11/4/09

ENORMES ALEVÍNS


Enormes, fantásticos, excepcionais. Non hai outros calificativos que poidan definir o comportamento deportivo e humano dos nosos xogadores nos torneos de Vilagarcía, Alondras e Ourense (benxamíns). Vou tentar facer un breve resumo. No torneo da Arousa Cup, levabamos dous equipos, con dous obxectivos ben diferenciados: un forte equipo A que aspiraba a colarse entre os mellores e un equipo B que ía para disfrutar do fútbol e do ambiente de festa que se pode vivir nestes eventos. O B fixo unha meritoria actuación loitando como leóns en tódolos partidos, ainda que os rivais eran moi fortes. Ainda por riba tiveron as peores condicións metereolóxicas do torneo.

O EFL A estivo enorme nestes tres días. O xoves vencemos ao Ourense (0-3) e a o Xuventude de Oroso (2-0). O venres victoria sobre o Ribadumia (2-0) e contra o Vilagarcía (0-5). Mala sorte nos cuartos de final, xa que sendo superiores non puidemos gañar (0-0), quedando eliminados do torneo nos fatídicos penaltis e sen encaixar un só gol.
E chegou o sábado. A viaxe pásanos factura e Dani Gómez non pode asistir, por enfermedade. Unha baixa moi sensible despois do visto en Vilagarcía. Entra Leo no seu lugar e así somos doce xogadores e dous amigos (Guillermo e Santorum) os que afrontamos o torneo do Morrazo. O grupo dificilísimo. Primeiro sucumbiu o Racing de Ferrol (4-0) e para rematar a mañá victoria sobre o Bahía (2-0). No primeiro partido da tarde acabouse a imbatibilidade do noso equipo. Victoria por 4-1 fronte ao Val Miñor e clasificados de primeiros de grupo, evitando así ao Celta. Nos cuartos de final victoria agónica fronte a un "mal educado" A Seca (1-0 de falta faltando 2 minutos) e a semis a pelexar co coco da competición: o Sporting de Xixón. Con só 10 minutos de descanso afrontamos unha semifinal na que partiamos de víctimas, pero que afrontamos con valentía e na que decidimos quitarlle o balón ao Xixón e telo nós. Non puido ser e o seu empuxe pechábanos na nosa área. Ainda así mantivemos a fé e sistema de dous puntas. Un golazo de Martín pola escadra nos poñía por diante, pero en menos de un minuto xa acadaron o empate. Xa na segunda parte e xusto despois de lesionarse Xabi Rei nun rechace fixeron o 2-1. Pensabamos que era o final, pero nun arranque de coraxe, Martín recorreu todo o campo pegado a banda dereita, xogou con Brais que recortou e orientou o balón perfectamente para finalizar, pero pasoulle a Alberto que estaba en mellor posición, para que este recortara e disparara a porta con rosca un balón que se colou pola escadra. Empate a 2 a falta de 45 segundos e outra vez aos penaltis. Outra vez eliminados sen perder ningún partido.


Como resumo final. Impresionante actuación con 10 partidos xogados, 8 gañados e 2 empatados ante grandes rivais. So 3 goles encaixados en 10 partidos alevíns. Increíble. Tres trofeos en Alondras: 3º clasificado (por diante do Celta, Racing, Ponte Ourense,...), Mellor Porteiro (Xosé Ramón) e un que nós sempre valoramos moito: o da Deportividade. Resulta significativo que nesta fin de semana gañáramos o trofeo da Deportividade nos dous torneos no que se podía gañar: os benxamíns en Ourense e os alevíns en Cangas.

Noraboa a todos no deportivo e no personal. A seguir así rapaces.

9/4/09

COMENZAN OS TORNEOS

Estabamos agardando todos este momento. Por fin hoxe xoves comenza a tempada de torneos para os cativos da Escola. Os alevíns desprazaranse ata Vilagarcía para disputar a prestixiosa Arousa Cup e os benxamíns achegaranse a Ourense para competir no torneo das Burgas.
Serán 2 equipos os que se desprazarán ata Vilagarcía para tentar acadar unha das dúas prazas que dan acceso á fase final e así poder enfrontarse a grandes equipos como o Barsa, Madrid, Atlético, Valencia ou Sevilla, sen esquecer ao Celta e o Depor, e a os internacionais Tottenham, Benfica, Paris Saint Germain ou Inter de Milán. Misión nada fácil vendo aos rivais, pero non dudedes que o imos tentar. O equipo B estará encadrado no grupo D (o grupo da morte) xunto a Cruces, Pabellón, Villestro e Atlético Cuntis. Grupo dificilísimo con dous dos clasificados o ano pasado, Pabellón (clasificado 3 anos seguidos) e Villestro e un de sobra coñecido Cruces. O debú será contra o Cuntis ás 16.00.

O equipo A terá un camiño un pouco máis despexado. Enfronte no grupo E terá ao Ourense coma equipo máis forte e logo os enfrontamentos perante o Ribadumia, Vilagarcía B e o Xuventú de Oroso. O debú deste equipo será as 16.30 hoxe fronte ao Ourense.

Se non ides a viaxar para animar podedes seguir a evolución do torneo na páxina web http://www.arousafutbol7.com/, na sección de partidos.

7/4/09

7-0 e LIGA no PETO

Sabíase da nosa superioridade e había quinielas sobre o resultado (todas favorables), pero na realidade o agardado e retrasado partido do Infantil A contra o Estrada foi un paseo militar do equipo que dirixe Willy. O 7-0 final, e porque a 2ª parte o carrusel de cambios ralentizou a goleada, fala ben ao claro do poder do infantil A: intenso, dominador e moi efectivo. Tanto que o equipo visitante desde o minuto inicial soubo quen non levaría a vitoria, pois en tres ataques os do Deza xa se puxeron 2-0 con goles de Dani e Marco.
Levábanse xogados 15 minutos e só faltaba o máximo goleador da Escola de Fútbol para sumarse á festa. E como o fixo! A pesar da marcaxe tan estreita á que foi sometido polos dous centrais estradense, Adrián, "o matador", espetoulles 4 goles plenos de forza e calidade, que engadidos ao golazo de Edu na primeira parte redondearon o marcador.Despois deste contundente resultado, xa co 2º clasificado a 11 puntos e o goal average particular a favor, o Infantil A gaña a LIGA, quere acabar invicto e prepara a fase de ascenso na que, aínda sendo favoritos, non convirá confiarse.
Pola EFL, aliñación de gala: Kevin na portería; Iago II, Serxio, Guille e César en defensa; Edu ,Juanillo, Marco e Brais no medio campo; Adrián e Dani en ataque. Tamén saíron: Currás, Serginho, Jorge Vilas Suso e Vítor.

6/4/09

CAMPEOOOONS, CAMPEOOOONS, OEOEOE.

Mañá magnífica de domingo para a Escola. Empezaba cun trunfo para o Alevín C perante o Bandeira, nun encontro moi disputado, pero onde os nosos souberon sobrepoñerse as baixas de Manu e Iván para gañar por 5 a 2. O encontro que estaba programado para as 10.30 empezou unha hora máis tarde por erro da Federación o que provocou retraso no partido do Alevín A e restou algo de afluencia de público ao coincidir coa saída de Fernando Alonso.
Ás 12.00 en punto comenzou o partido do B contra o Silleda B. Un encontro sen historia onde os nosos foron os dominadores do xogo e o resultado (9-1). Destacar o golazo de falta de Dani Seijas. E ás 12.30 chegou o momento máis esperado da mañá. O partido que decidía unha liga. Enfronte do noso Alevín A estaba o Silleda, un equipo con bos xogadores e unha gran fortaleza física. As gradas ateigadas de xente para ver o espectáculo que o noso alevín nos ía dar. Os xogadores dos outros equipos atentísimos ao partido (ainda que o B ainda estaba xogando o seu), esperando esa victoria que nos dera o título de liga, o acceso á Champions e, sobre todo, á celebración, á festa.
Comenzamos dominando o xogo, coma todo o ano, con moitas e claras ocasións que non puidemos materializar. 5 claras nos primeiros 4 minutos, pero foi o Silleda o que inaugurou o marcador. 0-1 nunha contra que poñia a todos nerviosos. Menos a Willy, que bo coñecedor do seu equipo non se cansaba de repetir que xogando ben o gol sempre chega. E así foi. Gran pase de Brais a Manu que volea de primeira, un nada fácil balón, para conseguir o empate. Roubo de balón de Martín no medio campo, un paso, e PUM, para dentro. Golazo por toda a escadra que limpa as telarañas antes de entrar. 2-1 e todo no seu sitio. Ao descanso 3-1, que aínda deixaba un partido aberto para a segunda parte. Chegan os cambios. Iago na portería e Alex e Andrea na dianteira e o equipo para nada baixa o seu nivel. Seguimos mantendo a posesión do balón, que é a mellor forma de atacar e, sobre todo, de defender. Van caendo os goles, para rematar cun quizais curto 7-1 que desataba a alegría de toda a familia da Escola. Todos esperando como se dunha saída de atletismo estiveramos a falar. Preparados, listos, PI,PI, PI. Os rapaces dos tres equipos no centro do campo celebrando un sufrido título, que non se decidiu ata a derradeira xornada, gracias a un gran Cruces que nos tivo contra as cordas. Despois todo un clásico da categoría alevín: fonte, baño dos adestradores e comida. E todo esto nun gran ambiente, onde o público animou constantemente e ata Franchi foi a misa para rezar pola nosa victoria.
NORABOA ALEVÍNS!!!!

5/4/09

Lembrámoslles a todos os/as socios/as o Calendario electoral.
Convocadas eleccións á presidencia da E.F.L., por acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria do día 13 de marzo de 2009, estableceuse o seguinte calendario electoral:
Prazo de Presentación de Candidaturas: do 13 de marzo ao 13 de abril de 18,00 a 22,00 h.
Proclamación de candidatos: día 14 de abril.
Votación se houber máis dunha candidatura: venres, 17 de abril de 20,00 a 22,00 h.

4/4/09

Espectaculares xuvenís!!!!!

Se ben era moi certo que tiñamos un tanto esquecida a categoría xuvenil neste blog, non por iso deixamos de estar con eles e apoialos, nos bos e nos malos momentos. O que pasaba era que cadraba mal para facer fotos e cadraba mal para ilos ver. Pero tiñamos contraída unha débeda con este equipo, como ben nos recordaban os atinados comentarios. E hoxe queremos pagala.
E sería nun importante partido onde puidemos comprobar o que xa se presentía: a espectacular 2ª volta que están a facer, refrendado cunha non menos espectacular 2ª parte ante todo un 2º clasificado, o poderoso Cacheiras.
Como nada importante resulta doado no deporte, o partido púxose custa arriba xa aos 10 minutos (0-1). Pero reaccionou deseguido a escuadra de César cun magnífico remate de cabeza Manuel (na foto). Era o 1-1 que fixo xustiza á igualdade que se vía no campo. A segunda xa foi outro cantar, por preparación, por intensidade, por saber estar os dezaos impuxeron sempre o seu fútbol. O Cacheiras case non inquedou a meta de Dani e as ocasións da EFL sucedíanse. Pero o balón non quería entrar. Ata que por fin, no minuto 70, Alvarellos puxo o balón na área para que un oportuno Diogo atinase a introducilo na portería e desequilibrar a contenda. Era o 2-1 e empezaron os cambios dos xogadores lesionados (Marcos, Diogo e Óscar) por outros de refresco (Marcos Rodríguez, Miguel, Brei e Cristian) que fortaleceron aínda máis ao equipo. E sería un Brei incordiante e todoterreo quen no minuto 85 mandase o balón á mesma escuadra para poñer a tranquilidade nos seareiros. Era o 3-1 final, que realmente puido ser máis amplo se non fose polos postes e polas boas intervencións do meta visitante.
En resumo: tres puntos que nos disparan cara arriba na clasificación, polo que seguimos pelexando por estar na fase. E o que resulta máis esperanzador aínda, vese poder e bo ambiente nun equipo no que todos estiveron a gran nivel, desde un seguro Dani a un perigoso Diogo, pasando polos efectivos centrais Pacheco e Xoel, o poderío do cadete Xosé Ramón, a agresividade de Óscar, a creatividade de Roi, a calidade de Alvarellos e a forza de Manuel, sen esquecer as aportacións fundamentais de nomes coma Marcos, Xosé Manuel, Brei, Miguel, Marcos Rodríguez, Cristian e toda unha plantilla ben dirixida por César e preparada para o que vai vir, que será difícil, pero non imposíbel. Noraboa, pois.

FESTA DO FÚTBOL

Hoxe sábado puidemos disfrutar da primeira festa do fútbol desta fin de semana cos partidos de categoría benxamín. Enfrontábanse ás 11.30 no M.A. Cortizo o EFL A co líder imbatido o SP Estrada A no campo 1. O resultado foi de 0-3, pero non refrexa o visto no campo. Un partido moi igualado onde o Estrada ofreceu unha gran orde e saber estar (aderezado con grandes xogadores), pero onde o control do balón foi noso. Con un pouco de sorte de cara ao gol o resultado ben seguro que sería outro.
E no outro campo celebrouse un gran derbi, entre os equipos B e C da Escola. Partido competidísimo que se rompeu nos derradeiros 10 minutos (3-2 para o C faltando 9 minutos). 3-7 a favor do B ao final, que é excesivo vendo os méritos de ambos equipos. O resultado máis xusto podería ser un empate, pero o fútbol é así. Ata en muletas estaban espatados.


Noraboa aos 3 equipos que estiveron fantásticos e noraboa tamén ao público que soubo disfrutar do espectáculo e aceptar o resultado coma un elemento máis da formación deportiva e personal dos rapaces, sen dramatizalo.
UN APLAUSO PARA TODOS E TODAS!!!!


1/4/09

APAIXOANTE FIN DE SEMANA

Para todos aqueles amantes do bo fútbol, temos esta fin de semana tres citas que non nos debemos perder. Por un lado, o sábado pola mañá, ás 11.30, se citarán no campo de fútbol os xogadores de categoría benxamín. Non todos, que é imposible, pero moitos, arredor de 50 rapaces nos farán disfrutar co seu fútbol. Podemos ver o derbi entre os equipos B e C da Escola e ao EFL A loitando por infrinxirlle ao SP Estrada A a súa primeira derrota. Dous auténticos partidazos que ninguén se debería perder.


O sábado pola tarde noite, serán os xuvenís da escola os que loiten contra o Cacheiras para tentar alcanzar ese quinto posto que da acceso a fase de ascenso. O frío non pode ser excusa para non animar a estes rapaces que no seu derradeiro encontro gañaron por 1 a 9. A cita ás 20.00.
E finalmente, o domingo pola mañá remata a liga alevín no M. Anxo Cortizo. Os tres equipos da Escola loitarán por conseguir unha victoria. Así a EFL C xogará ás 10.30 contra o Bandeira, na que será a súa despedida da liga e a EFL B e A xogarán ás 12.00 con dous obxectivos ben distintos. O equipo B buscará unha victoria ante o Silleda B que lle permita manter o terceiro posto coa mirada no transcendental partido do martes fronte o SP Estrada A (17.30) e a EFL A que tentará conseguir a victoria que lle garantice o título de liga e o acceso a esperada Champions Alevín. O rival será un difícil Silleda A
Así que estades todos convidados a ver e animar aos nosos xogadores neste fin de semana tan importante.

25/3/09

FOTOS DOS EQUIPOS 08-09

Para termos unha referencia visual dos nosos xogadores e adestradores, nesta entrada iremos colocando as fotos dos diferentes equipos da Escola de Fútbol Lalín na tempada 2008-2009. Os nomes de todos irémolos poñendo pouco a pouco (se hai algún erro facédenolo saber, para corrixilo). Algunhas teñen meses (por exemplo na infantil A aínda non figura Willi), outras semanas, e algunhas escasos días. Non vos preocupedes, completarémolas canto antes e intentaremos que esteades a maioría de vós (loxicamente algún podía non estar convocado ou calquera outra circunstancia cando se tirou a foto).
XUVENIL. De pé: Cristian, Xoel, Brei, Albarellos, Manuel, Marcos, Diogo, Dani e César (adestrador). Anicados: Marcos Rodríguez, Xosé Manuel, Miguel, Óscar, Roi, Xosé Ramón e Pacheco.
CADETE. De pé: Diego, Xosé Ramón, Xabi, Recimil, Iker, Dani, Mario, Alex e Montoto (adestrador). Anicados: Novoa, Currás, Pablo, Bryan, David, Pato, Pájaro e Xoan.

INFANTIL A. De pé: X. Quiroga (adestrador),Brais, Iago I, Serxio, César , Jorge, Diéguez, Kevin e Michi. Anicados: Iago II, Dani, Marco, Adrián; Juanillo, Edu, Guille e Santi.
ALEVÍN A. De pé: Alberto, David, Xabi Rei, Willi (adestrador) e Andrea. Anicados: Martín, Iago, Alex, Dani Gómez e Dani Jacobo.ALEVÍN B. De pé: Alex, Leo, Guille, Rivas, Cristian, Brais, Sueiro (adestrador). Anicados: Santorum, Dani, Nico e Erik

ALEVÍN C. De pé: Toño (adestrador), Ionatan, Dani Fernández, Marcos, Cristian, Gonzalo e Dani Cagide. Anicados: Manu, Serxio, Rubi, Antonio, Martín e Iván

BENXAMÍN C. De pé: Manu (adestrador), Marcos, Edgar, Albert, Adrián, Gabriel, Dani Ramos, Íker e Gustavo. Anicados: Cristian, Cristian Machado, Franchi, Gavieiro, Óscar, Brais, Rubén e Luís.
BENXAMÍN B: De pé: Blankiño, Martín, Dani Seijas, X. Manuel, Santi, Anxo e Richi (adestrador). Anicados: David, Xacobo, Facundo, Xosé Luis e Alex.
BENXAMÍN A. De pé: Nando (adestrador), Pepe, Íván, Manuel, Rubi, Lorenzo, Alex, Borja, e Fernando. Anicados: Xosé, Santi, Marco, Nachete, Álvaro, Fran, Dani e Yerai.

15/3/09

Alevíns: a liga no peto

Partido magnífico o vivido este domingo no Camballón. Os dous equipos máis poderosos da liga, SD Cruces e EF Lalín A, empatados a puntos, coas espadas en todo o alto, dirimían a supremacía alevín. E non defraudaron. Aínda que o resultado final de 2-4 amosa certa superioridade lalinense, o encontro tivo moitas dificultades. Porque o Cruces non foi un rival calquera. Fortes, correosos, competitivos, individualmente os xogadores cruceños sempre estiveron á altura. Aínda que por detrás no marcador, o Cruces logrou empatar a dous e sementar de dúbidas ao equipo que dirixía Willi. Pero o labor de conxunto e a profundidade do banco foi definitiva. A espectacular segunda parte de Manu, complementado co poderío no disparo de Martín e o benfacer de Brais e Xabi a Pulga, xunto a un segurísimo Xosé Ramón, a solidez defensiva de Xabi Rei, dos Danis (Gómez e Jacobo) e o saber estar de David deron este triunfo á Escola e, case, a Liga.
NORABOA, e a seguir traballando.

13/3/09

CONVOCATORIA COA SELECCIÓN


De novo na Escola estamos de noraboa. Martín Dabobe, máis coñecido coma "uruguaxo", ven de ser convocado para participar nun adestramento coa selección galega alevín. Segue os pasos marcados por Dani Riádigos e por Adrián que xa participaron nesta experiencia. Alí estará xunto aos mellores alevíns de Galicia para loitar por uns dos 12 postos que darán dereito a participar nos mellores torneos estatais. Esto non ven máis que a confirmar o excelente nivel dos nosos alevíns e que o esforzo e o adestramento continuo dan os seus froitos.

ÁNIMO e a seguir TRABALLANDO

11/3/09

NOVAS DA CATEGORÍA ALEVÍN

Despois do apaixoante derbi xogado o domingo chega, de seguido, outro partido de máxima rivalidade: E.F.Lalín B - E.F. Lalín C. Atentos a data xa que será o mércores 11 de marzo ás 18.00 horas. Esperemos que sexa de tanta calidade e emoción coma o anterior.
E outro derbi máis o seguinte mércores día 18, tamén ás 18.00 horas, entre o Alevín A e o Alevín C da Escola

7/3/09

FIN DE SEMANA

PARTIDOS do sábado 7 e domingo 8 de marzo .
XUVENIL: EF. LALÍN- DUBRA S.D. : 1-0 (Óscar) .
CADETE: RÁCING VILALBÉS -E.F LALIN : 0-1 ( Iker)
INFANTIL A: S.R. CALO - E.F. LALÍN: 0-10 (Adrián 4, Edu 2, Dani, Marco, Luis Manuel, Juanillo)
INFANTIL B: E.F. LALÍN- S.D. TOURO :7-1 (Serginho 3, Michi 2, Suso, Marcos)
ALEVÍN A: E.F LALÍN- E.F. LALÍN B: 1 - 2 (Martín//Erik e Brais)
ALEVÍN B: :()
ALEVÍN C: E.F. LALÍN- CALLOBRE C.F.:1 - 3 (Manu)
BENXAMÍN A: - E.F. LALÍN- C.F. SILLEDA B: 4-1 (Guille 2, Borja 2)
BENXAMÍN B: - S.D. TOURO- E.F. LALÍN: 0-8 (Blanquiño 2, Jose Luis 2, Santi Garrido 1, Angel 1, David 1, Martín 1)
BENXAMÍN C: E.F. LALÍN- E.D. VAL DO ULLA: 10-2 (Edgar 3, Franchi 2, Adrian 2, Oscar 1, Cristian 1, Dani 1)

6/3/09

Chega o grande derbi alevín

Chega o enfrontamento no cumio alevín. Quen si e quen non pregunta: Serán capaces os de Sueiro de poder cos de Willi? Ou o que é o mesmo: Poderá poñer contra as cordas o equipo B a todo un equipo A invicto que se xogará a liga contra o Cruces na vindeira fin de semana?
Despois do visto na 1ª volta, naquel impresionante partido que todos lembramos, todo pode pasar. A resposta terémola este domingo no Manuel Anxo Cortizo. Os seareiros non poden faltar á cita.

3/3/09

ASEMBLEA EXTRAORDINARIA DE SOCIOS/AS.

O venres 13 de marzo ás 21,30 h. celebrarase no salón de actos do Ies Laxeiro de Lalín a ASEMBLEA EXTRAORDINARIA DE SOCIOS/AS da EFL. cun punto estrela na orde do día: APERTURA DE PRAZO PARA A PRESENTACIÓN DE CANDIDATURAS Á PRESIDENCIA DA E.F.L.

2/3/09

Cadetes: de novo na pomada

Cando semellaba que, tras unha serie de resultados negativos, os cadetes deixaran a súa candidatura ao ascenso para outro ano, agora, sumando de tres en tres e recortando xornada tras xornada puntos a Lugo e Comercial, o equipo que dirixe Montoto métese de novo na pomada. Polo visto loitará deica o final por acadar un dos dous postos directos que dan praza para estar o ano que vén na División de Honra. Apoio dos seareiros non lle vai faltar. Este é o grupo dos elixidos para a vitoria do pasado domingo. Seguide así!

Poderío Infantil

Nin o mal tempo (neve, choiva, sol...) nin os rivais (algúns de entidade, aínda que poida parecer o contrario), nin o troco de adestrador (Willi por Quiroga) nin os campos de diferente superficie, nin sequera a acomodación propia de quen se ve superior e baixa o pistón nos adestramentos. Parece que esta promoción, nacida coa Escola de Fútbol hai cinco tempadas e media, que pasou polas maos de varios adestradores e que foi incorporando elementos moi destacados (por exemplo Adrián, Juanillo, Brais, Edu, que se engadiron aos que xa había), quere seguir facendo historia deportiva con nós. E vaino lograr, pois xoga moi ben ao fútbol e bate aos seus rivais "con misericordia" (procurada polos adestradores) sábado tras sábado nunha 1ª autonómica infantil na que só o Sporting Estrada, e a duras penas, é capaz de intentar seguir a súa estela.
Está claro que é unha tempada coa categoría equivocada, pois polo visto nos enfrontamentos cos equipos de Liga Galega (victoria ante Calasancio, Ourense, Cidade, Conxo e Pavillón; derrota ante Deportivo e Lugo) farían un magnífico papel arriba. Xa que non é posíbel, haberá que agardar a unha fase de ascenso na que seica imos ser o coco (pero sen confianzas) para a que xa estamos clasificados e que a mellora chegue mediante certos amigables de nivel e nos partidiños dos luns cos cadetes.As imaxes pertencen ao encontro do sábado contra o Cabo de Cruz: outro enorme monólogo en ataque, como se pode ver. Tamén están un gol de Marco e outro de espectacular golpeo de Edu.

1/3/09

Duelo fratricida

Como vedes, os incondicionais non faltaron á cita.


Era sábado e facía bo tempo. Os pais e nais estaban dispostos nas gradas. As plantillas ao completo. Os adestradores inquietos, pero con todo preparado. O espectáculo presentíase. E non defraudou. O derbi benxamín da Escola de Fútbol Lalín entre o equipo A e o equipo C foi, ante todo, un duelo fratricida de alto nivel e moita intensidade no que todos participaron. O resultado final, por certo moi axustado, é o de menos. O de máis foi ese pouso a festa deportiva e bo ambiente que nos quedou a todos.
Os dous planteis xusto antes da contenda.
Nando e Manu no seu particular duelo.