23/11/08

Espectacular derbi alevín

Os afeccionados que se deron cita este domingo no Cortizo puideron comprobar as excelencias da Escola de Fútbol Lalín. Era o derbi. O partido agardado. Alevín A contra B. Os de Willy contra os de Sueiro. E non só non defraudou, senón que as dúas escuadras, os seus xogadores, fixeron gozar ao público dun magnífico e, ante todo, competido encontro.
Primeira parte moi seria e programada, dominada polo equipo A, e cun B que non acababa de atoparse no campo, por iso ofreceu algún que outro agasallo en defensa aos "maiores". O gol de Alberto aproveitando un despiste e o zambombazo de Martín desde fóra da área que se colou pola escuadra de Guille puxeron o 2-0 que falaba dunha manifesta superioridade do A nesa 1ª parte.E cando todo semellaba que a 2ª sería un paseo militar para os de Willy, vai Sueiro e arrisca colocando a un, ata daquela descoñecido, Brais en punta, e a Erik de zapador do medio campo, con Fer facendo estragos pola banda. O partido deu entón unha imprevista viravolta. Dominio abafante do B que maniata ao A con presión en todo o campo contrario. Así, con intensidade, combatendo en cada metro e movendo moi ben o balón, sucédense as ocasións para o B. A defensa colectiva e Xosé Ramón, con magníficas intervencións, van librando como poden da avalancha a un sorprendido líder. Pero tanto vai o cántaro á fonte que ten que rachar. Primeiro sería Brais nunha espectacular xogada persoal, e logo, ante o delirio da parroquia, Fer remataría unha soberbia xogada colectiva. Era o 2-2. Sorpresa no Cortizo ante a superioridade do B nesa segunda parte, que ademais segue arriscando para gañar. Entón vai Willy e remexe no plantel, que se recompón un chisco e volve atacar con certa constancia. Aparece entón, cun elegante recorte dentro da área, Alberto, quen a falta de cinco minutos pon o definitivo 3-2 para o A no marcador. Segundo o escoitado, nunca os líderes sufriron tanto para quedarse cos tres puntos. Será que non hai mellor cuña que a da propia madeira.En fin, enorme derroche físico, competitividade, abondosas cualidades técnicas e tácticas, e, máis ca nada, deportividade e compañeirismo. Todos os xogadores puxeron o mellor de si. E os choros e as alegrías finais tamén forman parte do espectáculo. Todo é experiencia.

22/11/08

Importantes vitorias dos Infantís

San Mamede 0-EF Lalín B 8
Pouco máis sabemos deste partido que o contundente do resultado e os goleadores do equipo que dirixe Toño. Equipo que vai para arriba, como se ven amosando nas últimas semanas. Seguir adestrando aínda que a cousa pareza torcida ten os seus premios. O primeiro endereitar a nave con resultados. O segundo unha mellora no xogo e na competitividade. Os goles de Suso(2), Manu (2), Javi II (2), e Currás e Areán non fixeron máis que poñer no seu sitio a un plantel en franca melloría e ascendendo postos na clasificación. Noraboa.
E F Lalín A 2-Nicrariense 1
Segundo partido de verdade para os do A (o outro na Estrada) e magnífico o comportamento do equipo e dos seus seareiros. Aínda que o resultado non fale do visto no terreo de xogo, pois os de Negreira, que posúen gran potencial defensivo, case non superaron o medio campo e só tiraron unha vez á portería (gol pola escuadra), o certo é que os nosos moveron o balón, desmarcáronse, estiveron intensos, dominaron e crearon infinidade de ocasións (penalti errado incluído). Por iso a 1ª parte foi moi boa en xogo. Pero 1-1. O fútbol por veces é inxusto. Na 2ª proseguiu o agobiante dominio. Pero o balón non quería entrar. Empezaron as présas. Unha expulsión contraria. A pésima actuación arbitral. As faltas. En fin, a salsa que teñen os partidos que son de verdade e dan experiencia aos rapaces. Ata que nunha das moitas ocasións atinou Brais por segunda vez. 2-1 moi curto e celebración final.

20/11/08

FIN DE SEMANA

Sábado 22 e domingo 23 de novembro
XUVENIL: BERTAMIRÁNS C.F.-EF LALÍN: 4-5 (Diogo, Óscar 2, Alvarellos, Roi)
CADETE: DEPORTIVO - EF. LALIN: 3-2 (David e Dani )
INFANTIL A: F LALÍN - NICRARIENSE: 2-1 (Brais 2)
INFANTIL B: SAN MAMED-E.F LALIN: 0-8 (Suso 2, Manu 2, Javi II 2, Areán e Currás)
ALEVÍN A: E.F. LALÍN B -EF LALÍN : 2 - 3 (Brais e Fer// Alberto 2 e Martín)
ALEVÍN B: : ( )
ALEVÍN C: CALLOBRE - E.F. LALIN: 9 - 3 (Dani Cagide 2 e Manu)
BENXAMÍN A: C.F. SILLEDA B -EF LALÍN A : 0- 7 (Alex 2, Borja 2, Alvaro 2, Rubi 1)
BENXAMÍN B: E.F LALIN- S.D. TOURO: 2-2 (Jose Luis 2)
BENXAMÍN C: E.D. VAL DO ULLA- E.F. LALÍN : 4-2 (Gavieiro, Franchi.)

19/11/08

ALEVÍNS COA SELECCIÓN DE SANTIAGO


O pasado luns chegou a primeira convocatoria para 5 alevíns da Escola. Foron 5 os valentes que sós nun taxi se acercaron ata o campo das Cancelas de Santiago para adestrar coa selección da nosa delegación. Martín Dabobe, Xabi a "pulga", Dani Jacobo, Dani Gómez e o xa veterán Xosé Ramón foron os representantes da Escola nesta primeira selección. Agora a adestrar forte e volver o día 1 de Decembro para gañarse un posto.

Noraboa rapaces.

18/11/08

Ante o partido infantil EF Lalín-Nicrariense

Primeira grande final dos infantís.
Día: sábado 22 de novembro
Hora: 11.00 da mañá.
Lugar: campo herba artificial de Lalín.
Enfróntanse os dous únicos equipos invictos da 1º categoría infantil autonómica:
EF Lalín contra Nicrariense
. A priori os máis fortes.
E como ven o partido os nosos infantís? Que mentalidade teñen ante un partido importante? Excesiva relaxación, certa desconcentración. Algúns incluso falaron de repetir o baño na fonte se, como na pasada tempada, son campións (imaxe do pasado como a que insertamos). Miran para o final de liga e aínda só xogamos sete partidos. Seica somos moi superiores. Iso din, ou escoitan.E non será vender a pel antes de cazala? Non se nos iría algo o tarro coas últimas goleadas? Non será mellor pensar semana a semana (apretando en cada adestramento para mellorar) e partido a partido (apretando tamén cada sábado) antes de mirar ao lonxe? Está claro que soñar cos triunfos resulta bonito e barato, pero se temos a cabeza noutro lado non será nada bo. Porque os que queren ser mellores están atentos e non se dormen, nin nos adestramentos nin ante calquera rival. Así que, olliño, rapaces: músculo quente, cerebro frío, e moi concentrados sempre. Senón non iredes a ningures. Lembrade que o ano pasado o Nicrariense gañou en Lalín.

16/11/08

Importante vitoria na Liga Galega Cadete

Contado coa volta á titularidade do seu xogador estandarte e coa identidade totalmente recuperada despois do tropezón de Ferrol, o equipo de Montoto gañou con todo merecemento ao, ata agora, galiño da categoría, todo un CD Lugo. Traballo colectivo, intensidade, agresividade e confianza nas propias posibilidades foron, de novo, as súas armas. Sabendo que a presenza de Iker arriba é unha garantía de gol e de dificultade para a defensa contraria, os da EFL maniataron aos xogadores de Lugo e, nunha magnífica primeira parte na que se erraron tres claras ocasións de gol e nunha resolutiva segunda, na que Iker logrou o gol da vitoria e foille anulado outro, meteron no peto os tres puntos que os empaqueta cos da zona de arriba.
De aquí en adiante pelexaremos por todo
, ou esa foi a impresión que os seareiros da EFL levaron para o xantar.
Nun equipo no que todos estiveron a grande nivel, sobresaíu en defensa un Mario infranqueábel, un polivalente e poderosísimo Xosé Ramón no mediocampo, e en ataque todos os eloxios os levou a reaparición do goleador Iker, que fixo verdadeiros estragos na zaga luguesa.
Noraboa por volver ao bo rego, cadetes!!!!
, que dirían os máis vellos.

11/11/08

Mónica, a nova fichaxe da EFL

Despois de tres anos coa señora Flora -á que todos os membros da Escola de Fútbol Lalín lle agradecemos a dedicación e entrega que sempre amosou-, chega o tempo do relevo no "servizo de Lavandería". E non se trata do disco de Sakira co mesmo título, senón da chegada da nova fichaxe á EFL. Mónica, que así se chama a rapaza da foto, será a encargada de lidar co enorme montón de roupa que xeran os cerca de 180 inscritos (e seguen anotándose), repartidos en dez equipos cos seus correspondentes adestradores. Só hai que pasar por alí para saber a cantidade de prendas que se lavan cada día na EFL, toallas incluídas. Por iso, ao tempo que lle damos a benvida a Mónica, queremos facilitarlle o seu labor aínda que só sexa un chisquiño.Como normas a seguir a partir de agora:
-todos os equipos deben separar nunha tina as toallas e noutra a roupa de adestrar.
-se fose posíbel, isto a nivel individual, convén que toda a roupa que nos quitamos vaia extendida (non envurullada) e sen darlle a volta.
Se todos o facemos así, seguro que lle axudamos ao tempo que axilizamos o seu traballo.

9/11/08

Quen buscaba porteiro?

Seica hai déficit de porteiros. Seica iso provoca bailes de xogadores neste posto entre os diferentes equipos e categorías da EFL. Seica si. Pero non será para tanto. Por se hai algunha necesidade, aquí tiramos unha foto da tempada pasada na que Martín, agora alevín, con esa mirada e lucindo as súas armas, amosa a súa disposición para o combate.Quen buscase porteiro, desde logo que xa o atopou.

8/11/08

1ª vitoria do Infantil B !!!!

Tiña que chegar e chegou. En Touro e ante un rival que ía arriba, aínda sen xogar ben, os pupilos de Toño foron quen de sacar os tres puntos e dar así un salto enorme na clasificación. Seguramente era o que precisaban para levantar a moral, para crer neles mesmos e no seu equipo, para collerlle o pulso á categoría. De aquí en adiante pode que sexa máis doado, pois xa se enfrontaron a todos os da parte alta da táboa. Por iso convén seguir adestrando como o están facendo, para mellorar. Alguén quere apostar como quedarán ao final: Nós dicimos que da metade para arriba. E vós?Nas seguintes semanas faremos as fotos aos equipos infantís. Temos que actualizarnos despois do roubo que nos deixou a tres velas nas oficinas. Polo de agora vai un recorte vello de xogadores. Ah, Xosé Ramón foi o reforzo baixo os paus. Vítor o goleador. Noraboa!!!!

SORPRESAS NA CONVOCATORIA ALEVÍN


Tres novos xogadores van facer o seu debut na categoría alevín nesta xornada. Así Xacobo recollerá o testigo deixado por Xosé Ramón e defenderá a portería do alevín A contra o Silleda B e tamén terán traballo extra outros dous benxamíns: tanto Edgar (Antonio Cassano) como Rubi, axudarán ao alevín B no seu encontro contra o San Mamede. Ninguén dubida que o seu esforzo vai ser máximo e que renderán como sempre a un altísimo nivel.

¡¡ Moita sorte rapaces!!!

BAILE DE PORTEIROS NA E.F.L.

Nesta fin de semana vaise producir o ascenso de categoría de varios dos nosos porteiros. Así, ante a baixa do porteiro xuvenil, Dani, será Alex (o gardamallas do equipo cadete) o encargado de parar as acometidas rivais. Da mesma maneira, Xosé Ramón (porteiro alevín), terá que lidiar contra xogadores en idade infantil, axudando ao equipo B e o seu posto será ocupado por Xacobo (cancerbeiro da EFL benxamín).
Estade tranquilos, que sabemos que estades preparados para asumir este novo reto.

7/11/08

COMUNICACIÓN DESDE A COORDINACIÓN DE BENXAMÍNS

Desde a coordinación da categoría benxamín queremos comunicar a toda a comunidade da EF Lalín as seguintes cuestións co fin de aclarar as responsabilidades sobre o funcionamento desta categoría:

-A categoría benxamín funciona como un conxunto non como tres equipos ou tres grupos individuais.

- Os obxectivos, contidos, criterios de organización, metodoloxía... están marcados, en consenso cos adestradores, desde a coordinación.

- O responsable último de todos estos aspectos (incluídos rotacións en convocatorias e rotacións por postos no xogo) é o coordinador.

Por outra parte, queremos agradecer o labor feita polas nais na distribución dos bolsos de deporte. Moitas gracias.



2/11/08

Adrián FAILDE: atrevemento non, valentía

Viaxaba o equipo Infantil A a cabo de Cruz, en Boiro, buscando o liderato do grupo 3 da 1ª Infantil, e facíao a priori coas baixas sabidas de Brais e Marcos (por traballo e convocatoria co equipo B, respectivamente), pero ás 8.30 da mañá serían dúas máis (incomparecencia sen avisar de Dani Riádigos e Jorge Meixide), polo que tampouco houbo tempo de convocar a outro xogador. Como non hai catro sen cinco, o porteiro titular, e único, Kevin, séntese indisposto para xogar.Quen é o segundo porteiro? Marcos, pero non está, e ninguén quere asumir a responsabilidade de poñer os guantes. Entón é cando xorde a decisión de Faílde, que acepta poñerse entre os tres paus (ademais estreaba ficha co equipo A). Valentía, seguramente. Así foi como o de Prado colleu todo o que lle chegou nesa primeira parte que xogou. 0-7 de resultado final e o seu equipo liderando a táboa. Noraboa a este excelente chaval, exemplo para todos de bo comportamento, que deu unha lección de como facer equipo cando algo se torce.