva. Moito ánimo a todos: xogadores, familias, directivos e adestradores.


6/12/08

Volve o Maior espectáculo da EFL!!!!!

Non se trata dun derbi, tampouco dun partido decisivo, moito menos de gañar un campionato, de celebrar un ascenso batuxando a todo bicho presente nunha fonte posta adrede moi ao lado (como vemos na foto). Non. Hai feitos máis relevantes na EFL, desde logho.O maior espectáculo da EFL é outro ben diferente e que implica aos que nunca se visten de curto, os que non se mollan (ou se mollan en exceso), aos que animan ou berran ou sofren ou fan de todo un pouco. Esas e eses, si.
Despois dunha tempada ausente da programación de Nadal, a Escola de Fútbol Lalín decidiu retomar o tradicional partido de PAIS e NAIS.
Puro espectáculo, abofé!
E todo está decidido. Será como sempre foi, de pais e nais de futbol 7 (alevíns e benxamíns) CONTRA pais e nais de fútbol 11 (infantís, cadetes e e xuvenís). A morte, ou case.
A data: sábado 27 de Decembro
A hora: 16.30
E como apuntarse? Aínda que sexa a rastro, os rapaces deben convencer aos seus proxenitores para que se apunten (ou facelo eles) nas listas que os adestradores poñerán no campo.
En catro semanas podes poñerte (algo) en forma. Ademais, para baixar o atracón de doces navideños tampouco virá mal vestirse de curto. Ou que?
Ánimo, e ter en conta que o posto de titular vai estar moi moi caro!

3/12/08

Chova, neve ou arrefríe

Son, case, heroes os valentes que nestas xeiras de inverno cru seguen atrevéndose a aparecer polo campo para adestrar. Eles, que tamén teñen exames e deberes e prepáranos antes para ter tempo para o seu deporte favorito, non deixan de vir, queren mellorar, regresan á EFL un día si e outro tamén para facer equipo e seguir medrando en todos os sentidos. Hainos de todas as categorías, non se cren nin bos nin mellores, por moito que estean arriba ou abaixo na táboa clasificatoria, compitan ben ou non tan ben. Non protestan. Non se cren. Son humildes e constantes. Queren aprender. Posúen eses valores que non hai que perder, nin sequera de vista. Para eles vai esta entrada. Ti es deses ou...?