29/2/08

Damián, reforzo para os Xuvenís

Se as finais que lle quedan aos xuvenís se prevén duras, tampouco todo ían ser malas novas para este enfrontamento ante o Carreira. De inicio o equipo de César Reboredo poderá contar con Damián (que abandonou as ringleiras do CD Lalín xuvenil e xa ten a ficha tramitada coa EFL) e con Cruces, ao que non lle chegou a sanción. En canto ao da titularidade na portería parece que o adestrador prefire manter a incógnita, pois Dani estao tomando en serio, Tino anda forte (demostrouno o sábado) e, incluso, o cadete Peña permanece na recámara.

26/2/08

Partidos importantes esta fin de semana

Os Benxamíns A da EFL reciben o sábado ao Sporting Estrada A nun enfrontamento que pode marcar moito unha liga moi igualada. Os pupilos de Sueiro deben amosar unha faciana futbolística un chisco mellor cá dos últimos partidos se queren coller o liderato. Cando menos os siareiros agardan que o mister poña toda a carne no asador, como fai nas grandes ocasións.

Pola súa banda os Alevíns A renden visita ao poderoso Cruces, o 2º clasificado a 3 puntos. Trátase do derbi final que xa vai decidir a liga. Tralo 10-1 da 1ª volta os de Willy non poden confiarse e no Camballón deben xogar tan ben como saben ante un rival que, ollo, só perdeu o partido de Lalín.

Os infantís B de Quiroga, despois de dúas derrotas consecutivas por 2-1, dispoñen o sábado da última oportunidade para engancharse á liga. O poderoso At. Melide, que os avantaxa nun punto, vén disposto a todo, pois o que perda xa o terá moi difícil para seguir a estela do líder Val do Ulla.

Os cadetes B de Toño, aínda coas dúbidas de cantos descenden nesta Liga, disputan un penúltimo partido ante un Artes que xa non os pode alcanzar pero que na súa casa vai resultar un óso duro de roer. Así as cousas, os 3 puntos soan a verdadeira necesidade.



Finalmente, trala victoria ante todo un Nicrariense, os Xuvenís de César xogan un partido a cara de can ante o Carreira, rival directo ao que poden deixar ferido de morte. Se ao final descenden seis, só vale a victoria, pois os demais seguen sumando. A pregunta que nos facemos é: quen xogará porteiro?

20/2/08

Iker, Convocado coa Selección Galega!

Iker Hurtado, o dianteiro centro do equipo Cadete A, máximo goleador da Escola de Fútbol Lalín na súa curta historia e habitual nas convocatorias da Selección de Santiago, ven de ver realizado un dos máis esperados soños: a convocatoria coa Selección Galega.
De inicio trátase dun adestramento (que terá lugar hoxe mércores, 20 de febreiro do 2008, ás 16.00 horas no campo de Calo), pero todos o vemos como outro paso adiante.
É unha magnífica noticia para o xogador, para a súa familia, para a EFL e para todo o deporte dezao. Pola nosa parte só nos queda felicitalo e desexarlle moita sorte.
As fotos da EFL pertencen á tempada inicial (2003-2004) en alevíns, e a actual (2007-2008) en cadetes.

16/2/08

COMENTARIOS no blog

Apertura a comentarios.Ata hoxe tiñamos pechada a posibilidade de escribir comentarios no blog da EFL. Os exemplos do que se ve en Internet eran e son o suficientemente irrespetuosos como para permitilos. Se agora abrimos este espazo é a modo de proba: para que fagades suxestións, comentedes o que vos preocupa, digades o que queredes dicir e fagades que todo mellore, pero sen insultos, evitando a linguaxe soez e vulgar ou as opinións infundadas e irrespetuosas cara a entidades ou persoas. Esa será a única limitación.
Se logramos que os nosos comentarios ou opinións sexan formativos e educados, como pretendemos que sexa a Escola de Fútbol Lalín, seguiremos permitíndoos. Así pois, xa que esta bitacora é cousa de todos, TOCA PARTICIPAR!
Ah, e por favor, MELLOR EN GALEGO

6/2/08

Adestradores EFL 2007-08

FÚTBOL 11:
César Reboredo (Xuvenil)
Xabier Montouto (Cadete A)
Toño García (Cadete B)
Ricardo Vázquez (Infantil A)
Xabier Quiroga (Infantil B)
























FÚTBOL 7:
Willy Alonso (Alevín A)
Rafa Dacosta (Alevín B)
Xabier Sueiro (Benxamín A)
Pablo Castro (Benxamín B)
Toño González (Benxamin C)






Trofeos da tempada 2006-2007

Os tres equipos campións da Escola de Fútbol Lalín das ligas na tempada 2006-2007 recibiron este pasado martes de entroido os correspondentes trofeos. Aínda que o obxectivo da EFL é formativo, a ninguén lle amarga un doce como o de que che recoñezan e premien os méritos. Aproveitando a festa celebrada no Pontiñas, o Xerente do centro comercial e o Presidente da EFL entregaron as copas e complicaron aínda máis a limitada capacidade de almacenaxe de trofeos deportivos da Escola.

Quen máis o celebraron foron os cativiños, aínda que moitos deles xa pertenzan a unha categoría superior.

A nós só nos queda felicitalos e intentar que sigan nesa liña de traballo e bo comportamento.

Festa no Pontiñas

Martes de Entroido: Festa da E.F. Lalín no Pontiñas de Lalín.
Fotos, bo ambiente e entrega de trofeos, para corresponder á colaboración que desde a xerencia do centro comercial teñen acordada coa directiva da Escola de Fútbol Lalín. Sen dúbida foron os máis pequenos os verdadeiros protagonistas. Acudiron en masa, levaron aos pais e formaron a festa coa súa alegría, ademais de conseguir entradas para o cine. E ademais, como debe ser, ían disfrazados.

1/2/08

Iker e Xosé Ramón na Selección de Santiago

Se nunha anterior nova dabamos conta da convocatoria coa selección alevín de Santiago de Adrián, entre os cadetes son fixos Iker e Xosé Ramón. É xusto recordalo. Os tres se desprazaron a semana pasada á cidade das murallas para medirse coa selección de Lugo. O resultado, sendo o de menos, foron dous empates que non contentaron a ninguén.