5/3/08

Principian os Torneos Alevíns

Coma todas as tempadas chega a salsa dos Torneos de Fútbol 7.
Rompen as hostilidades os alevíns na Semana Santa. Estes son os acontecementos e os datos concretos que nos transmite Rafa Dacosta, o coordinador da categoría:
TORNEO AROUSA F-7 (fase previa):
xoves 20 e venres 21 de marzo

Grupo E: Sta.Mariña B, Conxo, Ordes, Moraña, EF Lalín
xoves 20:
16.00: EF Lalín-CD Ordes
18.00: Moraña CF-EF Lalín
venres 21:
10.00: CD Conxo-EF lalín
16.00: Sta. Mariña B-EF Lalín
(logo proseguirá a tarde cos oitavos, cuartos e semifinal)TORNEO SANTA MARIÑA F-7 (Cotogrande, Vigo):
sábado 22 de marzo

Grupo B: EF Val miñor, Sta.Mariña B, CD Lugo, EF Lalín
11.00: EF Lalín-CD Lugo
13.00: UD Sta. Mariña B-EF Lalín
16.30: EF Val Miñor-EF lalín
(logo proseguirá a tarde cos cuartos, semifinal e final)
Agora toca merecer un posto na convocatoria, que faremos pública cando a decidan os adestradores.

2/3/08

Os alevíns amarran a Liga

Se había un partido decisivo esta fin de semana este era o que resolvía a Liga alevín do Grupo 4 entre o Cruces e o EFL A. Non defraudou ao moito público que se citou no Camballón. Competividade, tensión, ocasións, goles, e fútbol de nivel. Debía haber máis partidos así.
Tras uns comenzos equilibrados, o poderoso Cruces adiantouse da man de Brais, pero sería Adrián quen inmediatamente puxese as cousas no seu sitio, primeiro cun trallazo desde fóra da área que se colou polo ángulo, e a seguir cun remate de cabeza ao saque dun corner. 1-2 ao descanso, as espadas no alto e os estrategas, Fausto polo Cruces e Willy pola EFL, a reestruturar. Na segunda parte Brais adiantou a súa posición, o que favoreceu o espectáculo de ida e volta, con constantes ocasións, a maioría para os lalinenses. Manu puxo o 1-3, pero Brais respondeu axiña cunha xogada individual: 2-3. Logo volvería atinar Manu (2-4) e aí o partido deu a volta claramente para a EFL, que á contra puido golear, pois errou un penalti, dous goles anulados a Xabi "a pulga", dous remates ao pau e moitas ocasións para marcar. A viveza de Serginho pechou o resultado. O 2-5 final cumpre a tradición alevín. NORABOA, rapaces e adestradores! (as fotos son do acontecemento)

Asalto ao liderato

Interesante se está a poñer a liga o Grupo 6 de fútbol 7 benxamín. Este sábado, arroupados polos siareiros da EFL, o equipo A que dirixe Sueiro foi quen de frear ao líder Estrada cun 2-0 e igualar con eles no cumio da clasificación, pero cun partido menos. Así as cousas, co equipo B da EFL que dirixe Pablo descansando, a liga estreitase e todo queda por dilucidar para os próximos enfrontamentos entre eles, aínda que o paso dado polo A, que realizou un partido moi serio, pode marcar a liga.
Os goles de Brais na 1ª parte e de Manu na 2ª foron suficientes para matar un partido moi complicado polo poderío do equipo estradense. Así que este grupete de camaradas que vemos na foto parece poñerse as pilas e xa agarda o derbi coa poderosa escadra do EF Lalín B.

29/2/08

Damián, reforzo para os Xuvenís

Se as finais que lle quedan aos xuvenís se prevén duras, tampouco todo ían ser malas novas para este enfrontamento ante o Carreira. De inicio o equipo de César Reboredo poderá contar con Damián (que abandonou as ringleiras do CD Lalín xuvenil e xa ten a ficha tramitada coa EFL) e con Cruces, ao que non lle chegou a sanción. En canto ao da titularidade na portería parece que o adestrador prefire manter a incógnita, pois Dani estao tomando en serio, Tino anda forte (demostrouno o sábado) e, incluso, o cadete Peña permanece na recámara.

26/2/08

Partidos importantes esta fin de semana

Os Benxamíns A da EFL reciben o sábado ao Sporting Estrada A nun enfrontamento que pode marcar moito unha liga moi igualada. Os pupilos de Sueiro deben amosar unha faciana futbolística un chisco mellor cá dos últimos partidos se queren coller o liderato. Cando menos os siareiros agardan que o mister poña toda a carne no asador, como fai nas grandes ocasións.

Pola súa banda os Alevíns A renden visita ao poderoso Cruces, o 2º clasificado a 3 puntos. Trátase do derbi final que xa vai decidir a liga. Tralo 10-1 da 1ª volta os de Willy non poden confiarse e no Camballón deben xogar tan ben como saben ante un rival que, ollo, só perdeu o partido de Lalín.

Os infantís B de Quiroga, despois de dúas derrotas consecutivas por 2-1, dispoñen o sábado da última oportunidade para engancharse á liga. O poderoso At. Melide, que os avantaxa nun punto, vén disposto a todo, pois o que perda xa o terá moi difícil para seguir a estela do líder Val do Ulla.

Os cadetes B de Toño, aínda coas dúbidas de cantos descenden nesta Liga, disputan un penúltimo partido ante un Artes que xa non os pode alcanzar pero que na súa casa vai resultar un óso duro de roer. Así as cousas, os 3 puntos soan a verdadeira necesidade.



Finalmente, trala victoria ante todo un Nicrariense, os Xuvenís de César xogan un partido a cara de can ante o Carreira, rival directo ao que poden deixar ferido de morte. Se ao final descenden seis, só vale a victoria, pois os demais seguen sumando. A pregunta que nos facemos é: quen xogará porteiro?

20/2/08

Iker, Convocado coa Selección Galega!

Iker Hurtado, o dianteiro centro do equipo Cadete A, máximo goleador da Escola de Fútbol Lalín na súa curta historia e habitual nas convocatorias da Selección de Santiago, ven de ver realizado un dos máis esperados soños: a convocatoria coa Selección Galega.
De inicio trátase dun adestramento (que terá lugar hoxe mércores, 20 de febreiro do 2008, ás 16.00 horas no campo de Calo), pero todos o vemos como outro paso adiante.
É unha magnífica noticia para o xogador, para a súa familia, para a EFL e para todo o deporte dezao. Pola nosa parte só nos queda felicitalo e desexarlle moita sorte.
As fotos da EFL pertencen á tempada inicial (2003-2004) en alevíns, e a actual (2007-2008) en cadetes.

16/2/08

COMENTARIOS no blog

Apertura a comentarios.Ata hoxe tiñamos pechada a posibilidade de escribir comentarios no blog da EFL. Os exemplos do que se ve en Internet eran e son o suficientemente irrespetuosos como para permitilos. Se agora abrimos este espazo é a modo de proba: para que fagades suxestións, comentedes o que vos preocupa, digades o que queredes dicir e fagades que todo mellore, pero sen insultos, evitando a linguaxe soez e vulgar ou as opinións infundadas e irrespetuosas cara a entidades ou persoas. Esa será a única limitación.
Se logramos que os nosos comentarios ou opinións sexan formativos e educados, como pretendemos que sexa a Escola de Fútbol Lalín, seguiremos permitíndoos. Así pois, xa que esta bitacora é cousa de todos, TOCA PARTICIPAR!
Ah, e por favor, MELLOR EN GALEGO

6/2/08

Adestradores EFL 2007-08

FÚTBOL 11:
César Reboredo (Xuvenil)
Xabier Montouto (Cadete A)
Toño García (Cadete B)
Ricardo Vázquez (Infantil A)
Xabier Quiroga (Infantil B)
























FÚTBOL 7:
Willy Alonso (Alevín A)
Rafa Dacosta (Alevín B)
Xabier Sueiro (Benxamín A)
Pablo Castro (Benxamín B)
Toño González (Benxamin C)






Trofeos da tempada 2006-2007

Os tres equipos campións da Escola de Fútbol Lalín das ligas na tempada 2006-2007 recibiron este pasado martes de entroido os correspondentes trofeos. Aínda que o obxectivo da EFL é formativo, a ninguén lle amarga un doce como o de que che recoñezan e premien os méritos. Aproveitando a festa celebrada no Pontiñas, o Xerente do centro comercial e o Presidente da EFL entregaron as copas e complicaron aínda máis a limitada capacidade de almacenaxe de trofeos deportivos da Escola.

Quen máis o celebraron foron os cativiños, aínda que moitos deles xa pertenzan a unha categoría superior.

A nós só nos queda felicitalos e intentar que sigan nesa liña de traballo e bo comportamento.

Festa no Pontiñas

Martes de Entroido: Festa da E.F. Lalín no Pontiñas de Lalín.
Fotos, bo ambiente e entrega de trofeos, para corresponder á colaboración que desde a xerencia do centro comercial teñen acordada coa directiva da Escola de Fútbol Lalín. Sen dúbida foron os máis pequenos os verdadeiros protagonistas. Acudiron en masa, levaron aos pais e formaron a festa coa súa alegría, ademais de conseguir entradas para o cine. E ademais, como debe ser, ían disfrazados.

1/2/08

Iker e Xosé Ramón na Selección de Santiago

Se nunha anterior nova dabamos conta da convocatoria coa selección alevín de Santiago de Adrián, entre os cadetes son fixos Iker e Xosé Ramón. É xusto recordalo. Os tres se desprazaron a semana pasada á cidade das murallas para medirse coa selección de Lugo. O resultado, sendo o de menos, foron dous empates que non contentaron a ninguén.

26/1/08

O que faltaba

Esta é a foto que non tiñamos aínda nesta bitácora ou blog. O equipo B de Benxamíns dirixido por Pablo. O que ven de derrotar a domicilio ao Cruces cun contundente 0-8.

24/1/08

Cheroki, lesionado

Malas novas para a Escola de Fútbol Lalín. Segundo nos acaba de confirmar Richi, coordinador da categoría infantil, Adrián Nogueira, máis coñecido por CHEROKI, deberá deixar durante algún tempo a práctica deportiva debido a uns problemas que viña arrastrando nun xeonllo. Os médicos aos que acudiu coa súa familia así o aconsellan, polo que o espectacular cancerbeiro do equipo infantil A, que xa debutara cos cadetes, incluso na Liga Galega, será baixa nas próximas xornadas, o que complica aínda máis a problemática da escaseza de porteiros nas categorías de fútbol 11.
Desde a EFL, os teus amigos, desexámosche unha pronta recuperación. Botarémoste de menos. Seguro.

Adrián, coa Selección de Santiago

Calquera que asista aos partidos da EFL se decatará de que hai xogadores con maior potencial que o da súa categoría, polo que en moitos casos xogan partidos cos equipos que non lles corresponde pola idade e que, ademais, resultan decisivos nas victorias. Adrián Iglesias Moure é un deles, pois desde que chegou á Escola de Fútbol Lalín demostrou, ademais do seu potencial físico, que en pouco tempo se pode lograr unha enorme mellora técnica e táctica, iso sen deixar de ser un excelente compañeiro.
Pero se hoxe aparece aquí non é polos seus goles, senón porque figura na convocatoria da Selección Alevín de Santiago que xogará a Fase Galega. Debuta este xoves 24 de xaneiro ante a escuadra de Lugo.

23/1/08

Xosé Luís, "RUCHO", debuta en 3ª co CD Lalín

Xosé Luís Lamas, máis coñecido polo nome futbolístico de Rucho entre os compañeiros da EFL, aínda sendo xuvenil, debutou o domingo en 3ª División co CD Lalín. Foi na segunda parte, ante o Arousa, partido que rematou 2-1 para os locais.
Durante as catro tempadas que estivo na Escola de Fútbol Lalín, onde se formou desde a pretempada 2003-2004, ano da súa fundación, Xosé Luís, ademais das súas enormes cualidades deportivas, sempre se distinguiu polo seu traballo e magnífico comportamento. Ao longo das categorías infantil, cadete e xuvenil, baixo as ordes de Montouto na primeira e de César nas tres últimas, a pesar dalgunhas lesións que tivo que soportar, formouse como un magnífico central e mellor compañeiro e alumno. Os membros da EFL queremos felicitalo e, ao tempo, poñelo de exemplo de seriedade e constancia. O seu debut en 3ª é un premio para el e para todos nós.
Nestas fotos vemos a súa evolución. Aí o temos desde os inicios na pretempada de infantís nas beiras do campo, pois o de herba artificial estábase facendo, pasando polas formacións infantil, con algún lance de xogo, a cadete, coa celebración do ascenso, ata o equipo xuvenil.Noraboa, Rucho.

15/1/08

Ante todo: esquí acuático

Esta fin de semana aliáronse todos os elementos para fomentar a práctica do deporte na herba artificial do estadio Manuel Anxo Cortizo, o que pasa é que houbo certas confusións, pois os que foron ao campo non levaron nin bañador nin moito menos esquís. Así que houbo que improvisar unha modalidade máis próxima ao water-polo que ao fútbol, porque outra cousa non habería, pero auga... a baldes!

13/1/08

Primeiras formacións Benxamíns

BENXAMÍN A: De pé: Sueiro(adestrador), Lorenzo, Brais, Alex, Rivas, Manu. Anicados: Rubén, Martín, Fran, X. Manuel e Oscar
BENXAMÍN C: De pé: Toño (adestrador), Blankiño, Marcos, Dani Ramos, Manuel. Anicados: Fran, Marcos Díaz, Álvaro, Jacobo, Guille e Carlitos.

8/1/08

Paso aos Benxamíns

Tiveron que pasar catro interminábeis meses nos que o coordinador fixo malabares para "entreter e motivar" sen competición, pero chega o momento agardado: PRINCIPIA a LIGA BENXAMÍN.

Con tres equipos, con moitas caras novas (máis ca nada pre-benxamíns) e con todos os desexos de pasalo ben, érguese o pano para os máis cativos.
Nesta tempada, que chega ata finais de Xuño, Toño, Pablo e Sueiro dirixen as escadras da categoría máis complexa da Escola de Fútbol Lalín, por cantidade e por problemática, debido ás idades dos xogadores.
Na EFL agardamos deportividade e o máis exquisito comportamento, dentro e fóra do campo. Os rapaces meréceno, e nós gocemos do espectáculo e colaboremos.

Arrinca a 1ª xornada con estes enfrontamentos:
EF Lalín A- At.Melide

Dubra - EF Lalín B
EF Lalín C - Silleda
Aínda que nestas fotos non están todos, que ninguén o dubide: chegará o seu intre.

4/1/08

Ánimo "Bandeira"!

Xa non está con nós, pero non importa. Adrián, alias "Bandeira", nas tempadas que pasou na Escola de Fútbol Lalín deixou sobradas mostras da súa calidade persoal e deportiva como para que agora non nos acordemos del. E moito máis neste difícil intre, cando leva tantos meses sen poder xogar por mor dunha grave lesión.
Desde a familia da EFL, cunha foto súa de hai anos, queremos darlle ánimos para que volva canto antes aos terreos de xogo co seu actual equipo, o CD Lalín xuvenil.
Agardamos o teu regreso!

2/1/08

Os de Conxo

Chéganos en exclusiva a foto dos vencedores do Triangular alevín de fútbol 7 de Conxo. Non hai mellor maneira de despedir o ano 2007 que amosar o potencial en Compostela.
De pé: Rafa Dacosta (adestrador), Marcos, Ionatan, Dani Areán, Serguinho, Manu, Adrián e Xosé Ramón. Anicados: Dani Gómez, Xabi Rei, David Domínguez, David García, Xabi "a Pulga", Rodrigo e Jorge.