2/3/09

Poderío Infantil

Nin o mal tempo (neve, choiva, sol...) nin os rivais (algúns de entidade, aínda que poida parecer o contrario), nin o troco de adestrador (Willi por Quiroga) nin os campos de diferente superficie, nin sequera a acomodación propia de quen se ve superior e baixa o pistón nos adestramentos. Parece que esta promoción, nacida coa Escola de Fútbol hai cinco tempadas e media, que pasou polas maos de varios adestradores e que foi incorporando elementos moi destacados (por exemplo Adrián, Juanillo, Brais, Edu, que se engadiron aos que xa había), quere seguir facendo historia deportiva con nós. E vaino lograr, pois xoga moi ben ao fútbol e bate aos seus rivais "con misericordia" (procurada polos adestradores) sábado tras sábado nunha 1ª autonómica infantil na que só o Sporting Estrada, e a duras penas, é capaz de intentar seguir a súa estela.
Está claro que é unha tempada coa categoría equivocada, pois polo visto nos enfrontamentos cos equipos de Liga Galega (victoria ante Calasancio, Ourense, Cidade, Conxo e Pavillón; derrota ante Deportivo e Lugo) farían un magnífico papel arriba. Xa que non é posíbel, haberá que agardar a unha fase de ascenso na que seica imos ser o coco (pero sen confianzas) para a que xa estamos clasificados e que a mellora chegue mediante certos amigables de nivel e nos partidiños dos luns cos cadetes.As imaxes pertencen ao encontro do sábado contra o Cabo de Cruz: outro enorme monólogo en ataque, como se pode ver. Tamén están un gol de Marco e outro de espectacular golpeo de Edu.

1/3/09

Duelo fratricida

Como vedes, os incondicionais non faltaron á cita.


Era sábado e facía bo tempo. Os pais e nais estaban dispostos nas gradas. As plantillas ao completo. Os adestradores inquietos, pero con todo preparado. O espectáculo presentíase. E non defraudou. O derbi benxamín da Escola de Fútbol Lalín entre o equipo A e o equipo C foi, ante todo, un duelo fratricida de alto nivel e moita intensidade no que todos participaron. O resultado final, por certo moi axustado, é o de menos. O de máis foi ese pouso a festa deportiva e bo ambiente que nos quedou a todos.
Os dous planteis xusto antes da contenda.
Nando e Manu no seu particular duelo.


21/2/09

O ADESTRAMENTO INVISIBLE

Sempre á hora de planificar un traballo anual tódolos adestradores nos atopamos cun problema. Que cantidade de exercicio imos facer. Canto lle imos adicar á resistencia, canto a forza, canto ao desmarque, canto ao remate de cabeza,... E calculamos, facemos números para non facer de menos, nin de máis. A medida xusta e necesaria, algo que xa de por si resulta moi difícil e máis tendo en conta que non so temos que calcular un ano, senón os 10 anos que os rapaces pasan na Escola. E decidimos: 3x3 cun comodín nun espazo de 20x20m, por exemplo. E cremos que esto chega para facer unhas grandes persoas e uns futbolistas capaces de pensar por eles mesmos.


Pero o que nunca temos en conta e que sempre está ahí é o adestramento invisible. Aqueles que os rapaces fan pola súa conta. Os partidos no parque (nun campo circular, cun palco que lles obliga a orientar o campo en diagonal), os "reis da pista" dos recreos (onde non só xogas cos amigos da túa categoría, senón con maiores e pequenos), os campeonatos escolares, as pachangas onde non vale "furar" e o balón é "alta" cando o porteiro non lle chega,... E claro, chegan os rapaces con dores nos talóns, nos xeonllos,... todo froito dese exercicio diario ao que os rapaces se ven sometidos. Pero, a pesar de que nalgúns casos é necesario descansar, que non nos falte ese fútbol da calle, onde toda a creatividade do xogador aparece para resolver problemas que nun campo de fútbol nunca lle poderiamos ofrecer: esquivar unha farola, facer unha "parede" cunha parede, aproveitar un escalón dunha aceira para frenar máis rápido, cargar a un contrario para que non te espeten nun valado,... Fútbol de supervivencia, pero tamén fútbol de verdade. Por todo esto e sempre que o corpo aguante:

DIVIRTÁMONOS XOGANDO AO FÚTBOL

17/2/09

BENVIDA ANDREA


Por fin chegou a primeira nena a Escola. Xa somos un equipo mixto. Andrea Seijas se convirte así na primeira xogadora da Escola de Fútbol Lalín. Formará parte do equipo A da categoría alevín, flamante lider da categoría, xunto ao seu irmán Alex. Debutará esta fin de semana frente ao SD Silleda B e de seguro que será con bo pé. Se alguén quere vela que se achegue o domingo as 10.30 ao estadio Outeiriño de Silleda e poderá disfrutar, coma sempre, do espectacular xogo deste equipo.

9/2/09

Aviso por Temporal

Debido ao paso do Temporal,
hoxe luns 9 de febreiro
SUSPÉNDENSE OS ADESTRAMENTOS
dos equipos BENXAMÍNS na EFL


En canto ao fútbol 11 (Infantís, cadetes e xuvenís):
NON SE SUSPENDEN os adestramentos
,
pero se o temporal vai a máis ou se ve que as condicións meteorolóxicas non son as adecuadas para a práctica deportiva, recoméndase que os xogadores non se acheguen ao campo.
Os adestradores estarán alí por se podemos adestrar.

8/2/09

O deterioro das instalacións

Xa sabemos que o paso do tempo e mais o moito uso ao que viñemos sometendo as instalacións do campo de herba artificial ía provocar un deterioro lóxico. Iso demostra que cumpren plenamente coa finalidade para a que foron creados. Non obstante son moitas as deficiencias que están a presentar e das que temos que dar conta canto antes, pois non se está realizando o MANTEMENTO, tamén lóxico, que debería realizarse. Se hai días xa tivemos un serio accidente ao esvarar un xogador da EFL, nesta entrada só queremos amosar o lamentable estado dos vestiarios. Se as fotografías non son o suficientemente claras, calquera pode pasar polo Estadio Manuel Anxo Cortizo e certificar as condicións nas que se atopan. Os azulexos caen cada día. As paredes desfanse pouco a pouco. O perigo e as condicións hixiénicas son cada día máis penosas e o exemplo para os moitos equipos que nos visitan cremos que non é o que nos debe representar como entidade deportiva e como concello. Se queremos que os centos de rapaces que se ispen, duchan e visten aquí sexa o mellor posíbel, ¿non teremos algunha solución para esta auténtica desfeita?

7/2/09

Cambios Deportivos na EFL

Recén iniciada a segunda volta, un problema nas vértebras lumbares do adestrador do equipo A da categoría Infantil provoca un cambio imprevisto no Equipo Técnico da Escola de Fútbol Lalín. Xabier Quiroga deixará de adestrar ao seu grupo para preocuparse pola súa saúde. A solución a esta marcha buscouse dentro da EFL: Guillermo Alonso, máis coñecido por Willy, será o que se faga cargo do equipo, sen por iso deixar de adestrar e dirixir ao seu equipo alevín.
Así pois, a partir desta semana e durante a tempada 2008-2009, seguramente xa non volveremos a ver a Quiroga dirixir adestramentos e partidos, pero si colaborando na oficina e exercitándose cos diferentes equipos da Escola para recuperar a súa maltreita espalda. Pola súa banda, Willy aumentará aínda máis o volume de horas de traballo no campo, e ocuparase de dous dos mellores equipos da EFL.

28/1/09

Partido decisivo

1ª división infantil autonómica. Grupo 3. Inicio da 2ª volta. Partido polo campionato.
De fronte as dúas mellores escuadras da Liga. EF Lalín A e Sporting Estrada. Os dous empatados a puntos. Os dous con só cinco goles encaixados!! Os dous practicando un bo fútbol e destacados dos seus perseguidores. Lixeira vantaxe para os dezaos, polos goles a favor e por xogar na casa. Pouco máis. Pero, quizais por iso, nótase exceso de confianza, relaxación nos adestramentos, falta de sacrificio e motivación nos nosos. Quiroga, un tanto cabreado, desconfía. Temos a baixa confirmada de Iago I (catro semanas). Juanillo, toda a semana na neve, foi convocado, o mesmo que Marco, renqueante por unha contratura, e Dani, se supera a súa gripe. Jorge Meixide, repescado a última hora co A, seica ten problemas físicos, polo que tamén aparece na lista o alevín Martín. Aínda así, serán capaces os nosos infantís de vencer e convencer para deixar case resolta a Liga?
Saberémolo o Sábado 31 de xaneiro, a partir das 11.00
no Manuel Anxo Cortizo.

22/1/09

CHEGOU O DEBÚ

Por fin. Despois de moitos desplazamentos a Santiago para adestrar coa selección, chegou o momento do primeiro partido. Convocados da Escola na categoría alevín tiñamos a tres xogadores: Xabi a "pulga", Xosé Ramón e Martín. So Martín puido acudir. Os outros dous xogadores non asistiron por motivos académicos, xa que lles coincidía o partido coas clases. O resultado é o de menos (6-3 gañou A Coruña), pero si que queda en mente a boa actuación de Martín, autor dos dous primeiros goles que poñían a Santiago por diante (e xogando de defensa).



Na foto podemos ver os duros adestramentos aos que son sometidos cada luns en As Cancelas.

21/1/09

Momentos EFL

Despois dun tempiño vagueando co blog, cos discos lumbares resentidos e con escasos datos aportados polos adestradores e polos que deben dar noticias (xogadores incluídos), remexendo no arquivo dos recordos fotográficos (e co ánimo de non cansar con palabras) atrevémonos a colocar algunha instantánea que nos lembra eses momentos da EFL, uns de ledicia polo esforzo, outros de xogo de camaradas ou mesmo arrapañando caucho no canto de atender ao partido, algún de desgaste e moitos moitos de amizade pura que será para sempre. Vai por eles, os momentos.

8/1/09

A economía da EFL

PAGO DE COTAS DA E.F.L..
Lémbraselles UNHA VEZ MÁIS a todos os xogadores e pais que pagan a cota da E.F.Lalín a prazos que derán aboar SEN MÁIS DEMORA o segundo prazo xa sexa nas contas da E.F. Lalín en Caixanova ou en CaixaGalicia, ou ben na oficina da EFL.

27/12/08

Xa foi: 3-3 entre pais

Nin o mal tempo nin a hora intempestiva, nin a ferruxe nas articulacións nin o café tomado a medias, nin o malfado de xogar unha vez ao ano nin as ganas de gañar e non dar. O partido entre pais da EFL (as nais estiveron por fóra) celebouse cunha moi elevada concorrencia de xogadores, case 30 valentes -algúns con retraso evidente-, e cos gradaríos abarrotados -como estaba previsto, dado o nivel técnico e táctico dos contendentes, pois o físico deixámolo para outra xeración-. O resultado final de 3-3 foi o de menos, o de máis foi a festa e o ánimo que amosaron. Ver as canelas ao aire dalgúns carrozas -con perdón- foi o mellor agasallo para os fillos/xogadores da EFL. Por iso os felicitamos, por estar alí e por facer Escola.Aínda que as mostras fotográficas non son do mellor, debido á hora tan escura á que remataron e á baixa potencia dos flash, non queda outra que ensinar os equipos ao remate da contenda.

26/12/08

Partido de pais/nais

Chega o tradicional partido de PAIS e NAIS.
o auténtico espectáculo da EFL!
Parece que os pais e nais de futbol 7 (alevíns e benxamíns) xa gañan por goleada e ánimo aos pais e nais de fútbol 11 (infantís, cadetes e e xuvenís). Falamos de anotarse, eh. Vintetantos de fútbol 7, tres ou catro de fútbol 11. Parece mentira. Así a todo, confirmado, haberá partido:
A data: sábado 27 de Decembro
A hora de inicio: 16.30
Para os que non veñan ao campo, aí lles vai unha felicitación da EFL.
Con todo agarimo da grande familia da Escola de Fútbol Lalín

24/12/08

O Apalpador, de novo na EFL por Navidade

O vello carboeiro baixa estes días das montañas para achegarse aos nenos e nenas da Escola de Fútbol Lalín e traerlles agasallos. Aí vén o apalpador! Non lle teñades medo.

Detalle do calendario 'O Apalpador cos movementos sociais'

E quen é o Apalpador? O Apalpador é un vello xigante galego, de oficio carboeiro, que vive nas devesas das altas montañas do noso país. Na noite de Nadal baixaba ás aldeas para achegarse aos nenos e ás nenas que durmían. Caladamente, apalpáballes as barrigas para ver se os pícaros estaban ben mantidos. Logo de desexarlles que no ano vindeiro non pasasen máis fame e vivisen con fartura, marchaba deixándolles unha boa presada de castañas quentes.

A información e imaxe está tirada do portal Vieiros, no seguinte enderezo:http://www.vieiros.com/nova/71036/ai-ven-o-apalpador Se temos tradición propia, para que precisamos de Santa Claus?

E chegou o Apalpador a casa de Chus e Elías e alí apalpou as súas barrigas. Xa estaba deixando a presada de castañas cando veu a Franchi durmindo. Apalpoulle a barriga e pensou: "a este home non lle chega cunhas castañas. Vai precisar algo máis para poder medrar".

Na foto podemos ver cal foi o regalo para a familia de Franchi que o Apalpador lles deixou este Nadal.

23/12/08

Adrián debuta na Liga Galega Cadete

Se xa estaba arrasando en goles na súa categoría (leva 36 na 1ª autonómica infantil), na primeira convocatoria co equipo de Montoto, nada menos que a Liga Galega Cadete, o infantil de 1º ano Adrián Iglesias Moure resolveu o partido aprazado contra a Comercial de Lugo en 45 minutos: el provocou o penalti do 1-0 e meteu coa xerga o 2º gol que pechaba o marcador. Espectacular.Pero realmente Adrián non fixo máis que manifestar a neta superioridade do equipo cadete da EFL en todo o partido, pois por dominio, claras ocasións de gol e creación de xogo colectivo os dezaos foron moi superiores a un equipo que ocupaba os postos altos da táboa. Importante vitoria, pois, que sitúa aos nosos cadetes nos postos de privilexio e con todas as aspiracións intactas para unha segunda volta que se intúe moi competida.

BO NADAL E VENTUROSO ANINOVO

Chegadas estas datas desde a Escola de Fútbol Lalín queremos desexar, a toda a nosa comunidade e seguidores, un BO NADAL e un FELIZ ANINOVO. Desexamos poder seguir traballando como ata agora, coa axuda de todos e todas e seguir disfrutando do fútbol en estado puro que nos ofrecen cada fin de semana os nosos rapaces e rapazas.
E para iso nada mellor que un brinde por parte dalgúns xogadores da categoría alevín e unha postaliña .
VAI POR TODOS/AS.

14/12/08

Duro inverno

Se xa o di o refrán: Cando Santos acaba, o inverno empeza.
Para a Escola de Fútbol Lalín acontece outro tanto, pero a competición prosegue. Nin xeada nin auga nos deteñen. Poderá ser patinaxe ou waterpolo, pero os partidos e adestramentos teñen lugar sen, case, retraso.E senón que llelo digan aos esforzados xogadores do Infantil B, pasados por auga nun campo no que, descoidado no mantemento, xa non escorre a auga nin evacúan as canles laterais, ateigadas de caucho.
A propósito disto. Cumpriría que quen ten responsabilidade no tema se puxese en serio e levase a cabo a anunciada tarefa de mellorar un campo que empregan centos de cidadáns de Lalín e que, pouco a pouco, se vai deteriorando ata, se a cousa prosegue, botarse a perder unhas instalacións que tanto dan aos deportistas.
Outra cousa é a neve. Esa si que paraliza, pois os equipos non se desprazan pola perigosidade das estradas e hai que suspender algúns partidos. Pero como tampouco hai mal que non veña ben, se queres facer deporte, este é o momento de perderse polas corredoiras nevadas da comarca, por exemplo en bicicleta de montaña co Club AlamBIKE de cicloturismo (publicidade). E non pasa nada. Ou si, pásalo ben.

8/12/08

OS BENXAMÍNS ¡COMPETINDO! UN ANO MÁIS





Xa temos aos tres equipos de benxamíns competindo nesta temporada 08/09. Un ano con cambios e novas ilusións: as incorporacións de dous novos adestradores, NANDO e MANU, e unha estrutura distinta nos grupos de adestramentos e equipos. Como sempre se fixo, seguimos na procura dunha formación integral dos nosos deportistas e o disfrute da práctica deportiva. Moito ánimo a todos: xogadores, familias, directivos e adestradores.


6/12/08

Volve o Maior espectáculo da EFL!!!!!

Non se trata dun derbi, tampouco dun partido decisivo, moito menos de gañar un campionato, de celebrar un ascenso batuxando a todo bicho presente nunha fonte posta adrede moi ao lado (como vemos na foto). Non. Hai feitos máis relevantes na EFL, desde logho.O maior espectáculo da EFL é outro ben diferente e que implica aos que nunca se visten de curto, os que non se mollan (ou se mollan en exceso), aos que animan ou berran ou sofren ou fan de todo un pouco. Esas e eses, si.
Despois dunha tempada ausente da programación de Nadal, a Escola de Fútbol Lalín decidiu retomar o tradicional partido de PAIS e NAIS.
Puro espectáculo, abofé!
E todo está decidido. Será como sempre foi, de pais e nais de futbol 7 (alevíns e benxamíns) CONTRA pais e nais de fútbol 11 (infantís, cadetes e e xuvenís). A morte, ou case.
A data: sábado 27 de Decembro
A hora: 16.30
E como apuntarse? Aínda que sexa a rastro, os rapaces deben convencer aos seus proxenitores para que se apunten (ou facelo eles) nas listas que os adestradores poñerán no campo.
En catro semanas podes poñerte (algo) en forma. Ademais, para baixar o atracón de doces navideños tampouco virá mal vestirse de curto. Ou que?
Ánimo, e ter en conta que o posto de titular vai estar moi moi caro!

3/12/08

Chova, neve ou arrefríe

Son, case, heroes os valentes que nestas xeiras de inverno cru seguen atrevéndose a aparecer polo campo para adestrar. Eles, que tamén teñen exames e deberes e prepáranos antes para ter tempo para o seu deporte favorito, non deixan de vir, queren mellorar, regresan á EFL un día si e outro tamén para facer equipo e seguir medrando en todos os sentidos. Hainos de todas as categorías, non se cren nin bos nin mellores, por moito que estean arriba ou abaixo na táboa clasificatoria, compitan ben ou non tan ben. Non protestan. Non se cren. Son humildes e constantes. Queren aprender. Posúen eses valores que non hai que perder, nin sequera de vista. Para eles vai esta entrada. Ti es deses ou...?