31/5/09

II GALO CUP

Este sábado pola tarde dous equipos alevíns da Escola se desprazaron a Vila de Cruces para xogar a fase final da Galo Cup, clasificados os dous como primeiros de grupo. O equipo A xogaba os cuartos de final contra o Unión de Rianxo e despois dun inicio preocupante (0-2 en contra) conseguiron remontar e clasificarse brillantemente para as semis por 5-2.Un hat trick de Erik e moito traballo facilitaron a nosa victoria. O equipo B xogaba co vello coñecido Sp Estrada. Victoria cómoda por 3-0 e a semifinais contra o Arzúa. Nas semis a EFL B conseguiu unha nova victoria por 4-1, despois de empezar perdendo. Pero o partidazo do torneo chegou na segunda semifinal: Cruces-EFL A. 0-0 foi o resultado final do partido, pero non porque non houbera ocasións, pero unhas veces a falta de definición e outras o gran traballo de ambos porteiros, fixeron que o marcador non se estrease. A primeira parte foi totalmente do Cruces con un par de boas ocasións, pero na segunda parte o partido se igualou. Na derradeira xogada do partido, Rubén regateou a todo o noso equipo e plantouse so diante de San Guille, que abortou, no derradeiro instante o gol que lles daría o pase á final. Despois a lotería dos penaltis. Acertaron os nosos: Erik, Manu e o defnitivo Martín, e San Guille parou o segundo deles. Clasificados para a final os dous equipos da Escola. Un exitazo para os nosos alevíns. Na final, algo descafeinada polo cansancio dos xogadores do equipo A, impúxose o Equipo B por 7-1 con 5 goles de Alberto (axudado polos seus compañeiros) que lle permitiron ser o máximo goleador do torneo con 11.




Ao final trofeo de campeón, de subcampeón e máximo goleador. O premio ao equipo menos goleado foi para a SD Cruces e o de mellor xogador do torneo para Rubén, premio xusto para un gran xogador.




Señalar finalmente, que no torneo, ben organizado pola SD Cruces, puidose ver un fútbol de alto nivel, onde os nosos foron capaces de aunar calidade e traballo, para lograr a victoria.




28/5/09

homenaxe aos cadetes

Non será necesario recordar aquí a enorme tempada realizada polo equipo cadete que dirixe Montoto. Nunha liga moi competitiva, superando numerosos atrancos en forma de lesións e baixas inesperadas que provocaron certos altibaixosos, os cadetes chegan ao derradeiro partido desta tempada aínda con algunhas posibilidades de acadar a 2ª praza, a que dá dereito ao ascenso. Está claro que despois da derrota en Conxo xa non dependen de si mesmos, que está complicado, pero seguen aí, agardando un patinazo de Comercial ou Cidade.
Pase o que pase, dease o resultado que se dea, o partido ante o Portuarios do sábado ás 17.00 debería ser unha homenaxe que os seareiros da EFL tributen a este magnífico equipo. Polo traballo ben feito, por superar as adversidades, por agasallarnos con tantos bos momentos, a esa hora hai que recibilos cun grande aplauso, para que saiban que a familia da Escola de Fútbol Lalín está con eles. Esta entrada é un anticipo, digamos unha pequena homenaxe que todos eles merecen.

TORNEO DO GALO CUP


Xa temos enfrontamentos para este sábado pola tarde no torneo cruceño. O equipo A dirixido por Toño enfrontarase co campéon do grupo D, o Unión de Rianxo, que pasou de primeiro de grupo despois dun triple empate a 3 puntos co Cruces B e o San Mamede. E o Equipo B adestrado por Sueiro se terá que velas caras cun vello coñecido: Sp. Estrada que pasou de campeón na repesca de segundos. Partidos emocionantes, sobre todo polo escaso tempo que duran os partidos, nos que, se todo sae ben, poderiamos ver unha final EFL A - EFL B. É unha ilusión, pero todos sabemos da dificultade de conseguilo, xa que hai equipos poderosísimos como o Arzúa, cun dianteiro de gran tamaño e boa finalización, o Peña Bodegón Arzúa e, sobre todo, cun gran Cruces con xogadores como Rubén, Joaquín, Gonzalo,...e Cristian na portería.

Animádevos a acompañar aos vosos alevíns neste bonito torneo que se vai celebrar moi preto das nosas casas.

26/5/09

mister hat-trick

A expresión "hat-trick" procede do deporte do críquet inglés. Cando un xogador conseguía tres puntos consecutivos regalábanlle un sombreiro ("hat" en inglés) a cargo do club. Pola súa banda "trick" é un termo que significa truco, trampa, incluso broma ou dise de algo que é de mentira. Así pois estamos ante un sombreiro de truco, ou "o truco do sombreiro" ou, como é o caso, debemos quitarnos o sombreiro ante quen segue metendo tantos goles en partidos decisivos. E sen truco. Falamos de Adrián, "o matador", que de novo incrementou a súa sona na Coruña cravándolle tres señores golazos ao Compañía de María na fase de ascenso dos infantís. Foi na segunda parte, onde todo o equipo se soltou e, unha vez liberado dos nervios lóxicos destes partidos, amosou a súa faciana máis competitiva. A EFL non os vai agasallar con sombreiros, desde logo, pero na retina quedará para sempre o bo xogo que, partido tras partido, esta xeración ofrece aos seareiros. Coa primeira eliminatoria case resolta (0-5 é un resultado moi contundente), cómpre empezar a pensar nun Calasanz que tamén quere facer historia.
SEN MEDO E SEN CONFIANZAS

24/5/09

GALO CUP 2009


Hoxe pola mañá os alevíns da Escola nos desprazamos para participar na fase de grupos do torneo Galo Cup, ben organizado pola SD Cruces. O equipo A tiña un grupo máis ou menos asequible, con San Pedro e Cacheiras como rivais pola praza que daba acceso directo a fase final do sábado 30 de Maio. 4-2 no primeiro partido contra o Cacheiras con remontada nos derradeiros minutos e 5-5 perante o San Pedro despois de ir gañando 5-1, foron os resultados. O empate entre os dous rivais no derradeiro partido do grupo nos deu a clasificación para a fase final.
O equipo B tiña un grupo, a priori, máis complicado. Os vellos coñecidos do Silleda e o actual campeón do torneo, Villestro, eran os rivais pola única praza de acceso directo. 4-1 no partido inaugural contra o Silleda (cun gran fútbol combinativo) e 3-0 perante o Villestro nos daban a ansiada clasificación. Reseñar a loita dos nosos para favorecer o segundo posto do Silleda que lle daba posibilidades de entrar na respesca e así clasificarse para a fase final.
Agora temos dous equipos entre os mellores 8 do torneo. Pero o fin de semana que ven esperemos seguir escalando posicións na xornada final da II Galo Cup.
Ademáis de felicitar aos xogadores pola clasificación, tamén darlle a Noraboa ao pai de Cristian por gañar o sorteo do Capón.

20/5/09

BENXAMÍNS: SUBCAMPEÓNS NO "I MEMORIAL MILUCHO E ALFONSO" NA ESTRADA

Gran xornada de fútbol-7 a que vivimos o pasado sábado 16 no campeonato organizado polo SP. Estrada. Nun día de auga e frío, a ilusión e entusiasmo dos 16 equipos participantes serviron de homenaxe aos xogadores "Milucho e Alfonso" do SP Estrada, falecidos o ano pasado en sendos accidentes de tráfico; así como unha mostra de cariño para as súas familias. Desde a EF Lalín mandámoslle todo o noso apoio.

Desde aquí tamén queremos felicitar a organización polo estupendo traballo realizado. Parabéns a toda a familia do SP Estrada.

Xa falando do campeonato, os nosos pequenos enfrentáronse na primeira fase co Silleda, o Cacheiras e o Boiro, acadando dúas victorias e unha derrota que lles permitiu pasar como 2º de grupo e enfrentarse ao Cruces nos 1/4 de final. Os marcadores nesta fase foron:

EF LALÍN 2 - SILLEDA 1
EF LALÍN 4 - CACHEIRAS 0
EF LALÍN 1 - BOIRO 4

Xa pola tarde, e despois de repoñer forzas co resto dos equipos celebráronse as eliminatorias.

Nos 1/4 de final:
EF LALÍN 7 - CRUCES 0

As semifinais foron:
SP ESTRADA 3 - BOIRO 2
EF LALÍN 1 - CALO 1 (victoria da EF LALÍN por penaltis)

A gran final
EF LALÍN 1 - SP ESTRADA 1 (Victoria do SP Estrada por penaltis)

Cadetes e Infantís: a hora da verdade

Esta fin de semana tanto cadetes como infantís da EFL xóganse moito a nivel deportivo. Aínda que os dous levan unha tempada sensacional, digamos que chegou a hora da verdade na súa pelexa polo ascenso ás máximas categorías galegas.Os CADETES que dirixe MONTOTO enfrontan o seu penúltimo partido situados nunha posición de privilexio. Ocupan o 2º posto da clasificación (a última que dá dereito ao ascenso á División de Honra, pois a outra xa hai tempo que é propiedade do Lugo) e cando menos precisan facer o mesmo que o seu inicial rival, o Comercial. Pero tamén o Cidade de Santiago ou o mesmo Bergantiños terían algo que dicir se aqueles tropezan. Pero se o partido contra o CONXO é complicado en si polo potencial do rival, máis aínda ao correr risco de descenso os de Santiago no caso de perder contra a EFL.
Pola súa banda os INFANTÍS que dirixe WILLI teñen esa primeira pedra de toque no partido de ida ante o COMPAÑÍA DE MARÍA da Coruña. Será nesta cidade ás 12 do sábado no campo Leyma, de herba artificial. Este equipo quedou 4º clasificado na 1ª infantil Autonómica, grupo 1. Disputou 26 partidos. Gañou 19, empatou 1 e perdeu 6. Meteu 142 goles e recibiu 59, totalizando 58 puntos. Aínda que partamos como favoritos, nunca hai que dar nada por feito, e menos no deporte.
Se algo convén facermos nestes intres é QUE OS XOGADORES SINTAN O APOIO DEPORTIVO DA AFECCIÓN DESDE A GRADA.

o Agasallo

Nesta semana o Corpo Técnico da EFL víase sorprendido co agasallo dunha fermosa figura de cristal artesán galego por parte da familia dun alumno/xogador da Escola a cada un dos 11 adestradores, ademais da personalización co nome e o lema seguinte: "en agradecimiento a su colaboración con la Escuela de Fútbol Lalín".
Se é de ben nacidos dar as grazas (feito que facemos aquí, non só desde o grupo de adestradores, senón tamén desde a Directiva da EFL), queremos aproveitar a ocasión para indicar que non debería facerse común esta práctica. Dicimos isto non só porque os adestradores xa cobremos un salario, tampouco porque noutros casos poida facerse discriminatorio (uns si e outros non, segundo che vaia ben ou mal), senón porque a verdadeira satisfacción debe proporcionárnola o traballo ben feito, representado na FORMACIÓN DEPORTIVA E PERSOAL DE RAPACES, PAIS/NAIS E DE TODOS OS QUE FORMAMOS A ENORME FAMILIA da Escola de Fútbol Lalín.
Así a todo, grazas de novo e a seguir traballando.

16/5/09

sábado de DEPOR

Mañá competida na que os alevíns xogaron dous partidos, contra Chantada e contra o Depor. Logo tocaríalle aos infantís.
CHAMPIONS ALEVÍN:
EF Lalín-Deportivo: 1-4
Os nosos bravos alevíns caeron con honor e facendo bo fútbol ante un equipo superior e que pinta campión.

AMIGÁBEL INFANTIL:
EF Lalín-Deportivo B:4-1
Boa preparación para unha fase na que non podemos confiarnos.

12/5/09

Sorteo fase de ascenso Infantil

O sorteo da FASE DE ASCENSO A LIGA GALEGA INFANTIL, como estamos afeitos, non deparou excesiva sorte, pero tampouco imos queixarnos, pois a volta é sempre en Lalín.
1ª eliminatoria:
Compañía de María- EF Lalín
Ida: 23 ou 24 de maio na Coruña
Volta: 30 ou 31 en Lalín
2ª eliminatoria (o que pase contra):
o vencedor de SD O Val-Calasanz
Ida: na casa deles o 6 ou 7 de xuño
Volta: na casa do vencedor da nosa eliminatoria o 13-14.
Estes son os pasos para o ascenso.
Hai que roelos, rapaces!
INFORMACIÓN:
Compañía de María: 4º clasificado do grupo 1 de 1ª autonómica da Coruña
Calasanz (de Coruña): 2º clasificado do mesmo grupo.
SD O Val: 1º clasificado do grupo 4º de 2ª autonómica de Ferrol.

10/5/09

NON PUIDO SER

O sábado pola mañá competimos cun dos mellores equipos alevíns de Galicia (posiblemente o mellor) e o resultado non nos foi favorable: 6-0 foi o marcador final que deixa a eliminatoria practicamente resolta. Empezamos ben, tendo dúas ocasións cada equipo, pero a diferencia de pegada fixo que no minuto 5 xa perderamos por 2 a 0. En 15 minutos o partido xa estaba resolto 4-0. A partir de ahí asentámonos e fomos capaces de competir ao seu nivel. Na segunda parte perdemos só 1-0 e cun gol de fortuna despois dun rechace.
Agora, o sábado que ven ás 11 teremos a oportunidade de volver a xogar co Deportivo e comprobar de novo o noso nivel de xogo.
Non faltedes e disfrutaredes dun gran partido.

PRÓXIMOS TORNEOS PARA BENXAMÍNS

SÁBADO 16 MAIO: "I MEMORIAL MILUCHO/ALFONSO DE FÚTBOL BENXAMÍN" ORGANIZADO POLO SP ESTRADA
XUÑO: COPA DO FUTURO - PREBENXAMÍNS (Data e lugar por confirmar)
SÁBADO 13 XUÑO: TORNEO DO POLVORÍN (LUGO)

7/5/09

E AGORA,.... O DEPOR


Despois de pasar cun resultado bastante amplo (13-2 en total) a eliminatoria frente ao Nicraniense, chegamos aos dezaseisavos de final e chocamos de bruces co todopoderoso Depor, que nesta idade si que é merecedor do calificativo de Superdepor. Cuns números espectaculares (24 partidos xogados, 22 gañados, 1 empatado e 1 perdido, 166 goles a favor e 13 en contra) nunha liga competidísima e despois de pasar contra o potente Montañeros sen encaixar un só gol (9-0 no total da eliminatoria) parece un rival inalcanzable. Pero nada máis lonxe da realidade. Non nos dan medo, senón que nos motiva este novo reto que a tempada nos ofrece. Ofreceremos todo o noso potencial, desplegaremos o noso fútbol ofensivo para tentar ter a posesión do balón e coa nosa filosofía de "portería a cero" loitaremos para pasar esta eliminatoria.

A loita comeza este sábado ás 11 en Abegondo (Mundo do Fútbol) e esperemos traer un bo resultado para rematar a faena a próxima semana en Lalín diante do noso público.

Atentos todos que imos dar a campanada.

6/5/09

DEBUT DOS PREBENXAMÍNS NO V TORNEO GALAICO PORTUGUÉS DE FÚTBOL 7

O 1 de maio os máis pequenos da EF Lalín fixeron o seu debut competitivo no campeonato organizado pola UD. Santa Mariña de Vigo.
Participaron 15 equipos encadrados en grupos de 5. Á EF Lalín tocoulle enfrentarse aos equipos máis duros do campeonato na fase de grupos, pois 3 dos seus rivais foron os equipos que ocuparon as 3 primeiras posicións ao finalizar o torneo.

Os resultados foron:
Fase de Grupos:

EF Lalín 0 - Cruceiro Hío 7 (campeón do torneo)
EF Lalín 0 - O Baladas 6 (subcampeón)
EF Lalín 4 - Vigo 2015 0
EF Lalín 0 - Santa Mariña "A" 7 (3º clasificado)

Finalizando 4º nesta fase pasouse a xogar pola final de consolación xunto sete equipos máis.

Nos 1/4 de final:
EF Lalín 4 - Santa Mariña "B" 1
Na 1/2 final:
EF Lalín 2 - Bahía Aldán 3

Queremos darlle a noraboa a tódolos xogadores e pais polo comportamento exemplar e o esforzo que fixeron, así como aos organizadores polo ben que atenderon a tódolos equipos.

ALEVÍNS E BENXAMÍNS NO TORNEO DO DEPORTIVO

O pasado 1 de maio alevíns e benxamíns da EF. Lalín participaron, xunto con 160 equipos máis, no torneo do RCD A Coruña que se celebrou nas instalacións deportivas que o organizador ten en Abegondo.
Os benxamíns tiveron como rivais na fase de grupos ao Arzúa B e a EF Varela Silvari de A Coruña. Os resultados foron:
EF Lalín 3 - EF Varela Silvari 0
EF Lalín 5 - Arzúa "B" 1

En 1/16 de final o rival foi o Conxo:
EF Lalín 0 - Conxo 0 (Clasificado a EF Lalín por penaltis)

En 1/8 de final o rival foi o Orillamar "A":
EF Lalín 0 - Orillamar "A" 3

Cabe sinalar que o Orillamar "A" foi o campeón final do torneo en categoría benxamín.
Os alevíns enfrentaronse na fase de grupos ao Galicia Gaiteira de A Coruña e ao Bastavales. Os resultados foron:
EF Lalín 2 - Galicia Gaiteira 0
EF Lalín 2 - Bastavales 0

Nos 1/16 de final enfrentáronse ao Lugo:
EF Lalín 0 - Lugo 1

O campeón final do torneo en categoría Alevín foi o RCD A Coruña.