23/11/08

Espectacular derbi alevín

Os afeccionados que se deron cita este domingo no Cortizo puideron comprobar as excelencias da Escola de Fútbol Lalín. Era o derbi. O partido agardado. Alevín A contra B. Os de Willy contra os de Sueiro. E non só non defraudou, senón que as dúas escuadras, os seus xogadores, fixeron gozar ao público dun magnífico e, ante todo, competido encontro.
Primeira parte moi seria e programada, dominada polo equipo A, e cun B que non acababa de atoparse no campo, por iso ofreceu algún que outro agasallo en defensa aos "maiores". O gol de Alberto aproveitando un despiste e o zambombazo de Martín desde fóra da área que se colou pola escuadra de Guille puxeron o 2-0 que falaba dunha manifesta superioridade do A nesa 1ª parte.E cando todo semellaba que a 2ª sería un paseo militar para os de Willy, vai Sueiro e arrisca colocando a un, ata daquela descoñecido, Brais en punta, e a Erik de zapador do medio campo, con Fer facendo estragos pola banda. O partido deu entón unha imprevista viravolta. Dominio abafante do B que maniata ao A con presión en todo o campo contrario. Así, con intensidade, combatendo en cada metro e movendo moi ben o balón, sucédense as ocasións para o B. A defensa colectiva e Xosé Ramón, con magníficas intervencións, van librando como poden da avalancha a un sorprendido líder. Pero tanto vai o cántaro á fonte que ten que rachar. Primeiro sería Brais nunha espectacular xogada persoal, e logo, ante o delirio da parroquia, Fer remataría unha soberbia xogada colectiva. Era o 2-2. Sorpresa no Cortizo ante a superioridade do B nesa segunda parte, que ademais segue arriscando para gañar. Entón vai Willy e remexe no plantel, que se recompón un chisco e volve atacar con certa constancia. Aparece entón, cun elegante recorte dentro da área, Alberto, quen a falta de cinco minutos pon o definitivo 3-2 para o A no marcador. Segundo o escoitado, nunca os líderes sufriron tanto para quedarse cos tres puntos. Será que non hai mellor cuña que a da propia madeira.En fin, enorme derroche físico, competitividade, abondosas cualidades técnicas e tácticas, e, máis ca nada, deportividade e compañeirismo. Todos os xogadores puxeron o mellor de si. E os choros e as alegrías finais tamén forman parte do espectáculo. Todo é experiencia.

1 comentario:

Anónimo dijo...

ke partidazo wili esueiro tedes unhos equipazos