27/12/08

Xa foi: 3-3 entre pais

Nin o mal tempo nin a hora intempestiva, nin a ferruxe nas articulacións nin o café tomado a medias, nin o malfado de xogar unha vez ao ano nin as ganas de gañar e non dar. O partido entre pais da EFL (as nais estiveron por fóra) celebouse cunha moi elevada concorrencia de xogadores, case 30 valentes -algúns con retraso evidente-, e cos gradaríos abarrotados -como estaba previsto, dado o nivel técnico e táctico dos contendentes, pois o físico deixámolo para outra xeración-. O resultado final de 3-3 foi o de menos, o de máis foi a festa e o ánimo que amosaron. Ver as canelas ao aire dalgúns carrozas -con perdón- foi o mellor agasallo para os fillos/xogadores da EFL. Por iso os felicitamos, por estar alí e por facer Escola.Aínda que as mostras fotográficas non son do mellor, debido á hora tan escura á que remataron e á baixa potencia dos flash, non queda outra que ensinar os equipos ao remate da contenda.

26/12/08

Partido de pais/nais

Chega o tradicional partido de PAIS e NAIS.
o auténtico espectáculo da EFL!
Parece que os pais e nais de futbol 7 (alevíns e benxamíns) xa gañan por goleada e ánimo aos pais e nais de fútbol 11 (infantís, cadetes e e xuvenís). Falamos de anotarse, eh. Vintetantos de fútbol 7, tres ou catro de fútbol 11. Parece mentira. Así a todo, confirmado, haberá partido:
A data: sábado 27 de Decembro
A hora de inicio: 16.30
Para os que non veñan ao campo, aí lles vai unha felicitación da EFL.
Con todo agarimo da grande familia da Escola de Fútbol Lalín

24/12/08

O Apalpador, de novo na EFL por Navidade

O vello carboeiro baixa estes días das montañas para achegarse aos nenos e nenas da Escola de Fútbol Lalín e traerlles agasallos. Aí vén o apalpador! Non lle teñades medo.

Detalle do calendario 'O Apalpador cos movementos sociais'

E quen é o Apalpador? O Apalpador é un vello xigante galego, de oficio carboeiro, que vive nas devesas das altas montañas do noso país. Na noite de Nadal baixaba ás aldeas para achegarse aos nenos e ás nenas que durmían. Caladamente, apalpáballes as barrigas para ver se os pícaros estaban ben mantidos. Logo de desexarlles que no ano vindeiro non pasasen máis fame e vivisen con fartura, marchaba deixándolles unha boa presada de castañas quentes.

A información e imaxe está tirada do portal Vieiros, no seguinte enderezo:http://www.vieiros.com/nova/71036/ai-ven-o-apalpador Se temos tradición propia, para que precisamos de Santa Claus?

E chegou o Apalpador a casa de Chus e Elías e alí apalpou as súas barrigas. Xa estaba deixando a presada de castañas cando veu a Franchi durmindo. Apalpoulle a barriga e pensou: "a este home non lle chega cunhas castañas. Vai precisar algo máis para poder medrar".

Na foto podemos ver cal foi o regalo para a familia de Franchi que o Apalpador lles deixou este Nadal.

23/12/08

Adrián debuta na Liga Galega Cadete

Se xa estaba arrasando en goles na súa categoría (leva 36 na 1ª autonómica infantil), na primeira convocatoria co equipo de Montoto, nada menos que a Liga Galega Cadete, o infantil de 1º ano Adrián Iglesias Moure resolveu o partido aprazado contra a Comercial de Lugo en 45 minutos: el provocou o penalti do 1-0 e meteu coa xerga o 2º gol que pechaba o marcador. Espectacular.Pero realmente Adrián non fixo máis que manifestar a neta superioridade do equipo cadete da EFL en todo o partido, pois por dominio, claras ocasións de gol e creación de xogo colectivo os dezaos foron moi superiores a un equipo que ocupaba os postos altos da táboa. Importante vitoria, pois, que sitúa aos nosos cadetes nos postos de privilexio e con todas as aspiracións intactas para unha segunda volta que se intúe moi competida.

BO NADAL E VENTUROSO ANINOVO

Chegadas estas datas desde a Escola de Fútbol Lalín queremos desexar, a toda a nosa comunidade e seguidores, un BO NADAL e un FELIZ ANINOVO. Desexamos poder seguir traballando como ata agora, coa axuda de todos e todas e seguir disfrutando do fútbol en estado puro que nos ofrecen cada fin de semana os nosos rapaces e rapazas.
E para iso nada mellor que un brinde por parte dalgúns xogadores da categoría alevín e unha postaliña .
VAI POR TODOS/AS.

14/12/08

Duro inverno

Se xa o di o refrán: Cando Santos acaba, o inverno empeza.
Para a Escola de Fútbol Lalín acontece outro tanto, pero a competición prosegue. Nin xeada nin auga nos deteñen. Poderá ser patinaxe ou waterpolo, pero os partidos e adestramentos teñen lugar sen, case, retraso.E senón que llelo digan aos esforzados xogadores do Infantil B, pasados por auga nun campo no que, descoidado no mantemento, xa non escorre a auga nin evacúan as canles laterais, ateigadas de caucho.
A propósito disto. Cumpriría que quen ten responsabilidade no tema se puxese en serio e levase a cabo a anunciada tarefa de mellorar un campo que empregan centos de cidadáns de Lalín e que, pouco a pouco, se vai deteriorando ata, se a cousa prosegue, botarse a perder unhas instalacións que tanto dan aos deportistas.
Outra cousa é a neve. Esa si que paraliza, pois os equipos non se desprazan pola perigosidade das estradas e hai que suspender algúns partidos. Pero como tampouco hai mal que non veña ben, se queres facer deporte, este é o momento de perderse polas corredoiras nevadas da comarca, por exemplo en bicicleta de montaña co Club AlamBIKE de cicloturismo (publicidade). E non pasa nada. Ou si, pásalo ben.

8/12/08

OS BENXAMÍNS ¡COMPETINDO! UN ANO MÁIS





Xa temos aos tres equipos de benxamíns competindo nesta temporada 08/09. Un ano con cambios e novas ilusións: as incorporacións de dous novos adestradores, NANDO e MANU, e unha estrutura distinta nos grupos de adestramentos e equipos. Como sempre se fixo, seguimos na procura dunha formación integral dos nosos deportistas e o disfrute da práctica deportiva. Moito ánimo a todos: xogadores, familias, directivos e adestradores.


6/12/08

Volve o Maior espectáculo da EFL!!!!!

Non se trata dun derbi, tampouco dun partido decisivo, moito menos de gañar un campionato, de celebrar un ascenso batuxando a todo bicho presente nunha fonte posta adrede moi ao lado (como vemos na foto). Non. Hai feitos máis relevantes na EFL, desde logho.O maior espectáculo da EFL é outro ben diferente e que implica aos que nunca se visten de curto, os que non se mollan (ou se mollan en exceso), aos que animan ou berran ou sofren ou fan de todo un pouco. Esas e eses, si.
Despois dunha tempada ausente da programación de Nadal, a Escola de Fútbol Lalín decidiu retomar o tradicional partido de PAIS e NAIS.
Puro espectáculo, abofé!
E todo está decidido. Será como sempre foi, de pais e nais de futbol 7 (alevíns e benxamíns) CONTRA pais e nais de fútbol 11 (infantís, cadetes e e xuvenís). A morte, ou case.
A data: sábado 27 de Decembro
A hora: 16.30
E como apuntarse? Aínda que sexa a rastro, os rapaces deben convencer aos seus proxenitores para que se apunten (ou facelo eles) nas listas que os adestradores poñerán no campo.
En catro semanas podes poñerte (algo) en forma. Ademais, para baixar o atracón de doces navideños tampouco virá mal vestirse de curto. Ou que?
Ánimo, e ter en conta que o posto de titular vai estar moi moi caro!

3/12/08

Chova, neve ou arrefríe

Son, case, heroes os valentes que nestas xeiras de inverno cru seguen atrevéndose a aparecer polo campo para adestrar. Eles, que tamén teñen exames e deberes e prepáranos antes para ter tempo para o seu deporte favorito, non deixan de vir, queren mellorar, regresan á EFL un día si e outro tamén para facer equipo e seguir medrando en todos os sentidos. Hainos de todas as categorías, non se cren nin bos nin mellores, por moito que estean arriba ou abaixo na táboa clasificatoria, compitan ben ou non tan ben. Non protestan. Non se cren. Son humildes e constantes. Queren aprender. Posúen eses valores que non hai que perder, nin sequera de vista. Para eles vai esta entrada. Ti es deses ou...?

23/11/08

Espectacular derbi alevín

Os afeccionados que se deron cita este domingo no Cortizo puideron comprobar as excelencias da Escola de Fútbol Lalín. Era o derbi. O partido agardado. Alevín A contra B. Os de Willy contra os de Sueiro. E non só non defraudou, senón que as dúas escuadras, os seus xogadores, fixeron gozar ao público dun magnífico e, ante todo, competido encontro.
Primeira parte moi seria e programada, dominada polo equipo A, e cun B que non acababa de atoparse no campo, por iso ofreceu algún que outro agasallo en defensa aos "maiores". O gol de Alberto aproveitando un despiste e o zambombazo de Martín desde fóra da área que se colou pola escuadra de Guille puxeron o 2-0 que falaba dunha manifesta superioridade do A nesa 1ª parte.E cando todo semellaba que a 2ª sería un paseo militar para os de Willy, vai Sueiro e arrisca colocando a un, ata daquela descoñecido, Brais en punta, e a Erik de zapador do medio campo, con Fer facendo estragos pola banda. O partido deu entón unha imprevista viravolta. Dominio abafante do B que maniata ao A con presión en todo o campo contrario. Así, con intensidade, combatendo en cada metro e movendo moi ben o balón, sucédense as ocasións para o B. A defensa colectiva e Xosé Ramón, con magníficas intervencións, van librando como poden da avalancha a un sorprendido líder. Pero tanto vai o cántaro á fonte que ten que rachar. Primeiro sería Brais nunha espectacular xogada persoal, e logo, ante o delirio da parroquia, Fer remataría unha soberbia xogada colectiva. Era o 2-2. Sorpresa no Cortizo ante a superioridade do B nesa segunda parte, que ademais segue arriscando para gañar. Entón vai Willy e remexe no plantel, que se recompón un chisco e volve atacar con certa constancia. Aparece entón, cun elegante recorte dentro da área, Alberto, quen a falta de cinco minutos pon o definitivo 3-2 para o A no marcador. Segundo o escoitado, nunca os líderes sufriron tanto para quedarse cos tres puntos. Será que non hai mellor cuña que a da propia madeira.En fin, enorme derroche físico, competitividade, abondosas cualidades técnicas e tácticas, e, máis ca nada, deportividade e compañeirismo. Todos os xogadores puxeron o mellor de si. E os choros e as alegrías finais tamén forman parte do espectáculo. Todo é experiencia.

22/11/08

Importantes vitorias dos Infantís

San Mamede 0-EF Lalín B 8
Pouco máis sabemos deste partido que o contundente do resultado e os goleadores do equipo que dirixe Toño. Equipo que vai para arriba, como se ven amosando nas últimas semanas. Seguir adestrando aínda que a cousa pareza torcida ten os seus premios. O primeiro endereitar a nave con resultados. O segundo unha mellora no xogo e na competitividade. Os goles de Suso(2), Manu (2), Javi II (2), e Currás e Areán non fixeron máis que poñer no seu sitio a un plantel en franca melloría e ascendendo postos na clasificación. Noraboa.
E F Lalín A 2-Nicrariense 1
Segundo partido de verdade para os do A (o outro na Estrada) e magnífico o comportamento do equipo e dos seus seareiros. Aínda que o resultado non fale do visto no terreo de xogo, pois os de Negreira, que posúen gran potencial defensivo, case non superaron o medio campo e só tiraron unha vez á portería (gol pola escuadra), o certo é que os nosos moveron o balón, desmarcáronse, estiveron intensos, dominaron e crearon infinidade de ocasións (penalti errado incluído). Por iso a 1ª parte foi moi boa en xogo. Pero 1-1. O fútbol por veces é inxusto. Na 2ª proseguiu o agobiante dominio. Pero o balón non quería entrar. Empezaron as présas. Unha expulsión contraria. A pésima actuación arbitral. As faltas. En fin, a salsa que teñen os partidos que son de verdade e dan experiencia aos rapaces. Ata que nunha das moitas ocasións atinou Brais por segunda vez. 2-1 moi curto e celebración final.

20/11/08

FIN DE SEMANA

Sábado 22 e domingo 23 de novembro
XUVENIL: BERTAMIRÁNS C.F.-EF LALÍN: 4-5 (Diogo, Óscar 2, Alvarellos, Roi)
CADETE: DEPORTIVO - EF. LALIN: 3-2 (David e Dani )
INFANTIL A: F LALÍN - NICRARIENSE: 2-1 (Brais 2)
INFANTIL B: SAN MAMED-E.F LALIN: 0-8 (Suso 2, Manu 2, Javi II 2, Areán e Currás)
ALEVÍN A: E.F. LALÍN B -EF LALÍN : 2 - 3 (Brais e Fer// Alberto 2 e Martín)
ALEVÍN B: : ( )
ALEVÍN C: CALLOBRE - E.F. LALIN: 9 - 3 (Dani Cagide 2 e Manu)
BENXAMÍN A: C.F. SILLEDA B -EF LALÍN A : 0- 7 (Alex 2, Borja 2, Alvaro 2, Rubi 1)
BENXAMÍN B: E.F LALIN- S.D. TOURO: 2-2 (Jose Luis 2)
BENXAMÍN C: E.D. VAL DO ULLA- E.F. LALÍN : 4-2 (Gavieiro, Franchi.)

19/11/08

ALEVÍNS COA SELECCIÓN DE SANTIAGO


O pasado luns chegou a primeira convocatoria para 5 alevíns da Escola. Foron 5 os valentes que sós nun taxi se acercaron ata o campo das Cancelas de Santiago para adestrar coa selección da nosa delegación. Martín Dabobe, Xabi a "pulga", Dani Jacobo, Dani Gómez e o xa veterán Xosé Ramón foron os representantes da Escola nesta primeira selección. Agora a adestrar forte e volver o día 1 de Decembro para gañarse un posto.

Noraboa rapaces.

18/11/08

Ante o partido infantil EF Lalín-Nicrariense

Primeira grande final dos infantís.
Día: sábado 22 de novembro
Hora: 11.00 da mañá.
Lugar: campo herba artificial de Lalín.
Enfróntanse os dous únicos equipos invictos da 1º categoría infantil autonómica:
EF Lalín contra Nicrariense
. A priori os máis fortes.
E como ven o partido os nosos infantís? Que mentalidade teñen ante un partido importante? Excesiva relaxación, certa desconcentración. Algúns incluso falaron de repetir o baño na fonte se, como na pasada tempada, son campións (imaxe do pasado como a que insertamos). Miran para o final de liga e aínda só xogamos sete partidos. Seica somos moi superiores. Iso din, ou escoitan.E non será vender a pel antes de cazala? Non se nos iría algo o tarro coas últimas goleadas? Non será mellor pensar semana a semana (apretando en cada adestramento para mellorar) e partido a partido (apretando tamén cada sábado) antes de mirar ao lonxe? Está claro que soñar cos triunfos resulta bonito e barato, pero se temos a cabeza noutro lado non será nada bo. Porque os que queren ser mellores están atentos e non se dormen, nin nos adestramentos nin ante calquera rival. Así que, olliño, rapaces: músculo quente, cerebro frío, e moi concentrados sempre. Senón non iredes a ningures. Lembrade que o ano pasado o Nicrariense gañou en Lalín.

16/11/08

Importante vitoria na Liga Galega Cadete

Contado coa volta á titularidade do seu xogador estandarte e coa identidade totalmente recuperada despois do tropezón de Ferrol, o equipo de Montoto gañou con todo merecemento ao, ata agora, galiño da categoría, todo un CD Lugo. Traballo colectivo, intensidade, agresividade e confianza nas propias posibilidades foron, de novo, as súas armas. Sabendo que a presenza de Iker arriba é unha garantía de gol e de dificultade para a defensa contraria, os da EFL maniataron aos xogadores de Lugo e, nunha magnífica primeira parte na que se erraron tres claras ocasións de gol e nunha resolutiva segunda, na que Iker logrou o gol da vitoria e foille anulado outro, meteron no peto os tres puntos que os empaqueta cos da zona de arriba.
De aquí en adiante pelexaremos por todo
, ou esa foi a impresión que os seareiros da EFL levaron para o xantar.
Nun equipo no que todos estiveron a grande nivel, sobresaíu en defensa un Mario infranqueábel, un polivalente e poderosísimo Xosé Ramón no mediocampo, e en ataque todos os eloxios os levou a reaparición do goleador Iker, que fixo verdadeiros estragos na zaga luguesa.
Noraboa por volver ao bo rego, cadetes!!!!
, que dirían os máis vellos.

11/11/08

Mónica, a nova fichaxe da EFL

Despois de tres anos coa señora Flora -á que todos os membros da Escola de Fútbol Lalín lle agradecemos a dedicación e entrega que sempre amosou-, chega o tempo do relevo no "servizo de Lavandería". E non se trata do disco de Sakira co mesmo título, senón da chegada da nova fichaxe á EFL. Mónica, que así se chama a rapaza da foto, será a encargada de lidar co enorme montón de roupa que xeran os cerca de 180 inscritos (e seguen anotándose), repartidos en dez equipos cos seus correspondentes adestradores. Só hai que pasar por alí para saber a cantidade de prendas que se lavan cada día na EFL, toallas incluídas. Por iso, ao tempo que lle damos a benvida a Mónica, queremos facilitarlle o seu labor aínda que só sexa un chisquiño.Como normas a seguir a partir de agora:
-todos os equipos deben separar nunha tina as toallas e noutra a roupa de adestrar.
-se fose posíbel, isto a nivel individual, convén que toda a roupa que nos quitamos vaia extendida (non envurullada) e sen darlle a volta.
Se todos o facemos así, seguro que lle axudamos ao tempo que axilizamos o seu traballo.

9/11/08

Quen buscaba porteiro?

Seica hai déficit de porteiros. Seica iso provoca bailes de xogadores neste posto entre os diferentes equipos e categorías da EFL. Seica si. Pero non será para tanto. Por se hai algunha necesidade, aquí tiramos unha foto da tempada pasada na que Martín, agora alevín, con esa mirada e lucindo as súas armas, amosa a súa disposición para o combate.Quen buscase porteiro, desde logo que xa o atopou.

8/11/08

1ª vitoria do Infantil B !!!!

Tiña que chegar e chegou. En Touro e ante un rival que ía arriba, aínda sen xogar ben, os pupilos de Toño foron quen de sacar os tres puntos e dar así un salto enorme na clasificación. Seguramente era o que precisaban para levantar a moral, para crer neles mesmos e no seu equipo, para collerlle o pulso á categoría. De aquí en adiante pode que sexa máis doado, pois xa se enfrontaron a todos os da parte alta da táboa. Por iso convén seguir adestrando como o están facendo, para mellorar. Alguén quere apostar como quedarán ao final: Nós dicimos que da metade para arriba. E vós?Nas seguintes semanas faremos as fotos aos equipos infantís. Temos que actualizarnos despois do roubo que nos deixou a tres velas nas oficinas. Polo de agora vai un recorte vello de xogadores. Ah, Xosé Ramón foi o reforzo baixo os paus. Vítor o goleador. Noraboa!!!!

SORPRESAS NA CONVOCATORIA ALEVÍN


Tres novos xogadores van facer o seu debut na categoría alevín nesta xornada. Así Xacobo recollerá o testigo deixado por Xosé Ramón e defenderá a portería do alevín A contra o Silleda B e tamén terán traballo extra outros dous benxamíns: tanto Edgar (Antonio Cassano) como Rubi, axudarán ao alevín B no seu encontro contra o San Mamede. Ninguén dubida que o seu esforzo vai ser máximo e que renderán como sempre a un altísimo nivel.

¡¡ Moita sorte rapaces!!!

BAILE DE PORTEIROS NA E.F.L.

Nesta fin de semana vaise producir o ascenso de categoría de varios dos nosos porteiros. Así, ante a baixa do porteiro xuvenil, Dani, será Alex (o gardamallas do equipo cadete) o encargado de parar as acometidas rivais. Da mesma maneira, Xosé Ramón (porteiro alevín), terá que lidiar contra xogadores en idade infantil, axudando ao equipo B e o seu posto será ocupado por Xacobo (cancerbeiro da EFL benxamín).
Estade tranquilos, que sabemos que estades preparados para asumir este novo reto.

7/11/08

COMUNICACIÓN DESDE A COORDINACIÓN DE BENXAMÍNS

Desde a coordinación da categoría benxamín queremos comunicar a toda a comunidade da EF Lalín as seguintes cuestións co fin de aclarar as responsabilidades sobre o funcionamento desta categoría:

-A categoría benxamín funciona como un conxunto non como tres equipos ou tres grupos individuais.

- Os obxectivos, contidos, criterios de organización, metodoloxía... están marcados, en consenso cos adestradores, desde a coordinación.

- O responsable último de todos estos aspectos (incluídos rotacións en convocatorias e rotacións por postos no xogo) é o coordinador.

Por outra parte, queremos agradecer o labor feita polas nais na distribución dos bolsos de deporte. Moitas gracias.



2/11/08

Adrián FAILDE: atrevemento non, valentía

Viaxaba o equipo Infantil A a cabo de Cruz, en Boiro, buscando o liderato do grupo 3 da 1ª Infantil, e facíao a priori coas baixas sabidas de Brais e Marcos (por traballo e convocatoria co equipo B, respectivamente), pero ás 8.30 da mañá serían dúas máis (incomparecencia sen avisar de Dani Riádigos e Jorge Meixide), polo que tampouco houbo tempo de convocar a outro xogador. Como non hai catro sen cinco, o porteiro titular, e único, Kevin, séntese indisposto para xogar.Quen é o segundo porteiro? Marcos, pero non está, e ninguén quere asumir a responsabilidade de poñer os guantes. Entón é cando xorde a decisión de Faílde, que acepta poñerse entre os tres paus (ademais estreaba ficha co equipo A). Valentía, seguramente. Así foi como o de Prado colleu todo o que lle chegou nesa primeira parte que xogou. 0-7 de resultado final e o seu equipo liderando a táboa. Noraboa a este excelente chaval, exemplo para todos de bo comportamento, que deu unha lección de como facer equipo cando algo se torce.

30/10/08

OS XUVENÍS ENFRONTANSE AO SAN MARCOS

Os nosos xuvenís, despois de acadar un empate fóra da casa, teñen que esforzarse para conseguir a victoria ante o San Marcos, nun partido da súa liga (de momento). Para este encontro temos a baixa importante de Manuel, o goleador, que marcha de viaxe a Portugal. Pero ainda quedan 17 valentes para sacar o partido adiante.

16/10/08

A tripleta alevín

"Tres eran tres e ningún era malo".
O dito ben serve para os nosos equipos. Por primeira vez na historia están xogando a competición alevín tres escuadras da EFL, e todas no mesmo grupo. Se case por tradición sempre dominan á hora de decidir o título, tamén hai que valorar o feito de que, pasando escasamente de trinta o número de xogadores, todos teñen moitos minutos e xogan e xogan e xogan... E iso é bo. Ademais de adestrar ben, competir mellor.Nas fotos faltan algúns, pero xa sairán.

16/9/08

XA ESTAMOS AQUÍ

O pasado luns 15 de setembro iniciaronse os adestramentos nas categorías pre-benxamín e benxamín. Aquí podedes ver aos 52 "valentes" que acudiron o primeiro día.

12/9/08

Equipos e adestradores 2008-2009

Resolto o Equipo Técnico da EFL. Os equipos e adestradores para a vindeira tempada serán:
XUVENIL: César Reboredo seguirá de coordinador e adestrador deste equipo, sempre moi renovado e con baixas que pasan ao CD Lalín.
CADETE: Xabier Montouto leva o Cadete A. Nesta categoría desaparece o segundo equipo por termos poucos xogadores.
INFANTIL:Xabier Quiroga pasa a ocuparse do Infantil A e Toño García terá a seu cargo o B.
ALEVÍN: Xabier Sueiro prosegue de coordinador, pero agora de Alevíns. Os adestradores que o acompañan son Willy Alonso, que prosegue na categoría, compaxinándoa coa Coordinación deportiva do CD lalín e o cargo de 2º adestrador do 1º equipo, e Toño González, que pasa de benxamíns a alevíns. Como se deduce, hai tres equipos: A, B e C.
BENXAMÍN: A categoría con máis cambios e tres equipos. Richi Vázquez será o seu coordinador. Acompáñano Nando e Manu, os dous xogadores do C.D. Lalín.

Así pois, as baixas no cadro técnico con respecto á tempada son: Rafa Dacosta, que agora adestra ao Silleda, onde tamén dirixe a outro ex: Pablo Castro (que traballará cos xuvenís de Silleda) .

10/9/08

Os cadetes inician a Liga gañando fóra:

SANTA COMBA-E.F. LALÍN: 1-5Como se ve na imaxe, os xogadores últiman a súa preparación ante a atenta mirada do mister.

9/9/08

CHEGA A HORA PARA OS MÁIS CATIVOS

O luns día 15 de setembro as 17:15 empezan os adestramentos as categorías pre-benxamín e benxamín.
O horario de adestramentos durante este ano será o seguinte:
Luns de 17:15 a 19:00
Xoves de 18:30 a 20:15
Debedes ter en conta que son horarios de inicio e final de adestramento, polo que teredes que estar uns 15 minutos antes para cambiar a roupa.
¡MOITO ÁNIMO A TOD@S!

31/8/08

O Depor, dobre campión da Lalín CUP

O Depor non deixou escapar a ocasión e levou os dous títulos, en infantil e cadete, da LALÍN CUP. A final de cadetes resolveuse a penaltis.
Resultados das finais:
CATEGORÍA INFANTIL:
RC Deportivo A Coruña - Santiago CF: 1- 0
Os infantís do Depor celebraron o triunfo.
CATEGORÍA CADETE:
RC Deportivo A Coruña - SP Xixón: 1-1
(campión por penaltis, o Depor) Os cadetes do Depor tiveron que chegar aos penaltis.

30/8/08

Lalín Cup 08: resultados e fotos

categoría CADETE :
grupo A

10.30: CD Lugo-EF Lalín : 2-2
11.30: RC Deportivo-CD Lugo : 3-0
12.30: EF Lalín-RC Deportivo : 2-3
campión: RC DEPORTIVO
grupo B
17.30: CD Conxo-Ponte Ourense : 1-2
18.30: SP Xixón-CD Conxo : 2-0
19.30: SP Xixón-Ponte Ourense : 1-1
campión: SPORTING XIXÓN
FINAL: DOMINGO 12.00: RC Deportivo- SP Xixón Sporting Xixón Cadete
CD Conxo Infantil
CD Conxo Cadete
Ponte Ourense Cadete
Ponte Ourense Infantil
Santiago CF Infantil
EF Lalín Cadete
categoría INFANTIL
:
grupo A

10.30: CD Lugo-EF Lalín : 1-0
11.30: RC Deportivo-CD Lugo: 1-0
12.30: EF Lalín-RC Deportivo: 0-3
campión: RC DEPORTIVO
grupo B
17.30: CD Conxo-Ponte Ourense : 1-2
18.30: Santiago CF-Ponte Ourense : 4-0
19.30: Santiago CF- CD Conxo: 4-0
campión: SANTIAGO CF
FINAL: DOMINGO 10.30: RC Deportivo- Santiago CF

26/8/08

PASO AOS ALEVÍNS


Empezaron os adestramentos na categoría alevín. Estos foron os valientes que adestraron duramente neste primeiro día.
Esperemos que vaian aparecendo os rezagados ao longo desta semana. Lembrar que imos adestrar pola mañá as 11.00 ata que comence a escola.
E a traballar duro que a liga empeza o 27 de setembro

25/8/08

HORARIOS da LALÍN CUP

Estes son os horarios da LALÍN CUP 2008.
FASE PREVIA: sábado 30 de agosto:
categoría CADETE (campo de herba artificial):
grupo A

10.30: CD Lugo-EF Lalín
11.30: RC Deportivo-CD Lugo
12.30: EF Lalín-RC Deportivo
grupo B
17.30: CD Conxo-Ponte Ourense
18.30: SP Xixón-CD Conxo
19.30: SP Xixón-Ponte Ourense

categoría INFANTIL(campo de herba natural):
grupo A

10.30: CD Lugo-EF Lalín
11.30: RC Deportivo-CD Lugo
12.30: EF Lalín-RC Deportivo
grupo B
17.30: CD Conxo-Ponte Ourense
18.30: Santiago CF-Ponte Ourense
19.30: Santiago CF- CD Conxo

FASE FINAL: domingo 31 de agosto:
categoría infantil:
10.30: 1º grupo A-1º grupo B
categoría cadete:
12.00: 1º grupo A-1º grupo B

13.15: entrega de trofeos e clausura do Torneo.

NORMATIVA: os partidos da Fase Previa son a dous tempos de 25 minutos, e descanso de cinco. As Finais son a dous tempos de 30 minutos e descanso de 10. Puntuación: Vitoria: 3 puntos, empate: 1 punto, derrota: 0 puntos. Para desfacer empates, ao remate de todos os encontros lanzaranse penaltis a morte súpeta. Na final, de ser preciso, unha quenda de 3.

23/8/08

NOVAS DA CATEGORÍA ALEVÍN


REMATOU A ESPERA
Debido a un pronto inicio da competición ligueira, o conxunto alevín da EFL empezará a adestrar o martes 26 de agosto de 11.00 a 12.45.
O corpo técnico para este ano, no que a Escola contará con 3 equipos estará formado por:

Toño González que sube de benxamíns,Willy Alonso e Xabier Sueiro.

Os adestramentos, mentres no empece o colexio serán pola mañá para facilitar o uso do campo.
A primeira semana adestraremos o martes, o mércores e o venres.
Se alguén ten algunha dúbida contactar con X. Sueiro (676011473 ou xsueiro@edu.xunta.es).
E ¡¡¡ÁNIMO!!! E A ADESTRAR.

22/8/08

LALÍN CUP ´08

O sábado 30 e o domingo 31 de Agosto terá lugar o torneo LALIN CUP de fútbol nas categorías Infantil e Cadete. Estes son os equipos e os grupos finais:
Categoría CADETE:
GRUPO A: RC Deportivo Coruña, CD Lugo, EF Lalín
GRUPO B: RC Sporting Xixón, CD Conxo, Ponte Ourense CF
Categoría INFANTIL:
GRUPO A: RC Deportivo Coruña, CD Lugo, EF Lalín
GRUPO B: Santiago de Compostela CF, CD Conxo, Ponte Ourense CF

Na foto, o equipo infantil que participou na Lalín Cup 2007. Moitos destes xogadores estarán este ano, xa sexa como infantís ou ben como cadetes.
En próximas entradas daremos os horarios de partidos. Agora só dicir que tanto os cadetes (herba artificial) como os infantís (herba natural) da EF Lalín xogarán os seus encontros o sábado 30 pola mañá.