25/4/09

CAEU O NICRANIENSE


Empezamos a Champion Alevín con bo pé. 1-5 fóra pode ser un bo resultado, pero curto vendo a grande cantidade de ocasións desperdiciadas. Comenzamos, coma sempre, algo fríos, pero no ecuador da primeira parte xa fomos capaces de impoñer o noso altísimo ritmo. 1-0 de Dani Gómez a centro de Fer, 2-0 de Fernando cun tiro desde fóra e 3-0 ao descanso despois dunha xogada persoal de Manu. Na segunda parte partido máis aberto do que nos queriamos, pero onde non fomos capaces de resolver con gol moitas ocasións, provocado ás veces polas reducidas dimensións do seu campo. 4-0 Martín e 5-1 Cristian cando xa chegabábamos ao final. Bo resultado para a volta, pero non pensemos que é definitivo. O que si é motivo de orgullo é o noso traballo defensivo, intensísimo e con grande capacidade de anticipación.

NORABOA RAPACES por ser capaces de xogar tan ben a unha velocidade tan alta.

21/4/09

CHEGA A CHAMPIONS ALEVÍN


Xa temos rival, para a primeira ronda da champions alevín: o Nicraniense B campeón do grupo 6 da delegación de Santiago, con 15 partidos gañados, 2 empatados e 1 perdido en 18 partidos. Coma o Barça, non lle temos medo, pero si moito respeto a un equipo B que gañou a liga por diante do Dubra ou do Xuventú de Oroso, vellos coñecidos nosos. A clave será impoñer o noso fútbol combinativo. A eliminatoria será dobre partido, comenzando en Cepelo este sábado ás 10.30 e rematando no M.A. Cortizo a semana que ven. Se se pasa esta eliminatoria chegará o coco do grupo: O depor.

ÁNIMO RAPACES, que xogando coma contra o sporting de Xixón, podémoslle gañar a calquera.

20/4/09

A maior débeda: Infantil B

Se hai unhas semanas eran os xuvenís os que, cos seus comentarios, nos presionaban porque case nunca aparecían neste blog e tivemos que pagar unha merecida débeda con eles, hoxe é o momento do equipo Infantil B. Trátase do único grupo da EFL que aínda non apareceu en formación neste blog. Pero eles non dixeron nada. Ninguén fixo comentario ningún a seu favor ou por eles. Son parte importante da nosa familia porque asisten aos adestramentos en masa, compiten os sábados, están ao cargo de Toño. Ademais, despois de certos bailes entre A e B, son máis en número pero teñen 25 fichas, o que provoca que cada fin de semana queden fóra 9 xogadores (a non ser que vaian convocados co equipo A). Figuran na metade da táboa clasificatoria, pero buscan ir mellorando pouco a pouco. Están aí e ímolos nomear un por un. Eles son: Faílde, Currás, Alex, Álvaro, Areán, Cristian, Diéguez, Edu, Ionatan, Brei, Jorge Vilas, Luís Manuel, Isidro, Manu, Marcos, Martín, Rodrigo, Santi, Serginho, Suso, Vítor, Xabi I, Xesús, Xabi II, Kevin e Michi.

19/4/09

Vitoria ante o Depor e debú de Juanillo

Habia interese en saber se, debido ás importantes baixas, o equipo de Montoto sería capaz de facerse cos tres puntos que manteñen en todo o alto as aspiracións para o ascenso á División de Honra Cadete. E foino, porque os resultados colocan á EFL nunha posición inmellorábel, pero fixo sufrir aos seareiros ata o derradeiro minuto do encontro. 4-3 foi o resultado final nun partido no que os coruñeses, mercé á súa enorme calidade, puxeron máis fútbol combinativo, pero os da Escola contrarrestárono con traballo, cun esforzo levado ata o límite físico e coa mentalidade dos que sempre saben competir non dando un balón por perdido e disputándoo en cada metro do campo. Este derroche tivo a súa recompensa case no límite do tempo cun gol en propia meta (anotado polo árbitro a Iker) que deixou sen capacidade de resposta a un Depor B que realmente non se xogaba nada.A outra noticia foi a presenza de dous infantís no equipo titular, Adrián e Juanillo. O primeiro xa é un habitual na convocatoria cadete, pero no caso do bravo xogador de Lamela representa a súa primeira aparición nunha liga superior. Juanillo, a pesar da diferenza de envergadura cos contrarios, superou con nota esta dura proba, pois o míster contou con el todo o partido, a 1ª parte no medio campo e a 2ª de lateral dereito.
NORABOA a todos polo triunfo e a Juanillo por debutar.

16/4/09

Imaxes da tempada

Xa que cremos nos nosos rapaces, como a eles lles prace saír aquí, e posto que unha imaxe vale máis que mil palabras, aí van algunhas instantáneas desta tempada.
Un contra un de Dani (infantil).Este rapaz é o demo! (Manu, alevín)
Concentrados no quentamento xuvenil.
Mísil terra aire de Martín! (alevín)
Hai que pillala! (benxamíns)
Manuel, acosado (xuvenil).
Á ducha cos deberes feitos (infantís).
O que se coce na área con Íker (cadetes).
Dani, Martín e Fernando: pero de quen é a pelota? (alevíns)E finalmente, waterpolo infantil!

O CANDIDATO

Xa que parece que non abonda con saber o seu nome e apelidos e dado que moitas persoas teñen a lóxica curiosidade por coñecer a identidade do candidato á Presidencia da Escola de Fútbol Lalín, aquí van dúas fotos (de escasa calidade, iso si, pero reveladoras) do partido de Pais/Nais celebrado este Nadal.Nesta atopamos a Xabier Ferreiro Vila (outro Xabier na EFL!), a persoa a quen, na Asemblea Extraordinaria do xoves 30 de Abril, os socios e socias (ou sexa, os pais e nais dos xogadores/as) poderán refrendar para os próximos catro anos e que substituirá, despois de 6 tempadas, a César Reboredo.
Nesta outra foto (é a mesma) aparecen descubertos algúns pais que forman parte desa candidatura. A quen lle goste xogar ás adiviñas pode intentar situar os posibles cargos que se presentarán ese día co Candidato. Pero ollo, que ninguén se confunda, nin son Consellarías da Xunta nin estas persoas teñen soldo, hai soamente un traballo que facer. Nese traballo é onde todos temos que implicarnos e botarlles unha mao. De inicio será bo que saiban que terán o apoio de toda a gran familia da Escola.

14/4/09

NOTA INFORMATIVA.
Pechado no día de onte, 13 de abril, o prazo para a presentación de candidaturas á Presidencia da E.F.Lalín, informamos que se presentou unha única candidatura, encabezada polo socio D. FRANCISCO JAVIER FERREIRO VILA.
Ao non haber ningunha outra candidatura, será na próxima ASEMBLEA EXTRAORDINARIA DE SOCIOS, a celebrar o xoves 30 de abril ás 21,30 h. no Salón de actos do IES Laxeiro, onde os socios e socias deberán refrendar esa candidatura e o futuro Presidente presentar a súa Xunta Directiva.
A partir dese momento, a Directiva saínte e a entrante traballarán conxuntamente ata a asemblea de peche da presente temporada (finais do mes de xuño) co fin de poñer ao corrente e facilitarlle o traballo o máis posible á Directiva entrante e colaborar con ela na planificación da vindeira temporada. Será nesa asemblea de xuño cando a nova directiva colla as rendas da EFL.

12/4/09

BOA ACTUACIÓN DOS BENXAMÍNS NO III TROFEO CIDADE DAS BURGAS

Xoves Santo de fútbol para xogadores e pais na cidade de Ourense. As 10 da mañá daba comezo o primeiro torneo desta temporada. Agardabanos un grupo difícil: Ponte Ourense e Val Miñor (campeón do torneo). Dous empates (1-1 e 0-0) e pasabamos a cuartos de final como segundos de grupo. Xa pola tarde partido moi disputado co Victoria de A Coruña (subcampeón do torneo), derrota 1-0 e a xogar polo 5º ao 8º posto. Novo empate co Viveiro 2-2 e derrota por penaltis. Na final polo 7º-8º empate 0-0 cos anfitrións o Pabellón de Ourense e victoria por penaltis. 7º posto, trofeo ao equipo máis deportivo e so unha derrota por 1-0 en 5 partidos. Todo un éxito dos nosos xogadores:
Finalizamos o torneo con 4 empates, 1 derrota, 3 goles a favor (Jose Luis 2, Santi Rojas 1) e 4 en contra.
Máis información http://www.pabelloncf.com





11/4/09

ENORMES ALEVÍNS


Enormes, fantásticos, excepcionais. Non hai outros calificativos que poidan definir o comportamento deportivo e humano dos nosos xogadores nos torneos de Vilagarcía, Alondras e Ourense (benxamíns). Vou tentar facer un breve resumo. No torneo da Arousa Cup, levabamos dous equipos, con dous obxectivos ben diferenciados: un forte equipo A que aspiraba a colarse entre os mellores e un equipo B que ía para disfrutar do fútbol e do ambiente de festa que se pode vivir nestes eventos. O B fixo unha meritoria actuación loitando como leóns en tódolos partidos, ainda que os rivais eran moi fortes. Ainda por riba tiveron as peores condicións metereolóxicas do torneo.

O EFL A estivo enorme nestes tres días. O xoves vencemos ao Ourense (0-3) e a o Xuventude de Oroso (2-0). O venres victoria sobre o Ribadumia (2-0) e contra o Vilagarcía (0-5). Mala sorte nos cuartos de final, xa que sendo superiores non puidemos gañar (0-0), quedando eliminados do torneo nos fatídicos penaltis e sen encaixar un só gol.
E chegou o sábado. A viaxe pásanos factura e Dani Gómez non pode asistir, por enfermedade. Unha baixa moi sensible despois do visto en Vilagarcía. Entra Leo no seu lugar e así somos doce xogadores e dous amigos (Guillermo e Santorum) os que afrontamos o torneo do Morrazo. O grupo dificilísimo. Primeiro sucumbiu o Racing de Ferrol (4-0) e para rematar a mañá victoria sobre o Bahía (2-0). No primeiro partido da tarde acabouse a imbatibilidade do noso equipo. Victoria por 4-1 fronte ao Val Miñor e clasificados de primeiros de grupo, evitando así ao Celta. Nos cuartos de final victoria agónica fronte a un "mal educado" A Seca (1-0 de falta faltando 2 minutos) e a semis a pelexar co coco da competición: o Sporting de Xixón. Con só 10 minutos de descanso afrontamos unha semifinal na que partiamos de víctimas, pero que afrontamos con valentía e na que decidimos quitarlle o balón ao Xixón e telo nós. Non puido ser e o seu empuxe pechábanos na nosa área. Ainda así mantivemos a fé e sistema de dous puntas. Un golazo de Martín pola escadra nos poñía por diante, pero en menos de un minuto xa acadaron o empate. Xa na segunda parte e xusto despois de lesionarse Xabi Rei nun rechace fixeron o 2-1. Pensabamos que era o final, pero nun arranque de coraxe, Martín recorreu todo o campo pegado a banda dereita, xogou con Brais que recortou e orientou o balón perfectamente para finalizar, pero pasoulle a Alberto que estaba en mellor posición, para que este recortara e disparara a porta con rosca un balón que se colou pola escadra. Empate a 2 a falta de 45 segundos e outra vez aos penaltis. Outra vez eliminados sen perder ningún partido.


Como resumo final. Impresionante actuación con 10 partidos xogados, 8 gañados e 2 empatados ante grandes rivais. So 3 goles encaixados en 10 partidos alevíns. Increíble. Tres trofeos en Alondras: 3º clasificado (por diante do Celta, Racing, Ponte Ourense,...), Mellor Porteiro (Xosé Ramón) e un que nós sempre valoramos moito: o da Deportividade. Resulta significativo que nesta fin de semana gañáramos o trofeo da Deportividade nos dous torneos no que se podía gañar: os benxamíns en Ourense e os alevíns en Cangas.

Noraboa a todos no deportivo e no personal. A seguir así rapaces.

9/4/09

COMENZAN OS TORNEOS

Estabamos agardando todos este momento. Por fin hoxe xoves comenza a tempada de torneos para os cativos da Escola. Os alevíns desprazaranse ata Vilagarcía para disputar a prestixiosa Arousa Cup e os benxamíns achegaranse a Ourense para competir no torneo das Burgas.
Serán 2 equipos os que se desprazarán ata Vilagarcía para tentar acadar unha das dúas prazas que dan acceso á fase final e así poder enfrontarse a grandes equipos como o Barsa, Madrid, Atlético, Valencia ou Sevilla, sen esquecer ao Celta e o Depor, e a os internacionais Tottenham, Benfica, Paris Saint Germain ou Inter de Milán. Misión nada fácil vendo aos rivais, pero non dudedes que o imos tentar. O equipo B estará encadrado no grupo D (o grupo da morte) xunto a Cruces, Pabellón, Villestro e Atlético Cuntis. Grupo dificilísimo con dous dos clasificados o ano pasado, Pabellón (clasificado 3 anos seguidos) e Villestro e un de sobra coñecido Cruces. O debú será contra o Cuntis ás 16.00.

O equipo A terá un camiño un pouco máis despexado. Enfronte no grupo E terá ao Ourense coma equipo máis forte e logo os enfrontamentos perante o Ribadumia, Vilagarcía B e o Xuventú de Oroso. O debú deste equipo será as 16.30 hoxe fronte ao Ourense.

Se non ides a viaxar para animar podedes seguir a evolución do torneo na páxina web http://www.arousafutbol7.com/, na sección de partidos.

7/4/09

7-0 e LIGA no PETO

Sabíase da nosa superioridade e había quinielas sobre o resultado (todas favorables), pero na realidade o agardado e retrasado partido do Infantil A contra o Estrada foi un paseo militar do equipo que dirixe Willy. O 7-0 final, e porque a 2ª parte o carrusel de cambios ralentizou a goleada, fala ben ao claro do poder do infantil A: intenso, dominador e moi efectivo. Tanto que o equipo visitante desde o minuto inicial soubo quen non levaría a vitoria, pois en tres ataques os do Deza xa se puxeron 2-0 con goles de Dani e Marco.
Levábanse xogados 15 minutos e só faltaba o máximo goleador da Escola de Fútbol para sumarse á festa. E como o fixo! A pesar da marcaxe tan estreita á que foi sometido polos dous centrais estradense, Adrián, "o matador", espetoulles 4 goles plenos de forza e calidade, que engadidos ao golazo de Edu na primeira parte redondearon o marcador.Despois deste contundente resultado, xa co 2º clasificado a 11 puntos e o goal average particular a favor, o Infantil A gaña a LIGA, quere acabar invicto e prepara a fase de ascenso na que, aínda sendo favoritos, non convirá confiarse.
Pola EFL, aliñación de gala: Kevin na portería; Iago II, Serxio, Guille e César en defensa; Edu ,Juanillo, Marco e Brais no medio campo; Adrián e Dani en ataque. Tamén saíron: Currás, Serginho, Jorge Vilas Suso e Vítor.

6/4/09

CAMPEOOOONS, CAMPEOOOONS, OEOEOE.

Mañá magnífica de domingo para a Escola. Empezaba cun trunfo para o Alevín C perante o Bandeira, nun encontro moi disputado, pero onde os nosos souberon sobrepoñerse as baixas de Manu e Iván para gañar por 5 a 2. O encontro que estaba programado para as 10.30 empezou unha hora máis tarde por erro da Federación o que provocou retraso no partido do Alevín A e restou algo de afluencia de público ao coincidir coa saída de Fernando Alonso.
Ás 12.00 en punto comenzou o partido do B contra o Silleda B. Un encontro sen historia onde os nosos foron os dominadores do xogo e o resultado (9-1). Destacar o golazo de falta de Dani Seijas. E ás 12.30 chegou o momento máis esperado da mañá. O partido que decidía unha liga. Enfronte do noso Alevín A estaba o Silleda, un equipo con bos xogadores e unha gran fortaleza física. As gradas ateigadas de xente para ver o espectáculo que o noso alevín nos ía dar. Os xogadores dos outros equipos atentísimos ao partido (ainda que o B ainda estaba xogando o seu), esperando esa victoria que nos dera o título de liga, o acceso á Champions e, sobre todo, á celebración, á festa.
Comenzamos dominando o xogo, coma todo o ano, con moitas e claras ocasións que non puidemos materializar. 5 claras nos primeiros 4 minutos, pero foi o Silleda o que inaugurou o marcador. 0-1 nunha contra que poñia a todos nerviosos. Menos a Willy, que bo coñecedor do seu equipo non se cansaba de repetir que xogando ben o gol sempre chega. E así foi. Gran pase de Brais a Manu que volea de primeira, un nada fácil balón, para conseguir o empate. Roubo de balón de Martín no medio campo, un paso, e PUM, para dentro. Golazo por toda a escadra que limpa as telarañas antes de entrar. 2-1 e todo no seu sitio. Ao descanso 3-1, que aínda deixaba un partido aberto para a segunda parte. Chegan os cambios. Iago na portería e Alex e Andrea na dianteira e o equipo para nada baixa o seu nivel. Seguimos mantendo a posesión do balón, que é a mellor forma de atacar e, sobre todo, de defender. Van caendo os goles, para rematar cun quizais curto 7-1 que desataba a alegría de toda a familia da Escola. Todos esperando como se dunha saída de atletismo estiveramos a falar. Preparados, listos, PI,PI, PI. Os rapaces dos tres equipos no centro do campo celebrando un sufrido título, que non se decidiu ata a derradeira xornada, gracias a un gran Cruces que nos tivo contra as cordas. Despois todo un clásico da categoría alevín: fonte, baño dos adestradores e comida. E todo esto nun gran ambiente, onde o público animou constantemente e ata Franchi foi a misa para rezar pola nosa victoria.
NORABOA ALEVÍNS!!!!

5/4/09

Lembrámoslles a todos os/as socios/as o Calendario electoral.
Convocadas eleccións á presidencia da E.F.L., por acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria do día 13 de marzo de 2009, estableceuse o seguinte calendario electoral:
Prazo de Presentación de Candidaturas: do 13 de marzo ao 13 de abril de 18,00 a 22,00 h.
Proclamación de candidatos: día 14 de abril.
Votación se houber máis dunha candidatura: venres, 17 de abril de 20,00 a 22,00 h.

4/4/09

Espectaculares xuvenís!!!!!

Se ben era moi certo que tiñamos un tanto esquecida a categoría xuvenil neste blog, non por iso deixamos de estar con eles e apoialos, nos bos e nos malos momentos. O que pasaba era que cadraba mal para facer fotos e cadraba mal para ilos ver. Pero tiñamos contraída unha débeda con este equipo, como ben nos recordaban os atinados comentarios. E hoxe queremos pagala.
E sería nun importante partido onde puidemos comprobar o que xa se presentía: a espectacular 2ª volta que están a facer, refrendado cunha non menos espectacular 2ª parte ante todo un 2º clasificado, o poderoso Cacheiras.
Como nada importante resulta doado no deporte, o partido púxose custa arriba xa aos 10 minutos (0-1). Pero reaccionou deseguido a escuadra de César cun magnífico remate de cabeza Manuel (na foto). Era o 1-1 que fixo xustiza á igualdade que se vía no campo. A segunda xa foi outro cantar, por preparación, por intensidade, por saber estar os dezaos impuxeron sempre o seu fútbol. O Cacheiras case non inquedou a meta de Dani e as ocasións da EFL sucedíanse. Pero o balón non quería entrar. Ata que por fin, no minuto 70, Alvarellos puxo o balón na área para que un oportuno Diogo atinase a introducilo na portería e desequilibrar a contenda. Era o 2-1 e empezaron os cambios dos xogadores lesionados (Marcos, Diogo e Óscar) por outros de refresco (Marcos Rodríguez, Miguel, Brei e Cristian) que fortaleceron aínda máis ao equipo. E sería un Brei incordiante e todoterreo quen no minuto 85 mandase o balón á mesma escuadra para poñer a tranquilidade nos seareiros. Era o 3-1 final, que realmente puido ser máis amplo se non fose polos postes e polas boas intervencións do meta visitante.
En resumo: tres puntos que nos disparan cara arriba na clasificación, polo que seguimos pelexando por estar na fase. E o que resulta máis esperanzador aínda, vese poder e bo ambiente nun equipo no que todos estiveron a gran nivel, desde un seguro Dani a un perigoso Diogo, pasando polos efectivos centrais Pacheco e Xoel, o poderío do cadete Xosé Ramón, a agresividade de Óscar, a creatividade de Roi, a calidade de Alvarellos e a forza de Manuel, sen esquecer as aportacións fundamentais de nomes coma Marcos, Xosé Manuel, Brei, Miguel, Marcos Rodríguez, Cristian e toda unha plantilla ben dirixida por César e preparada para o que vai vir, que será difícil, pero non imposíbel. Noraboa, pois.

FESTA DO FÚTBOL

Hoxe sábado puidemos disfrutar da primeira festa do fútbol desta fin de semana cos partidos de categoría benxamín. Enfrontábanse ás 11.30 no M.A. Cortizo o EFL A co líder imbatido o SP Estrada A no campo 1. O resultado foi de 0-3, pero non refrexa o visto no campo. Un partido moi igualado onde o Estrada ofreceu unha gran orde e saber estar (aderezado con grandes xogadores), pero onde o control do balón foi noso. Con un pouco de sorte de cara ao gol o resultado ben seguro que sería outro.
E no outro campo celebrouse un gran derbi, entre os equipos B e C da Escola. Partido competidísimo que se rompeu nos derradeiros 10 minutos (3-2 para o C faltando 9 minutos). 3-7 a favor do B ao final, que é excesivo vendo os méritos de ambos equipos. O resultado máis xusto podería ser un empate, pero o fútbol é así. Ata en muletas estaban espatados.


Noraboa aos 3 equipos que estiveron fantásticos e noraboa tamén ao público que soubo disfrutar do espectáculo e aceptar o resultado coma un elemento máis da formación deportiva e personal dos rapaces, sen dramatizalo.
UN APLAUSO PARA TODOS E TODAS!!!!


1/4/09

APAIXOANTE FIN DE SEMANA

Para todos aqueles amantes do bo fútbol, temos esta fin de semana tres citas que non nos debemos perder. Por un lado, o sábado pola mañá, ás 11.30, se citarán no campo de fútbol os xogadores de categoría benxamín. Non todos, que é imposible, pero moitos, arredor de 50 rapaces nos farán disfrutar co seu fútbol. Podemos ver o derbi entre os equipos B e C da Escola e ao EFL A loitando por infrinxirlle ao SP Estrada A a súa primeira derrota. Dous auténticos partidazos que ninguén se debería perder.


O sábado pola tarde noite, serán os xuvenís da escola os que loiten contra o Cacheiras para tentar alcanzar ese quinto posto que da acceso a fase de ascenso. O frío non pode ser excusa para non animar a estes rapaces que no seu derradeiro encontro gañaron por 1 a 9. A cita ás 20.00.
E finalmente, o domingo pola mañá remata a liga alevín no M. Anxo Cortizo. Os tres equipos da Escola loitarán por conseguir unha victoria. Así a EFL C xogará ás 10.30 contra o Bandeira, na que será a súa despedida da liga e a EFL B e A xogarán ás 12.00 con dous obxectivos ben distintos. O equipo B buscará unha victoria ante o Silleda B que lle permita manter o terceiro posto coa mirada no transcendental partido do martes fronte o SP Estrada A (17.30) e a EFL A que tentará conseguir a victoria que lle garantice o título de liga e o acceso a esperada Champions Alevín. O rival será un difícil Silleda A
Así que estades todos convidados a ver e animar aos nosos xogadores neste fin de semana tan importante.